Desde a agrupación local de Esquerda Unida no Grove queremos solicitar ao Partido Popular, quen foi recentemente sancionado cunha multa de 61.101,21 € pola inclusión de varios veciños do Grove en listas do PP do País Basco sen o seu consentimento, a realizar un exercicio de responsabilidade ante esta situación, e depurar aos responsábeis desta probada ilegalidade.
E solicitamos isto, ante os acontecementos posteriores á sanción imposta ao PP, xa que na contra de ter realizado isto, escoitamos ao seu presidente en Galicia, o señor Núñez Feijoo, declarar que o PP vai recurrir a citada sanción, e que ademais, o PP do Grove actuou de “boa fe”. Vulneraron os dereitos de varios cidadáns de boa fe! Este dislate só pode sair da mente de quen se di demócrata simplemente para gardar as formas. Xa estamos acostumados a que o PP intente evitar que se repoña a memoria de quen foi represaliado pola sanguenta ditadura franquista (que viron conculcados os seus Dereitos Humanos, algúns incluso o máis sagrado dos dereitos, o dereito á vida) ou que xustifique guerras nas que morren decenas de miles de inocentes e se destrúe un país polo ben da democracia. Agora, o Partido Popular vulnera os dereitos dos cidadáns de boa fe.
Pois de boa fe lle pedimos desde EU aos señores Núñez Feijoo e Miguel A. Pérez que de boa fe tamén, depuren as responsabilidades no seu partido se queren seguir aparentando ser demócratas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario