venres, 3 de outubro de 2008

Esquerda Unida anima a participar nas mobilizacións do 7 de outubro

Desde a Agrupación Local de Esquerda Unida no Grove, queremos animar ao maior número de traballadores a participar da Xornada Mundial polo Traballo Decente que se celebrará o vindeiro martes día 7. No noso país, a convocatoria é na cidade de Vigo, e terá comezo ás 20 horas.

Nos últimos tempos estamos a presenciar como se desmontan todos os mitos do sistema capitalista de produción, e o seu tótem do libre mercado. Estamos a presenciar como as políticas neoliberais postas en marcha nos últimos anos non redundan na mellora das condicións sociais dos traballadores, aumentando as desigualdades e a precarización, e observamos como o mundo camiña cara unha barbarie económica, ecolóxica e bélica sen precedentes, facendo máis actual que nunca aquela máxima escrita por Rosa Luxemburgo na véspera do seu asasinato o 14 de xaneiro de 1.919: Socialismo ou Barbarie!
E cales son as propostas en política social que se tentan poñer en marcha para contrarrestar a crise? Os esbirros do Capital propóñennos nada máis e nada menos que ampliación da semana laboral até as 60 ou 65 horas, a prolongación da vida laboral até os 70 anos ou a detención en campos de concentración até 18 meses a quen ouse cruzar as fronteiras do paraíso capitalista europeo sen autorización administrativa.
É hora de que os traballadores e traballadoras nos mobilicemos en contra destas medidas e por un mundo máis xusto, por un traballo decente e con dereitos, polas 35 horas semanais sen redución de salario, por un sistema económico que poña os adiantos tecnolóxicos en favor dos traballadores e repercutan no progreso social. Por todo isto, os militantes de Esquerda Unida no Grove nos mobilizaremos até a convocatoria de CCOO e UXT en Vigo para reivindicar o que é xusto, e animamos ao resto de traballadores a participar en defensa dos seus dereitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario