venres, 17 de xuño de 2011

EU acusa a AMeca de “xogar” con eles e de tentar culpalos de non ter pactado co PSOE

Prensa:
EU acusa a AMeca de "xogar" con eles e de tentar culpalo de non ter pactado co PSOE
Todogrove.com
Esquerda Unida celebrou na noite do mércores unha asemblea aberta que tiña por obxecto explicar a militantes e simpatizantes todo o proceso negociador mantido durante semanas co PSOE e Alternativa Meca, formación á que acusan de intentar trasladar a EU a responsabilidade do fracaso das súas negociacións co socialista José Antonio Cacabelos.

Texto: I. Rodríguez | Foto: M. Muñiz 
Unha trintena de persoas acudiron a esta xuntanza celebrada na sede de Comisións Obreiras na que o cabeza de lista de EU nas pasadas municipais, o concelleiro José Antonio Taboada, Neno, explicou paso por paso “todo o que acontecera desde o día seguinte ás eleccións”, posto que neste proceso de negociacións mantido co obxectivo de apoiar a investidura de Cacabelos como alcalde “todas as persoas que interviñeron non actuaron coa mesma claridade e transparencia”, en alusión a Alternativa Meca, partido que xunto con EU e BNG debateu a posibilidade de apoiar a reelección do socialista.
EU e BNG remataron facendo público o seu apoio ao que fora alcalde entre 2007 e 2011, pero non así o partido que encabeza a ex socialista Aida Filgueira, que optou por formar un Goberno en colación co PP do novo alcalde Miguel Ángel Pérez e co PGD de Alfredo Bea.

Do non a Cacabelos ao si a Cacabelos
En campaña electoral, Esquerda Unida asegurou que co seu voto, o PP non chegaría ao Goberno, e tamén que co seu voto Cacabelos non sería alcalde. Finalmente, acordaron apoiar a investidura de Cacabelos –aínda que non chegaron a ter que levantar a man no pleno, posto que só se votou a candidatura de Pérez–. Para chegar a este cambio de opinión foi preciso poñer “enriba da mesa cuestións importantes que nos fixeran variar de actitude”, explicou Taboada.
De feito, nun primeiro encontro, o representante de EU chegou a trasladarlle a Cacabelos seu “convencemento” inicial de que era un “problema”, posto que, no anterior mandato, “non cumpriu os compromisos” e o representante desta formación no cuadripartito, Xan Lamelas, rematou saíndo dun Goberno no que “non foi tratado en igualdade de condicións”. Por iso, desde EU mesmo chegaron a intentar que o PSOE “valorara a posibilidade de que a segunda da súa candidatura” –Ángeles Domínguez– fose a candidata.
Non o lograron, e vendo que as opcións eran Cacabelos ou Pérez, iniciaron un proceso de negociacións en torno a unha serie de cuestións programáticas con “propostas moi concretas” relativas a temas como o PXOM, o emprego público, os servizos públicos e as liberacións dos futuros concelleiros, que “Cacabelos aceptaba e entendía lóxicas”, e respecto das que só tentou introducir un “matiz” no tema das liberacións.

A liberación, ano a ano
A cuestión de que no hipotético goberno de Cacabelos non só o primeiro edil tivese dedicación exclusiva, como inicialmente propuxera EU, parecía ser un dos temas de fricción que AMeca podería empregar “para trasladarnos a culpa” de que as negociacións non fructificasen.
EU mantivo dous encontros coa formación que dirixe Filgueira, un no que participaron as catro forzas que poderían posibilitar a reelección de Cacabelos, e un segundo no que só participaron representantes das dúas formacións, que foi solicitado por AMeca con “carácter de urxencia” ao día seguinte do primeiro encontro “pasada xa a media noite” co obxecto de “concretar a nosa posición con respecto ao tema das liberacións, porque non o tiñan claro”.
“Dicían que a carga de traballo que Cacabelos lles puxeran enriba da mesa era impresionante e que iso requiriría dunha liberación”, engadiu Neno, quen transmitiu aos independentes “desde un principio que as liberacións había que gañalas”.
EU non poría problemas a que Filgueira contase cunha dedicación exclusiva sempre e cando esta estivese “xustificada por carga de traballo”. Explica o concelleiro de EU que a liberación para este presente exercicio “estaba máis ou menos feita”, e que nos próximos habería que abordala cada vez que se puxesen os orzamentos municipais sobre a mesa, ao tempo que lle transmitían que a súa vontade era a de colaborar e a de favorecer a estabilidade daquel hipotético goberno.
“Mesmo lle dixemos que si as cousas transcorrían como nos entendiamos que debían de transcorrer, cabía a posibilidade de que nos incorporaramos a ese goberno”, engadiu Taboada.

Un pacto sen Alfredo Bea
No comunicado remitido este xoves por EU dando detallada conta de todo o proceso negociador, engádense novos aspectos aos xa relatados por Taboada respecto das tres semanas de negociacións que levaron á elección de Miguel Ángel Pérez. Unha delas era unha presunta coincidencia entre esta formación e a de Filgueira respecto de que non desexaban que o cabeza de lista do PGD e integrante do cuadripartito, Alfredo Bea, formase parte do novo cuadripartito.
“Estabamos de acordo”, indica EU en que “ningún dos dous partidos queríamos que o PGD de Alfredo Bea volvera a formar parte do goberno municipal. Esta cuestión foi repetida e reiterada por Aida Filgueira en diferentes ocasións durante a reunión. Segundo nos indicaba, non querería que o PGD volvese repetir omodus operandi dos últimos anos –"contratacións clientelais e favoritismo a Protección Civil".

A “xogada” de Filgueira
Taboada –que non quixo personalizar as críticas sobre Filgueira senón sobre AMeca no seu conxunto posto que “segundo as noticias que nos chegan, Aida votou a favor do pacto co PSOE” na asemblea– afirmou que nos dous encontros mantidos coa concelleira, esta lles transmitiu que “estaba totalmente de acordo” coas “cuestións programáticas” que alí se debateron.
“A verdade é que ela sempre asentiu, polo que nos pensamos desde un principio que estaba pola labor de facilitar o acceso á Alcaldía” de Cacabelos, explicou o concelleiro, quen tamén recoñeceu que ante a “sintonía existente”, resultáballes “estraño” o seu “grao de compromiso co PP”, posto que ao sentarse a negociar tamén con este partido “corres o risco de que che acepten o que pides, e logo a ver como fas para retractarte”, engadiu.
A xustificación que Filgueira lles deu foi que a formación que lidera o alcalde Miguel Pérez “puxo enriba da mesa unha cantidade de obras”, polo que ela “estaba intentando ver o nivel de implicación das administracións públicas” co obxecto de que, si finalmente apoiaba a Cacabelos, a ver como “xustificaban que o que era posible con Pérez” non o fose co socialista.
Pero iso non foi o que pasou, xa que Filgueira acabou chegando a un acordo con Pérez. “Por iso nos pensamos que moito xa estaba feito –co PP– desde a primeira xuntanza”, engadiu Neno, quen considera unha “realidade” que AMeca estaba “xogando” con eles.
“Cremos que Alternativa Meca ten todo o dereito do mundo a negociar, pactar ou chegar a acordos con calquera formación política, xa que entendemos que é tan democrático gobernar co PSOE coma co PP”, engadiu EU no seu comunicado, no que tamén critica que “o que non é de recibo é buscar culpas en terceiros para xustificar o que moitos dos votantes de AMeca non poden dixerir”.
Así mesmo, esta formación engadiu no escrito feito público hoxe que o partido de Filgueira estivo durante estas negociacións “faltándolle ao respecto” tanto ao PSOE como a eles mesmos, que “sen comelo nin bebelo nos vimos involucrados nunhas negociacións que tan só se tiñan que levar a cabo co PSOE”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario