xoves, 16 de xuño de 2011

Esquerda Unida informou a militantes e simpatizantes sobre o proceso das negociacións con PSOE e AMeca

A comisión encargada das negociacións para a conformación do frustrado cuadripartito, reuniuse onte cos militantes e simpatizantes de Esquerda Unida nunha asemblea aberta, que tivo lugar no local de CCOO, para informar do proceso de negociacións co PSOE e AMeca.

O que se trasmitiu á asemblea foi o seguinte:


Campaña Electoral
Durante a campaña electoral, o candidato de Esquerda Unida, José Antonio Taboada Magdalena Neno, repetiu en todo momento que, co noso voto o Partido Popular non tería a Alcaldía e que co noso voto Cacabelos tampouco sería Alcalde. En Esquerda Unida non queríamos volver ver ao fronte do goberno municipal a Miguel Ángel Pérez, pero tampouco contemplábamos a posibilidade de que nese mesmo posto estivese á persoa responsable de que non se cumprira o Pacto de Goberno asinado hai catro anos e que provocou que o noso anterior concelleiro, Xam Lamelas abandonara ese goberno cuadripartito.

En Esquerda Unida observamos a situación con relativa tranquilidade, establecendo a estratexia axeitada con dous órganos diferenciados e con un mesmo obxectivo, a defensa programática e o compromiso cons veciños, sempre dende a seriedade que nos caracteriza. A comisión encargada das negociacións, composta por seis persoas –Gerardo García, José A. Otero, Susi Millán, Xam Lamelas, Martín Prol e o propio concelleiro electo; Neno– encargaríanse de reunirse cos grupos políticos que así o solicitaran e trasladar aos membros da candidatura, calquera proposta ou decisión que nos transcurso das negociacións de presentara.

Primeiras xuntanzas
O 25 de maio, tan só tres días despois dos comicios, Cacabelos solicítanos a primeira xuntanza. Esta tivo lugar no local de EU e na mesma, Cacabelos trasládanos o sentir do PSOE, que non é outro que configurar un goberno de maioría encabezado por el mesmo. Esquerda Unida transmitiulle a mensaxe da campaña electoral, que el non sería Alcalde co noso voto, pero si apoiaríamos na posibilidade de que fose outra persoa da lista. A resposta de Cacabelos foi taxante neste tema, el non renunciaba a súa condición de alcaldable. Preocupado, preguntounos si existía algunha forma de solucionar este escollo, polo que dende Esquerda Unida trasladámoslle entón que para salvar esta situación, o PSOE tiña que trasladarnos unha proposta programática moi sustancial que nos fixese cambiar a nosa postura inicial. Cacabelos tamén nos informa que nestes momentos conta xa co apoio do BNG, que lle trasladou a súa intención de votar por el na sesión de investidura. Tamén nos transmite que xa mantivo uns contactos con con PGD e con Alternativa Meca, tendo boas sensacións por parte da formación de Aida Filgueira.

Un día máis tarde, Cacabelos contacta co noso concelleiro coa intención de tomar un café e charlar. Nesta segunda xuntanza, Cacabelos pregúntanos que era o que exactamente considerábamos como sustancial para facernos cambiar de opinión, ao cal respondemos pedíndolle que pensen e que nos trasladen algo co que poder traballar, un documento programático de traballo en prol dos intereses do conxunto dos veciños.

Xuntanza con Alternativa Meca
O sábado 28, Esquerda Unida reúnese con Alternativa Meca no Metropol. Nesta mesma xuntanza, que transcorreu con normalidade, atopamos numerosas coincidencias en canto as inquedanzas e as peticións programáticas que debiamos realizar ao PSOE. Noutro tema tamén estábamos de acordo, ningún dos dous partidos queríamos que o PGD, de Alfredo Bea, volvera formar parte do Goberno Municipal. Esta cuestión foi repetida e reiterada por Aida Filgueira en diferentes ocasións durante a reunión. Segundo nos indicaba, non querería que o PGD volvese repetir o modos operandi dos últimos anos –contratacións clientelais e favoritismo a Proteccion Civil–.

Documento de negociación
O xoves 2 o PSOE achegounos, por fin, –despois que saísemos na prensa– un documento programático. Un documento no que, ao noso entender, estaban reflectidas as peticións de AMeca e que tamén coinciden co noso programa electoral. Salvando puntualizacións, o documento axustábase moito a un traballo acorde coa nosa liña programática.

Ante as “presións”, que o noso colectivo recibía, para dar unha resposta o máis axiña posible da nosa postura, xa que –segundo nos indicaban dende o PSOE– Aida quería ter a certeza do noso apoio a Cacabelos, para decantarse tamén na mesma liña, Esquerda Unida realizou unha xuntanza da candidatura o mesmo día en que recibimos as proposta. Tras debatelo, redactamos as alegacións ao puntos que considerabamos non eran acordes coa nosa maneira de traballar. Tamén preparamos unha serie de propostas:

  • Que o PXOM estivese en exposición pública en 18 meses.
  • Que se recuperasen os servizos públicos externalizados. Tales como o de Axuda a Domicilio, Recollida selectiva de Enseres ou o Punto Limpo.
  • Un esforzo inversor na creación de postos de traballo.
  • Reforma fiscal progresiva e excepción de impostos.
  • Eliminación de dúas liberacións. Que tan só quede a do Alcalde.

Na tarde seguinte, Esquerda Unida trasladou todas as propostas e emendas ao PSOE. Acorde con practicamente todas elas, realizounos unha contra-proposta no tema das liberacións. Cacabelos propuxo que as mesmas fosen revisadas nos seguintes presupostos. Os membros encargados da negociación aceptaron esta modificación, co que o acordo co PSOE estaba practicamente pechado –faltaba a ratificación dos membros da candidatura–.

Novas xuntanzas
O luns seguinte, 6 de xuño, Esquerda Unida reúnese no local do BNG coas tres forzas políticas que previsiblemente ían dar o seu voto favorable a Cacabelos na sesión de investidura, PSOE, BNG, AMeca, a petición deste último grupo político. A Meca trasladounos que seguía negociando co Partido Popular e dounos a entender que a súa formación política estaba tentando sonsacalle un nivel de compromiso para utilizalo como medida de presión ante a Deputación e a Xunta si Cacabelos finalmente era Alcalde. Nesta xuntanza o PSOE tamén presentou o borrador do Pacto de Goberno, que incluía xa todas as aportacións de Esquerda Unida e AMeca. Alí mesmo xurdiu o tema das liberacións, cuestión na que EU explicou que estas liberacións había que gañalas, asentindo todos os grupos en conformidade. A única dubida suscitada por parte de Alternativa Meca foi a cuestión de que non entrásemos a formar parte do goberno. A nosa resposta foi clara, EU non podía formar parte do goberno tras haber abandonado o mesmo hai cuestión dun ano. Tamén lle fixemos saber que iso non sería impedimento para que se levasen a cabo todas as propostas plasmadas no documento, así como as que puidesen xurdir durante o mandato. Así mesmo, deixamos claro que, na medida en que se fosen cumprindo os acordos, EU non descartaba entrar a formar parte do goberno no futuro, sempre e cando o PSOE nolo propuxese.

Tan só unha hora máis tarde, recibimos unha chamada de Alternativa Meca pedindo que lle aclarásemos o tema das liberacións. Ao día seguinte volvemos reunirnos con Cacabelos, e ante a preocupación por parte de AMeca en canto aos liberados, volvemos modificar a nosa postura neste tema. O acordo quedaba agora en que favoreceriamos a modificación do crédito, na primeira sesión plenaria, para que unha liberación se lle puidese asignar a Aida Filgueira e que, na medida en que a carga de traballo e o resultado do mesmo a xustificase, non nos oporiamos a aprobala nos seguintes presupostos, nin nos sucesivos. Esta modificación foi transmitida a AMeca tanto por parte do PSOE como da nosa formación. Pouco antes das 9 da noite, e namentres os membros da comisión encargada das negociacións estabamos reunidos no local, recibimos outra chamada por parte de AMeca, referíndose ao tema das liberacións. Segundo nos indica esta formación, recibiron unha chamada da prensa comunicándolles que o noso candidato realizara unhas declaracións negándose as liberacións, algo totalmente incerto se leemos o artigo en cuestión. Por este motivo, solicitan xuntarse con os para explicarnos os motivos que os levan a pedir unha liberación.

A xuntanza ten lugar na mesma noite, ás 23 horas, no noso propio local. Primeiramente trasladámoslle o noso malestar pola situación, non era de recibo que tras informarlle do noso acordo, se fiara do que lle dixo a prensa. Tamén lle recriminamos que as dúbidas sobre as liberacións non as puxera enriba da mesa na xuntanza que as catro forzas políticas mantiveramos o día anterior. Alternativa Meca, asentiu a todo o anterior, e procedeu a relatarnos as concellerías que supostamente lle ofreceu o PSOE:

  • Urbanismo (incluído o PXOM)
  • Participación Cidadá
  • Benestar e Asuntos Sociais (Igualdade, Muller, Conciliación, Asistencia a Domicilio, Sanidade, Discpacidade, SPAD…)
  • Comercio (Mar, Mercado, Novas Tecnoloxías, Transporte…)
  • Persoal
  • 1ª Tenencia Alcaldía.
Unhas competencias, que ao noso entender, xustificaban a súa petición. Esquerda Unida volveu trasladarlle o acordo tomado á mañá con Cacabelo dando a súa conformidade. Alternativa Meca tamén nos fai chegar o seu pensamento particular en canto ás negociacións co PSOE e co PP, dicíndonos que a hora de negociar as competencias vía con moitas máis ganas de traballar ao Partido Popular que ao PSOE.

Ao día seguinte volvemos reunirnos con Cacabelos, e tras informarlle da reunión de Aida, dinos que non é verdade que eles lle ofreceran esas concellerías, senón que puxeron enriba da mesa unha serie de competencias, que entendían que Aida estaba capacitada para poder asumir, coa intención de que escollese, e as que rexeitase repartiríanas entre os seus concelleiros.

Un día despois enterámonos que Alternativa Meca lle solicita a Cacabelos, aparte das concellerías que se nomearon máis arriba, a de Vías, Obras e Servizos, a de Turismo e ser a persoa encargada das Relacións Institucionais, renunciando tan só á de Comercio (exceptuando Mar). Esta situación foi un tanto estraña, xa que consideramos que é practicamente imposible que unha persoa soa poida asumir todas esas competencias.

O xoves, a candidatura de Esqureda Unida reuniuse para valorar a situación e decidir a emisión do noso voto. A decisión foi firme, apoiar a investidura de Cacabelos como Alcalde, pasase o que pasase.

E para rematar, o día 10, trala asemblea de Alternativa Meca celebrada na noite anterior, este grupo político decide emitir o seu apoio ao Partido Popular.

Conclusións
Creemos que Alternativa Meca ten todo o dereito do mundo a negociar, pactar ou chegar a acordos con calquera formación política, xa que entendemos tan democrático gobernar co PSOE como co PP. O que non é de recibo é buscar culpas en terceiros para xustificar, o que moitos dos votantes de AMeca non poden dixerir.

Tampouco entendemos o modo de actuar de AMeca durante as negociacións, ao entender que estivo faltándolle ao respecto ao PSOE, e o que é peor, á nosa formación política, que sen comelo nin bebelo nos vimos involucrados nunhas negociacións que tan só se tiñan que levar a cabo co PSOE.

Por outro lado, preguntámoslle a Alternativa Meca, como é posible, que tras repetirnos reiteradas veces que non quería ao PGD no goberno, agora forme parte deste pacto.

Tamén trasladamos as nosas inquedanzas ao Partido Popular.

Como é posible que despois de criticar durante os catro anteriores anos ao cuadripartito, ao principio, e ao tripartito ao final, agora se atreve a formar un goberno xunto con PGD e AMeca?

Tras comprobar que o pacto público non ten nada que ver co que asinaron os tres grupos políticos que forman goberno, logo de saír a luz un punto a maiores, preguntámonos cantos acordos máis hai que non saben os veciños?

1 comentario: