31 xaneiro 2017

Esquerda Unida nin privatiza nin forma parte do goberno, defende o seu programa electoral

O Grove, 22 de xaneiro de 2016.- A agrupación local de Esquerda Unida sae ao paso das declaracións do concelleiro do PGD, Alfredo Bea, nas que acusaba ao grupo municipal esquerdista de participar xunto co goberno municipal na privatización de servizos públicos no Concello do Grove, chegando incluso a afirmar que os edís de Esquerda Unida forman parte do goberno como socios.
 
Estas afirmacións non sentaron nada ben nas filas de esquerdistas que, tras reunir á súa militancia, decidiron saír ao palestra para dar resposta a esta estas acusacións. A Asemblea Local da agrupación de EU diríxese ao concelleiro galeguista para indicarlle “que estea tranquilo señor Bea, pois en Esquerda Unida seguimos manténdonos firmes na defensa dos servizos públicos e na necesidade da prestación dos mesmos de xeito directo”.

En canto ás acusacións de ser socios de goberno do PSOE, dende a propia asemblea móstranse “sorprendidos de que se nos acuse de formar parte do goberno en calidade de socios” e afirman que “seguramente é polo feito de que estamos facendo o noso traballo no Concello e acadamos que algunhas proposta do noso programa electoral foran aprobadas e asumidas polo goberno”. Así mesmo indican que “outros parecen non ter propostas e por iso recorren a atacar e difamar de quen si ás ten”.

Esquerda Unida sinala que dentro do paquete de propostas que os edís do Grupo Municipal trasladaron ao goberno municipal estaba a recuperación para a súa xestión directa de varios servizos municipais, cuestión que non foi aceptada polo goberno socialista, polo que consideran incomprensible e inaceptable que se lles acuse de privatizar servizos cando, segundo indican, “fomos o único grupo que solicitou e seguirá solicitando a recuperación dos servizos privatizados”.

Os esquerdistas séntense “gabados polo papel que o señor Bea nos quere conceder de grandes axitadores sociais” –en referencia ao suposto silencio da agrupación nas redes sociais que antes non se producía– “pero cremos que se nos está sobrevalorando nesta faceta” sinalan con sorna dende EU.

Finalmente, os esquerdistas rematan cun convite ao concelleiro galeguista e ao seu partido, “estaremos encantados de que o Señor Bea e os membros do seu partido se reúnan con nos e lles exporemos con agrado o noso programa electoral e as nosas propostas e o traballo realizado en defensa dos servizos públicos”. Un traballo que, segundo a agrupación local, están realizando de forma correcta os seus dous edís pois, “ademais de solicitar por activa e por pasiva a recuperación dos servizos externalizados fomos quen de arrincar no seu momento un compromiso do goberno municipal para non privatizar os que actualmente son públicos”. “Agora é o Alcalde o que terá que explicar por que incumpre os compromisos acadados coa nosa agrupación”, sentencian dende Esquerda Unida.


Asemblea Local de Esquerda Unida


prensa:
Esquerda Unida niega su interés por privatizar servicios públicos y dice reafirmarse en su programa [ver noticia web]

28 xullo 2016

Rogos e Preguntas do pleno do mes de xullo


Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA, pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9) abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa para solicitar o mesmo), votou en contra.

Nos Rogos e preguntas, os concelleiros de Esquerda Unida solicitaron que o Goberno realizase un mantemento continuo do Parque Canino da Toxa, pois mostra un estado de abandono totqal, no que a maleza invade boa parte do espazo. Pediron tamén que se instalase o cartel indicador e o das normas de uso, asunto que non foi atendido a pesar de que a concelleira o prometera no pleno de maio tras un rogo realizado tamén por Esquerda Unida. Así mesmo, instaron ao goberno a realizar a limpeza de maleza nos diferentes solares municipais e espazos públicos –en moitas zonas a maleza está invadindo os beirais e zonas de transito de peóns– xa que se está mostrando unha imaxe lamentable aos turistas que nos visitan estes días.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.

Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

En canto a turismo, os esquerdistas criticaron a falta dun avance da programación da Festa do Marisco en pleno mes de xullo e preguntaron si se estaba a promover o evento gastronómico entre os nosos visitantes. A razón polo que cada ano se modifica a situación das praias caninas foi outra das cuestións que levaron a consulta, xa que está a crear certo descontrol entre os usuarios, máxime cando na web turística do concello non se pode coñecer a súa situación actual ao non funciona o enlace. Precisamente neste asunto, o da web turística, é onde incidiron máis os concelleiros de Esquerda Unida que, a pesar de que se está a crear unha nova web, criticaron a falta de actualización da mesma, pois se segue anunciando que o Grove conta con 6 praias con bandeiras azuis, cando o goberno local renunciou a elas e non existen os distintivos nos areais, o que pode provocar denuncias por publicidade enganosa.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres meses.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]

28 xuño 2016

28 DE XUÑO, DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBI



ALEAS-EU INSISTE NA NECESIDADE DE CREAR UNHA UNIDADE DE ACCIÓN ENTRE OS COLECTIVOS E ACTIVISTAS LGTBI

ALEAS-EU CRE QUE O EXEMPLO DA PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA É O MILLOR ESPELLO ONDE REFLEXARSE

Un ano máis achégase o 28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, no que se conmemoran os disturbios de StoneWall de 1969 en New York. Un ano máis, miramos cara o noso pasado e sentimos non só Orgullo da nosa identidade, senón tamén Orgullo da nosa historia, orgullosas e orgullosos de onde vimos e cara onde vamos.

Son moitos os espellos nos que mirarse. Moitos referentes que loitaron antes e outros que seguen loitando por un mundo para todas e todos, respectuoso coa diversidade e con admiración pola beleza que iso significa, un mundo plural. Pero tamén é moito o traballo que queda por diante, xa que as agresións van en aumento e aínda que os pasos dados non son en vano, quédanos moito polo que pelexar e seguir na rúa.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) non podemos máis que seguir insistindo en dous eixes: a procura do compromiso institucional real en canto á loita e conquista de dereitos LGTBI, e a procura dunha maior unidade dos colectivos e activistas LGTBI, unha unidade de acción dende a diversidade que nos caracteriza, seguindo o gran exemplo do movemento feminista galego e do nacemento da Plataforma Feminista Galega.

Unha maior unidade mobilizadora non só nos permitiría consolidar os avances acadados, senón incluso profundar neles, algo necesario no xa máis que coñecido exemplo da Lei 2/2014 do 14 de Abril de 'igualdade e non discriminación LGTBI' do goberno da Xunta do PP, a cal quedou baleira de contido coas súas emendas e agora, unha vez aprobada, apenas ten uso.

Unidade LGTBI, para comezar, pero sen obviar o que vén despois, maior coordinación entre os movementos feministas e de liberación sexual galegos, así como a colaboración e apoio entre outros espazos, de cara a unificar loitas e conseguir mudalo todo.

Dende ALEAS-EU sempre defenderemos esta idea, a necesidade de seguir sumando, de seguir aumentando alianzas, de facer músculo para poder seguir avanzando. Unidas somos máis fortes, unidas só podemos vencer!


MOCIÓN NO GROVE

Cabe destacar que no Grove, o Pleno da corporación municipal aprobou por UNANIMIDADE, na sesión do 30 de maio, unha moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida –refundida coa presentada polo PGD– na que se instaba a:

1- Contribuír, nas competencias que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.

2- Fomentar as condicións de posibilidade para o fortalecemento e o crecemento do asociacionismo LGTBI reivindicativo, entendendo a este como un protagonista clave na loita contra a homofobia, transfobia, bifobia e lesbofobia.

3-  Promover o coñecemento e o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral da administración local, especialmente entre os corpos policiais, a través de campañas de sensibilización e cursos de formación desenvolvidos polos propios colectivos.

4- Apoiar e difundir as convocatorias contra as agresións que realizan os colectivos LGTBI en todos os espazos que competen á administración local, especialmente nos lugares de lecer, educativos, asistenciais, administrativos e de transporte.

5- Garantir atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

6- Recoñecer a determinante contribución de todas aquelas persoas e colectivos que veñen defendendo durante décadas os dereitos de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais.

7-  Estender, durante o día 28 de xuño, día internacional do orgullo gai, unha ensina coas cores da bandeira arco iris, representativa do colectivo LGTB, na fachada principal do edificio do concello, xunto ao resto de bandeiras institucionais.

8- Instar á Xunta ao cumprimento das 5 recomendacións urxentes da Valedora do Pobo. Así, urxe a existencia dun documento transitorio de identidade para os maiores de idade no que se recolla o seu nome elixido sen ter que esperar ata “dous anos” para ese cambio; así como cambiar no nome nos cartóns sanitarios de menores transexuais. Maior pedagoxía en escolas; aumentar a formación de profesionais da educación, sanidade e administración; e desenvolvemento dun protocolo de Atención Primaria no Sergas para asistir de “forma certa e segura”. Paso previo dunha lei galega de igualdade e diversidade.

9- Convidar a FELGTB, ou no seu caso galega, a realizar charlas nos institutos da súa campaña “Escuela sin armarios” (www.escuelasinarmarios.com)

17 xuño 2016

Esquerda Unida pide actuacións en Meloxo, Estonllo e outra zonas do concello



Aberta unha nova vía de negociacións de cara á aprobación dos orzamentos 2016, incluíndose o remanente de tesourería, a agrupación local de Esquerda Unida fixo chegar ao goberno municipal unha serie de actuacións para as cales agarda un compromiso de execución.

Estado das rúas do barrio de Meloxo
A medida máis importante céntrase no barrio de Meloxo. Un barrio no que, segundo os esquerdistas, as rúas que o percorren atópanse nun estado de deterioro, con fochas, gretas e zonas sen asfalto. Por ese motivo, Juan Lamelas e Jose A. Otero consideran necesaria e xustificada unha actuación integral na zona. 


Lavadoiro de Meloxo pechado
Unha zona para a que tamén piden a reparación inmediata do seu lavadoiro que, segundo indican, leva pechado aos veciños dende hai varios meses por problemas co tellado –cuestión esta que xa expuxeron no pleno do mes de abril–. Ademais, instan ao goberno a que se reparen todos os lavadoiros do concello e se poñan en valor patrimonial, cultural e turístico.
Estado da fonte de Estonllo
Neste mesmo senso –o do valor patrimonial, cultural e turístico– céntranse os esquerdistas para solicitar tamén o arranxo da fonte natural de Estonllo, así como as de todo o concello. En canto ao de Estonllo, os edís indican que foron varios os veciños que lles fixeron chegar as queixas do mal estado no que se atopa esa fonte, pois non bota auga, o acceso é dificultoso e o seu entorno atópase en total abandono. Por iso solicitan que se arranxe de maneira inmediata, dotándoo de melloras na accesibilidade, dun cartel indicador e amañando o entorno.

 
Sobrante de estrada en Reboredo
Outra das petición realizadas, segundo os esquerdistas en concordancia cunha moción aprobada en relación cunha senda peonil entre Campos e Reboredo, é a creación de áreas de descanso nos sobrantes de estrada, dotándoas de árbores, bancos e papeleiras.



Estado do mirador Conda Hedra
O arranxo do parque infantil da Siradella, esnaquizado e abandonado; do miradoiro de Con da Hedra, nas mesmas circunstancias que o anterior; da explanada do Corgo, que conta con numerosas baldosas levantadas e esnaquizadas e faltan bancos; e da rúa que transita entre Balea e Balea marítima, foron outras das solicitudes realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, conscientes de que estas últimas non son actuacións propias do Concello senón conxuntamente coas dúas Comunidades de Montes, Portos de Galicia e Deputación de Pontevedra.
 

Miradoiro Con da Hedra


Miradoiro Con da Hedra
Parque infantil Siradella
Parque infantil Siradella
Explanada do Corgo
Explanada do Corgo
Barrio de Meloxo
Barrio de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo

Acceso fonte de Estonllo
Fonte de Estonllo
Sobrante de estrada en Campos
Estrada Balea a Balea marítima

[ver/descargar o documento que se lle achegou ao Goberno municipal]