xoves, 31 de maio de 2012

Rogos e Preguntas á sesión plenaria do 31 de maio

No pleno deste xoves 31 de maio, ademais das dúas mocións que, por abandono do Tripartito, teñen que ir por vía de urxencia, ao non ser incluílas na orde do día -cando foron presentadas por Rexistro dentro do prazo establecido-, Esquerda Unida realizará tres rogos e tres preguntas a este Goberno. Agardamos lle dean solución ás nosas demandas e nos respondan ás preguntas.


1º ROGO / PREGUNTA.– O paseo marítimo de Lordelo-Terra de Porto é unha zona moi frecuentada por viandantes e cicloturistas. Ata a semana pasada, estes últimos tiveron dificultades para poder circular polo seu carril delimitado debido á invasión das árbores. Tras unha denuncia pública nas redes sociais e na prensa, o Concello procedeu a CHAPODAR as ramas das árbores, algo que non debería ter sucedido si se podaran no seu momento correspondente. Para máis inri, o Concello, para dar solución rápida e tapar as críticas canto antes, optou pola contratación dunha empresa privada que procedeu a cortar sen escrúpulos as ramas de algunhas, que non todas, as árbores que invadían o carril bici. Non dubidamos que a medida que se achegue a época estival este, e outros espazos públicos, presenten unha imaxe impecable para que os visitantes nos teñan como un concello exemplar, pero o resto do ano son os veciños e veciñas da vila os que fan uso dos mesmos e teñen o mesmo ou máis dereito a facelo en óptimas condicións.

Por este motivo, dende Esquerda Unida rogamos á concellería ou concellerías correspondentes que presten máis atención a este tipo de espazos para que as persoas que se decidan polo transporte sostible poidan utilizar as súas zonas con seguridade, xa que é ao concello a quen lle corresponde o mantemento dos mesmos para que os veciños e veciñas non o teñan que demandar. Así mesmo, pedimos que se fagan as podas das árbores en condicións nas súas datas correspondentes, para evitar ter que cortalos da maneira que se fixo esta vez. 

Por outro lado, nestes tempos no que o Tripartito fai gala de "austeridade", preguntámonos;
Por qué se contratou a unha empresa privada para "solucionar" este problema? Non conta o concello con operarios municipais que poidan realizar ese traballo? Cónstanos que aínda hai zonas nas que as árbores seguen invadindo o carril bici. Cando se vai proceder a solucionar definitivamente esta demanda? 

1º ROGO.– Na zona de aparcamento do Campo de Fútbol, á altura da entrada ás pistas deportivas, había un muro que delimitaba esta zona do camiño que ven dende os Pardiños. Este muro desapareceu da noite para a mañá, o que permite o acceso dos vehículos aínda que en pésimas condicións debido ao pequeno desnivel existente entre o asfaltado e o camiño.

Xa que agora son moitos os veciños que utilizan esta zona para dirixirse ás súas vivendas e garaxes, rogamos se amañe este acceso.

2º ROGO.– Na mesma zona, hai unha parcela que se atopa a un desnivel considerable do camiño e que, ademais de non contar con ningún tipo de protección (muro ou valado), ás herbas impiden ver o perigo que supón arrimarse a ese lado do camiño.

Xa que hai rapaces e veciños que optan por este acceso para dirixirse tanto á zona deportiva como as súas vivendas, rogamos se proceda a valar esta zona ou a instar ao propietario da finca a facelo para evitar posibles accidentes.

1ª PREGUNTA.– Na semana do 7 ao 13 de maio, houbo varios días nos que Estrada do Conde permaneceu sen alumeado público durante a noite, funcionando o mesmo durante a mañá. Como sabemos, ademais de polo día, a Estrada do Conde é moi transitada pola noite, non só por coches, senón tamén por bicicletas e peóns, por ser esta un dos accesos á fábrica conserveira. Por este motivo a falta de alumeado supón un serio risco para os usuarios. De aí as nosas preguntas.

Está o Concello ao tanto deste suceso? En caso afirmativo, cal foi o problema para que non houbese alumeado público durante eses días?

2ª PREGUNTA.– Vai case un ano dende a constitución de este goberno Tripartito e en este tempo, Esquerda Unida preguntou varias veces sobre a situación dos servizos de Asistencia a Domicilio e de Dependencia, sen atopar resposta á maioría delas. Durante este último ano, os dous servizos víronse inmersos en diferentes conflitos coas traballadoras o que, provocou discrepancias no seno do Goberno Municipal, como así nos consta. Un dos servizo estivo en mans da xestión privada para logo pasar a ser xestionado polo Goberno, durante un breve espazo de tempo (tres ou catro meses) e volver a ser externalizado co conseguinte prexuízo, tanto para os usuarios como para as traballadoras. É evidente que existen diferenzas dentro do goberno á hora de xestionar estes servizos e dende a nosa agrupación demandamos que estes sexan xestionados polo Concello, para un mellor funcionamento do mesmo e en defensa tanto dos usuarios como das traballadoras que realizan estes labores.

* Recordámoslle á concelleira responsable que manifestou publicamente o seu desexo de recuperar os servizos externalizados, como consta en diferentes artigos da prensa.
* Coas empresas privadas, tanto as traballadoras de Asistencia a Domicilio como as de Dependencia acumularon retrasos nas súas nóminas de case tres meses. As mesmas tiveron problemas por reclamar os seus dereitos, tales como desprazamentos, medios e tempo de permanencia nos fogares, reclamacións que buscaban unha mellora no servizo e un beneficio para os usuarios. Lembrar que hai cuestións xudiciais pendentes con esas traballadoras.
*  Por último, resaltar os problemas que houbo á hora de pagar e de dar de alta na Seguridade Social ás traballadoras namentres o servizo dependeu do Concello, seguramente para non ser menos que os morosos da privada, o que nos fai pensar que este Goberno buscaba crear un rexeite das traballadoras e da sociedade á xestión municipal.

Deixando aparte este tema, no pleno do 28 de xullo de 2011 Esquerda unida presentou unha moción describindo a necesidade dos nosos dependentes. Unha moción aprobada por unanimidade e que tiña como obxectivo realizar un estudio, na maior brevidade posible, que permitira coñecer cal era o número de veciños que precisaban asistir a un Centro de Día coa finalidade de facilitarlle o traslado o Centro de Día de Sanxenxo cun trasporte habilitado, ben a través do xa existente no Concello veciño, ou ben creando un servizo similar. Por todo isto preguntamos;

Realizouse o citado estudio, como quedou aprobado na moción?. De ser así, gustaríanos que nos deran traslado do resultado do mesmo. Estableceuse algún tipo de contacto co Concello de Sanxenxo, aparte do mencionado o día do citado pleno, para concretar un posible acordo que permitira aos nosos dependentes beneficiarse do transporte co que contan os veciños de Sanxenxo, como quedou aprobado na moción?

ver/descargar pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario