Preguntamos polo estado da obra de
substitución da tubaxe e reforma integral.
🔻 Quioscos de praia
Preguntamos polo retraso na
publicación das bases da licitación a pesar de que o BOE do 14 de decembro xa anunciaba
a concesión ao concello.
🔻 Seguridade na rúa Entrehortas
Preguntamos cando se melloraría a
seguridade para os peóns logo de telo reiterado en numerosas ocasións.
🔻 Muro de Entrehortas
Preguntamos cando se derrubaría o
muro para ampliar a entrada ao aparcadoiro.
🔻 Edificios en estado ruinoso
Preguntamos que medidas se estaban
adoptando ante os desprendementos de edificios como o da antiga discoteca
Scorpio, do antigo Pub Áncora, dunha vivenda na Fonte do Galo, en fronte ao Bar
Marquesina e en Tenente Domínguez.
🔻 Estación de carga de vehículos
eléctricos
Preguntamos se o servizo xa estaba
sendo xestionado e se continuaba sendo gratuíto.
🔻 Subvención APROL
Preguntamos polo decreto do 28 de
novembro do 2023 relativo á devolución dunha subvención do ano 2018.
🔻 Sistema de son dos plenos
Preguntamos cando se arranxaría o
sistema de son da sala.
Rogos e solicitudes
🔻 Campamento de Semana Santa
Solicitamos poñer en marcha un
campamento para facilitar a conciliación familiar.
🔻 Camiño do alto de Pardiños
Solicitamos solucionar o estado deste camiño, reiterado en diferentes plenos dende 2019.
🔻 Varanda da Casa da Cultura
Solicitamos reparar a varanda por motivos de seguridade.
A formación política preocúpase pola falta de avances dende o
anuncio do anteproxecto en marzo do ano pasado, apuntando á necesidade de
substituír canto antes a tubaxe ante as constantes roturas que provoca o
desabastecemento de auga á veciñanza de Meloxo.
Esquerda Unida solicita información ao ente provincial e ao
goberno municipal para esclarecer quen está demorando a execución da
obra.
O Grove, 24 de febreiro de 2024.- Esquerda Unida manifestou a súa preocupación pola demora nas
obras de mellora da estrada de Meloxo, unha actuación vital para a veciñanza
que leva sufrindo problemas de subministro de auga dende hai tres anos debido a
frecuentes roturas na tubaxe. A última incidencia rexistrouse hai apenas unha
semanas e, trala reparación, a zona atópase valada, o que supón un enorme risco
para os condutores, máxime cando é utilizada por numeroso tráfico pesado.
Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, dende o
primeiro incidente, en xaneiro do 2021, o seu grupo municipal ten insistido en
innumerables ocasións na necesidade de substituír a tubaxe para previr futuras
avarías. Otero indica que en marzo do 2023, o goberno local anunciou un
anteproxecto para, ademais da substitución completa da tubaxe de subministro de
auga, realizar unha actuación integral que incluía a ampliación da beirarrúa, a
creación dunha cuneta transitable, a renovación do firme e luminaria. Como
propietaria da estrada, a obra ía ser executada pola Deputación de Pontevedra
que en xuño do pasado ano anunciou a licitación do proxecto. Non obstante, a
realización destas obras requiría a cesión de terreos por parte dos
propietarios das fincas afectadas e este traballo correspondíalle ao goberno
municipal, lembra Otero.
Co cambio de goberno na Deputación, agora en mans do PP,
Esquerda Unida preocúpase pola falta de información sobre a obra. Á incerteza
sobre o peche das cesións de terreos, súmase a ausencia de información clara en
relación á disposición do actual goberno provincial a realizar a obra, o que
preocupa aínda máis á formación política, que non ven avances case un ano
despois de ter anunciado obra.
Así, Esquerda Unida quere saber a que é debido o retraso, e por
iso xa realizou a consulta pertinente á Deputación de Pontevedra a través do
rexistro. “Queremos saber se o retraso na execución da obra é debido a un
rexeite do ente provincial a investir nesta estrada, ou é por culpa do goberno
municipal, xa que a día de hoxe temos constancia de que non se puxeran en
contacto cos propietarios para pechar as cesións dos terreos, logo de
comprometerse a realizar ese traballo”, asevera Otero.
O voceiro esquerdista indica que “a situación resulta
frustrante, sobre todo para as veciñas e veciños de Meloxo, que continúan a
experimentar roturas na tubaxe e, en consecuencia, cortes no subministro de
auga, nalgúns casos durante horas e, en ocasións, ata un día completo”.
É por iso que, á espera de resposta por parte da Deputación,
Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a esclarecer a situación, e se é
preciso pechar canto as cesións dos terreos, co fin de resolver un problema que
xa se prolonga por demasiado tempo. Así mesmo, solicitan que namentres siga
valada a zona afectada, se mellore o balizamento para evitar o risco para o
tráfico rodado, sobre todo pola noite.
Cun investimento global que supera os 2,7 millóns de euros, a
concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, realiza propostas concretas en
cada unha das tres liñas subvencionables; Transición Verde Ecolóxica,
Transición Dixital e Transición Accesible e Inclusiva.
Esquerda Unida busca mellorar infraestruturas e promover a
sustentabilidade para fortalecer o turismo local no Grove e pide que convoque o
Consello Local de Turismo para valorar as propostas e crear os correspondentes
proxectos antes de que remate o prazo o vindeiro 5 de marzo.
O Grove, 22 de febreiro de 2024 - O grupo
municipal de Esquerda Unida, insta ao Goberno local a aproveitar as
oportunidades proporcionadas pola segunda convocatoria de axudas da Xunta de
Galicia para o embelecemento turístico do litoral, cun investimento global de
máis de 2,7 millóns de euros.
A Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia,
publicou a convocatoria destas subvencións que se poden solicitar ata o 5 de
marzo. Así, Esquerda Unida, a través da súa concelleira, Susana Millán,
presenta unha serie de propostas concretas para cada unha das liñas
subvencionables.
Na Liña 1, correspondente á Transición Verde e Ecolóxica, Esquerda
Unida considera que se pode utilizar para mellorar e musealizar o Museo de
Salga, potenciar as rutas “Xacobea Mar de Arousa” e a do “Padre Sarmiento”,
recuperar e poñer en valor a ruta do litoral “As Xentes e o Mar” e mellorar os
elementos e sinaléticas da zona de especial protección de aves do litoral
grovense.
En canto á Transición Dixital (liña 2) Susana Millán entende que o
concello pode aproveitala para crear códigos QR, guías turísticas
interactivas e folletos dixitais, así como deseñar aplicacións para promover o
destino e eventos, tales como a Festa do Marisco.
Por último, na liña 3, que inclúe a Transición Accesible e
Inclusiva, dende Esquerda Unida propoñen mellorar a accesibilidade a espazos
do litoral, como praias, paseos e miradoiros e adaptar a sinalética turística
para que poida chegar ás persoas invidentes.
Millán exhorta ao Goberno local a valorar as propostas e, en todo
caso, a convocar o Consello Local de Turismo pa consensuar e preparar proxectos
sólidos para acollerse estas axudas antes de que finalice o prazo. Destacan a
relevancia de investir nestas áreas para fomentar o turismo local e contribuír
ao desenvolvemento sustentable do concello.
Preguntamos cando se retiraría a árbore que levaba tirado dous meses no patio do centro.
🔻 Fitur
Preguntamos polo papel do Concello nesta feira turística.
🔻 Cartel da Festa do Marisco 2024
Preguntamos cando se publicarían
as bases do concurso.
🔻 Festival de comparsas
Preguntamos se o escenario
contaría con telón durante o concurso.
🔻 Entroido meco
Preguntamos polo estado do
expediente, iniciado no 2018, para declaralo Festa de Interese Turístico
Nacional.
🔻 Casa da Cultura Lueiro Rey
Preguntamos pola situación do
precinto do edificio debido ao desprendemento do tellado.
🔻 Edificios municipais deteriorados
Preguntamos se se actuaría nos
edificios precintados e valados que tiveron desprendementos.
🔻 Paso de peóns Campos-Meloxo
Preguntamos polos trámites para
instalar este paso de peóns reclamado en anteriores plenos.
Rogos e solicitudes
🔻 Quioscos de praia
Solicitamos realizar a licitación
con tempo suficiente.
🔻 Fianzas dos quioscos de praia
Solicitamos a devolución das
fianzas aos concesionarios do ano anterior.
🔻 Interseccións na rúa Alexandre Bóveda
Solicitamos arranxar diferentes
accesos as rúas do Sol, Terra de Porto, Carballeira, Brañal,... que presentaban
un deterioro importante e contrastaban co arranxo da rúa principal.
🔻 Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Solicitamos executar un plan
urxente de reparación interior e da cuberta.
🔻 Praia de Con Roibo
Solicitamos retirar bolsas de uña
de gato acumuladas nesta praia durante máis de seis meses.
Consideran
importante iniciar o proceso sen demora para permitir a planificación dos novos
concesionarios, especialmente de cara a unha Semana Santa, que este ano
coincide a finais de marzo.
Preguntan polo
retraso na devolución das fianzas aos concesionarios saíntes e piden o seu pago
inmediato.
O Grove, 29 de
xaneiro de 2024.- O grupo municipal de Esquerda
Unida insta ao goberno a iniciar de inmediato o proceso de renovación das
concesións dos Quioscos de praia, as cales remataron no pasado verán despois de
catro anos de vixencia.
Considerando que
a primeira das épocas turísticas do ano, a Semana Santa, este ano sitúase a
finais de marzo, dende Esquerda Unida subliñan a necesidade de realizar as
adxudicacións sen demora, co propósito de que se os novos concesionarios desen
abrir nestas datas, poidan planificar as súas tarefas de preparación e procura
de persoal coa debida antelación. O partido solicita ao goberno local que emita
as bases do proceso de renovación sen dilación
Así mesmo, dende
Esquerda Unida aproveitan para preguntar os motivos polos que os
adxudicatarios, que finalizaron a concesión a finais da pasada tempada estival,
aínda non recibiron o reembolso das fianzas depositadas no seu momento, logo de
catro meses do remate das mesmas. Esixen ao goberno que procedan a realizar os
reintegros pois entenden que son esenciais, non só como un dereito que lles
pertence, senón tamén como un recurso necesario para afrontar o novo proceso de
adxudicación.
Esquerda Unida
comprométese a velar por que o proceso de adxudicación se realice con totais
garantías e transparencia. Agardan unha pronta acción por parte do executivo
local para asegurar unha xestión eficaz no servizo de Quioscos de praias.
Preguntamos pola situación do
expediente da obra paralizada durante os últimos catro anos.
🔻 Camiño de acceso á praia de Con Roibo
Preguntamos pola situación deste camiño
ocupado por unha empresa privada e os trámites municipais para a súa
recuperación.
Preguntamos os motivos polos que
non se nos facilitou a documentación solicitada por rexistro relativa a este
asunto.
🔻 Ordenanzas municipais
Preguntamos polo estado das
ordenanzas de patinetes e autocaravanas.
🔻 Oferta Pública de Emprego
Preguntamos polos tramites de
contratación ante o risco de perder as prazas para o Auditorio e o edificio das
Monxas.
🔻 Estación de carga de vehículos
eléctricos
Preguntamos se seguía sendo
gratuíta ou se xa estaba xestionando o cobro polo seu uso.
🔻 Subida a Meloxo
Preguntamos polo estado da obra de
reforma integral e a cesións de terreos e o motivo polo que non se procedera a
asfaltar e retirar o valado da zona que sufrira unha rotura da tubaxe de auga.
🔻 Policía local en fin de ano
Preguntamos se o servizo ía funcionar
na noite do 31 de decembro.
🔻 Servizo de Emerxencias municipal
Preguntamos polos trámites do
traspaso a SubGES.
🔻 Local Social de Reboredo.
Preguntamos cando a empresa,
responsable da obra deste edificio, executaría a reparación das deficiencias
existentes.
🔻 Árbore do CEIP Conmeniño
Preguntamos cando retirarían a
árbore que se atopaba tirada no patio deste colexio tras de caer co temporal no
mes de novembro.
🔻 Problemas no CEIP Rosalía de Castro
Preguntamos que medidas adoptaría
o goberno para solucionar os problemas para a circulación de autobuses por
diante do colexio tralo cambio de sentido da rúa, e a xestión dos residuos trala
eliminación dos colectores próximos.
🔻 Alumeado público
Preguntamos os motivos que provocaban
que diferentes barrios quedasen a escuras de forma aleatoria.
🔻 PXOM
Preguntamos se xa se tramitaran os
documentos esixidos polos departamentos autonómicos pertinentes para continuar
coa tramitación do plan.
🔻 Colector marrón
Preguntamos se tiñan intención de
realizar charlas informativas á veciñanza para dar a coñecer o uso do novo
sistema.
🔻 Cartel da Festa do Marisco
Preguntamos cando se ían publicar
as bases do concurso para contar con cartel da festa do 2024.
🔻 Centolas de Ouro
Preguntamos cando se ía convocar o
Consello Local de Turismo para traballar na elaboración dunhas bases para os
premios.
🔻 Auditorio municipal
Preguntamos polas responsabilidades ante
as numerosas deficiencias que detectamos
na visita realizada ao edificio inaugurado en xuño do 2022. Baño das mulleres
inundado e inutilizado dende o primeiro día, ventás agretadas, filtracións de
auga por todos lados, protección do teito desprendéndose no patio de butacas,
focos de iluminación escénica avariados dende o primeiro día, material do
escenario acumulado e deteriorándose, arqueta de conexións de son e corrente
inundada, cables de conexión deteriorados, instalación superficiais de cables
de son por non existir canalización, porta de acceso ao escenario para atenzo
inutilizada, sistema de alarma inutilizada,...
Preguntamos quen se faría
responsable de solucionar todas esas deficiencias e se se tramitou algún
expediente por esas circunstancias.
🔻 Acordos co noso grupo municipal
Preguntamos que grao de execución
dos acordos asinados en xullo do 2023 consideraba o goberno cumpridos. A nosa
consideración era un incumprimento do 100%.
Rogos e solicitudes
🔻 Planos do edificio das Monxas
Solicitamos que se nos facilitasen
estes planos que foron solicitado por rexistro no anterior mandato.
🔻 Expedientes de denuncias a locais de
ocio
Solicitamos acceder a estes
expedientes logo de telos pedido reiteradamente por rexistro.
🔻 Sinalización en Alexandre Bóveda
Volvemos solicitar a instalación dunha
sinal de prohibido xirar á esquerda na intersección coa rúa Rosalía de Castro.
🔻 Rúa Pratería e Montiño
Solicitamos revisar o estado do
firme destas rúas ante as numerosa baldosas levantadas.
🔻 Rotonda de Terra de Porto
Solicitamos actuar para solucionar
o mal estado do firme e as numerosas fochancas.
🔻 Situación laboral en empresas locais
Solicitamos convocar unha xuntanza
cos comités de empresa de Atunlo e Gran Hotel da Toxa para coñecer a súa
situación laboral ante os despidos anunciados.
A formación política reclama a convocatoria do Consello
Local de Turismo, a definición das bases para as Centolas de Ouro, a
publicación das bases para o cartel da Festa do Marisco 2024 e a constitución da
mesa para o seguimento da aplicación do PSTD.
Esquerda Unida continúa agardando que o goberno local cumpra
coas súas promesas e compromisos en materia de turismo, un sector estratéxico
para o desenvolvemento económico e social do Grove. Así o manifestou a concelleira
esquerdista, Susana Millán, nun comunicado de prensa.
O Grove, 20 de decembro de 2023.- Esquerda Unida expresou a
súa preocupación pola falta de avances na área de turismo e as promesas
incumpridas por parte do actual goberno local, encabezado por José Antonio
Cacabelos que, ademais de Alcalde, é o concelleiro delegado da área de Turismo.
Segundo a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán,
dende que o pasado mes de xullo Cacabelos tomara posesión de Alcalde e asumira
as funcións da área de turismo, os membros do Consello Local continúan
agardando a que se convoque a xuntanza de constitución do órgano sectorial, que
debería ser o espazo de participación e consenso entre os axentes implicados no
turismo. “Non entendemos por que o Alcalde non convoca o CLT, cando é unha
ferramenta fundamental para planificar, coordinar e avaliar as políticas de
turismo no Grove. Non se pode xestionar o turismo de costas á cidadanía, aos
profesionais e ás entidades que traballan neste ámbito”, declarou Millán.
A esquerdista tamén criticou a falta de interese do goberno
local por crear as bases para as Centolas de Ouro, o máximo distintivo que se
outorga durante a Festa do Marisco. Segundo Millán, o Alcalde comprometeuse a
reunir en novembro o CLT para redactar unhas bases que definiran os méritos
para ser nominado ás Centolas de Ouro, pero a día de hoxe segue sen ser
convocado. “É unha falta de respecto e de seriedade por parte do Alcalde, que
non cumpre coa súa palabra nin coas súas obrigas. Levamos anos falando da
necesidade de crear esas bases, e desta volta asegurou e perxurou que en
novembro comezaríamos a súa redacción”, afirmou Millán.
A carencia de interese do goberno local na Festa do Marisco
tamén foi resaltada por Millán, mencionando a ausencia, por primeira vez, do cartel
anunciador da edición 2024 durante o evento deste ano e denunciando que a día
de hoxe sigan sen publicarse as bases para o concurso dese cartel, que é
crucial para a promoción da Festa, un dos eventos gastronómicos máis
importantes da comunidade. “É unha mostra máis da falta de planificación e de
promoción do turismo por parte do goberno local, que non é capaz de aproveitar
o potencial da Festa do Marisco como un reclamo turístico de primeira orde”,
concluíu Millán.
Outra das cuestións que preocupa a Esquerda Unidaé a falta de información sobre o Plan de
Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), un proxecto financiado polo
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a cargo dos fondos do Plan
Recuperación da Unión Europea, no que O Grove conta cun orzamento de 2.000.000
euros para mellorar a competitividade e a sustentabilidade do destino
turístico. Millán denunciou que o Alcalde non creou a mesa de seguimento da
execución do plan, tal e como se comprometera con Esquerda Unida, polo que
descoñecen se xa se contratou a consultora que se precisaba para traballar
neles, e cales son as consecuencias de non ter executado a parte correspondente
ao 2023. “Temos moitas dúbidas sobre este proxecto, que debería ser unha
oportunidade para impulsar un modelo de turismo máis sostible, innovador e
inclusivo, pero que tememos que se converta nun fracaso por culpa da mala
xestión do goberno local”, advertiu Millán.
Apoian a demanda da ANPA Conchases para lograr as
melloras urxentes do centro escolar, incluíndo novas aulas, pavillón e comedor
escolar. Critican a inacción da Xunta de Galicia e solicitan colaboración entre
os partidos políticos da corporación e comunidade educativa para resolver as
deficiencias.
Critican tamén ao executivo local pola falta de actuación
nas deficiencias reclamadas pola ANPA dende o verán e pídenlle á Concelleira de
Educación que cumpra coas súas obrigas e dea solucións á demanda de limpeza e
mantemento do centro, ao arranxo do parque infantil e á problemática derivada
do cambio do sentido das rúas.
4 de decembro de 2023.-
Os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo
Meis, reuníronse a pasada semana con representantes da ANPA Conchases. Neste
encontro, abordáronse diversas preocupacións relacionadas coas condicións do
CEIP Rosalía de Castro e as accións necesarias para a súa mellora.
Tras analizar a situación, Esquerda Unida considera
necesaria a formación dunha fronte común entre os partidos políticos da
corporación e a comunidade educativa co obxectivo de reivindicar e reclamar
ante a Consellería de Educación e a Xunta de Galicia as melloras esenciais que
o CEIP Rosalía de Castro necesita con urxencia e que leva anos demandando.
As melloras pasan pola habilitación de novas aulas para
facer fronte ao aumento de matrículas, á diversidade do alumnado e ás
necesidades pedagóxicas; a construción dun novo pavillón que cumpra cos
estándares adecuados; a implementación dun comedor escolar que satisfaga a
crecente demanda, xa que desde 2019 se está cubrindo o servizo nun módulo
prefabricado que era provisional e que queda escaso e inadecuado; e a
habilitación dun espazo axeitado para que a ANPA leve a cabo as súas
actividades extraescolares, xa que o que tiñan está totalmente inutilizable
debido ás filtracións de auga.
A asociación de nais e pais informou aos concelleiros
sobre o compromiso verbal que a Consellería de Educación adquiriu a comezos de
ano coa dirección do centro. Este incluía a realización dun proxecto que
abordaba as melloras necesarias para cubrir todas as demandas, realizando obras
tanto no propio centro como no edificio contiguo utilizado antigamente para as
vivendas dos mestres, actualmente en estado de abandono. Pero ata a data, nin a
dirección do centro, nin a asociación de nais e pais ten constancia da
existencia dese proxecto.
Os concelleiros de Esquerda Unida expresaron o seu total
respaldo e compromiso coa ANPA para traballar en conxunto na consecución das
melloras demandadas. No entanto, sinalaron a falta de intención por parte da
Xunta de Galicia para levar a cabo calquera actuación a curto prazo no CEIP
Rosalía de Castro, xa que á carencia dun proxecto de reforma súmase a ausencia
de partida algunha nos orzamentos autonómicos para o próximo ano, nin para o
proxecto nin para a execución da obra. É por iso que fan fincapé na necesidade
de crear unha fronte común que traballe, ao marxe das discrepancias políticas,
para lograr as melloras que necesita o centro educativo.
Doutra banda, os concelleiros tamén constataron o
malestar da ANPA co executivo local debido á falta de actuación da Concelleira
de Educación en diversas solicitudes realizadas antes do inicio do curso
escolar. Estas inclúen problemas de limpeza e mantemento do centro, a
adecuación do parque infantil e solucións ás complicacións xurdidas polo cambio
de sentido das rúas, que afecta á situación dos contedores de lixo e ao acceso
dos autobuses durante as saídas escolares.
Esquerda Unida critica o nulo compromiso do goberno local
coas demandas da comunidade educativa e pide á Concelleira de Educación que
cumpra coas súas responsabilidades e solucione as deficiencias e problemas que
presenta o CEIP Rosalía de Castro. Do mesmo xeito, emprázana a manter un
diálogo máis constante e fluído tanto coas ANPAS como coas direccións dos
colexios co propósito de manter os centros escolares en óptimas condicións, xa
que o mantemento dos mesmos corresponde á administración local.
Os concelleiros de Esquerda Unida reuníronse co persoal
do servizo de Emerxencias e denuncian a precariedade na que traballan, cuns
vehículos en mal estado, sen sistema de excarceración e cuns salarios
inapropiados. Instan ao goberno a solicitar á Xunta de Galicia a conversión en
GES para acadar os medios necesarios e evitar uns gastos que se aproximan ao
millón de euros. Ofrécense a acompañar ao executivo local para logralo.
Piden ao alcalde que destitúa ao concelleiro delegado
pola súa desleixo e abandono do servizo de Emerxencias e que busque unha
solución o máis axiña posible para evitar que desapareza o servizo 24 horas, ou
non se poida actuar nunha intervención por falta de medios e, en consecuencia,
ter que lamentar unha desgraza.
O Grove, 20 de novembro de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida, integrado por José
Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, mantivo a semana pasada unha reunión
co persoal do servizo de Emerxencias do Grove para coñecer de primeira man a
realidade na que desenvolven o seu traballo. O que se atoparon foi unha
situación de abandono e de falta de medios para garantir un servizo vital para
a protección e o benestar da poboación.
O depósito de vehículos e embarcacións non dispón de
ningunha cuberta que os resgarde das adversidades climáticas. Isto ocasiona un
desgaste acelerado dos mesmos, que ademais son moi caros. O camión de bombeiros
está en mal estado, todo oxidado e danado, o que compromete a efectividade e/ou
a prestación das intervencións. Unha das lanchas de rescate xa está inservible
pola corrosión e a outra segue o mesmo camiño. A ausencia de cuberta tamén
dificulta unha rápida resposta ás emerxencias, pois os traballadores teñen que
equipar os vehículos co material necesario no momento dos avisos, en moitas
ocasións baixo fortes choivas. Ademais, o servizo non dispón de sistema de
excarceración, sendo o único de Galicia que carece deste recurso indispensable
para atender accidentes de circulación.
Doutra banda, os traballadores e traballadoras do servizo
de Emerxencias, que están a cumprir coas súas obrigas, e mesmo máis aló,
realizando labores que non lles corresponden, fano cuns salarios moi por baixo
do que lles pertence, en moitos casos sen alcanzar os 1.000 euros mensuais a
pesar de contar co incentivo dos trienios. O xefe do servizo, que leva oito
anos exercendo esta función, conta co mesmo salario que o resto dos
traballadores e traballadoras, sen o complemento que lle corresponde polo posto
que desenvolve. En moitos casos están realizando numerosas horas extra para non
deixar o servizo desatendido. Esta situación agrávase cando o concelleiro
delegado se nega a asinar estas horas, como sucedeu o pasado mes, ou non crea
unha bolsa de emprego para cubrir as baixas ou vacacións, o que supón unha
maior carga para os traballadores e traballadoras ante a carencia de persoal.
Un claro exemplo do menosprezo que sufre un servizo tan esencial.
O servizo de Emerxencias do Grove demostrou e demostra
que é imprescindible, pois realiza un gran labor no concello, cun nivel de
intervencións e actuacións anuais que supera con creces o dos grupos de
emerxencias supramunicipais (GES) da Xunta de Galicia. Segundo os datos
facilitados polos traballadores, o servizo de Emerxencias do Grove realiza
dentro do propio concello máis de 1.000 intervencións anuais, entre as que se
inclúen incendios, accidentes, rescates, salvamentos, asistencias técnicas,
prevencións, recollida de animais, trampeo de velutinas, colaboracións con
outros servizos e eventos... Estas cifras contrastan coas dos GES da Xunta de
Galicia, que realizan esta media nun ámbito de actuación moito maior.
Por iso, desde Esquerda Unida pídese que se deixe de
desprezar o servizo por parte do goberno municipal e que se dote(actúe para
dotalo) dos medios materiais para cumprir cos seus labores de forma adecuada e
segura, así como que se lles equipare o salario co que lles corresponde polas
súas funcións.
Esquerda Unida considera que, debido abandono do goberno
e á falta de actuacións anteriores, adecuar agora todo para prestar o servizo
de forma axeitada suporá un gasto para o concello preto dun millón de euros.
Instalar a cuberta solicitada supón un gasto de aproximadamente 80.000 euros,
un camión de bombeiros novo está entre os 200.000 e 300.000 euros, unha lancha
de rescate outros 200.000 euros, un sistema de excarceración está ao redor dos
200.000 euros. A todo isto hai que sumarlle a equiparación salarial.
Un gasto inasumible a curto prazo que se podería ver
reducido se o servizo fose considerado GES por parte da Xunta de Galicia. Pero
entenden que para iso é necesario que o goberno municipal realice todas as
xestións necesarias coa administración autonómica, entre elas, e quizais a máis
importante, ter unha boa relación e deixar de atacar continuamente a esta
administración, cuestión que non sucede desde que José Cacabelos é Alcalde do
Grove.
Denúnciase así o desprezo e o desleixo de funcións do
goberno local e do concelleiro de Seguridade co servizo de Emerxencias durante
os últimos oito anos, provocando a actual situación e a posibilidade de que o
servizo teña que deixar de prestar os seus servizos as 24 horas do día durante
os 365 días do ano, ou que non se poida actuar nun incendio, accidente ou
rescate no mar por estar inoperativos os vehículos necesarios.
Pídese ao alcalde que tome cartas no asunto dunha vez por
todas e que, dada a situación, “destitúa ao concelleiro delegado das súas
funcións e que procure unha solución o máis axiña posible para non ter que
lamentar unha desgraza nun futuro, o cal pode estar máis preto do que pensamos”
declara o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.
“É unha vergoña que o goberno municipal teña abandonado o
servizo de Emerxencias, que é fundamental para a seguridade e o benestar da
cidadanía. Os traballadores e traballadoras do servizo están a facer un esforzo
enorme para prestar un servizo de calidade, pero atópanse cunhas condicións de
traballo inadecuadas e uns salarios inxustos. O goberno municipal ten que
actuar xa para solucionar esta situación e dotar ao servizo dos medios
materiais e humanos que necesita. Non podemos permitir que o servizo de Emerxencias
se vexa mermado ou que non poida actuar en caso de emerxencia por culpa da
irresponsabilidade e a incompetencia do goberno municipal”, asevera Otero.
“Desde Esquerda Unida pedimos que se realice a
instalación dunha cuberta para o parque de vehículos. Tamén solicitamos que se
recoñeza o traballo do persoal do servizo e se lles pague o que lles
corresponde polas súas funcións. Ademais, ofrecémonos a acompañar ao goberno na
procurar do recoñecemento do servizo como GES e así evitar o gasto dun camión
de bombeiros, unha lancha salvavidas e a adquisición do sistema de
excarceración”, engadiu José Antonio Otero.