Grazas a todas e todos os que confiáchedes na nosa proposta e na nosa candidatura. Logramos uns excelentes resultados que nos animan a
continuar traballando polos intereses dos veciños e veciñas do Grove.
Nestas eleccións demostrouse que non se pode estar catro anos gobernando de costas á veciñanza. Os nosos concelleiros electos, Juan Lamelas Alfonso e José Antonio
Otero González, así como o resto da nosa militancia, traballaremos
porque as nosas propostas saían adiante nestes vindeiros catro anos.
27 maio 2015
07 maio 2015
Toda a información electoral nunha nova dirección web
Esquerda Unida - Son presenta a súa web electoral http://elocais.euogrove.es. Un portal no que as veciñas e veciños do Grove poderán seguir toda a información electoral da agrupación para estes comicios.
Unha web na que os visitantes poderán coñecer os perfís das candidatas e candidatos que forman parte da lista electoral de EU-Son, o traballo realizado polos concelleiros de Esquerda Undia (José A. Taboada na primeira parte do mandato e Juan Lamelas na segunda) nos últimos catro anos, os dez puntos do Código Ético, e as numerosas propostas que EU-Son leva no seu programa de goberno. Unha información que os usuarios poderán descargar en formato PDF.
Ademais, Esquerda Unida - Son dará detallada información dos actos que realizará durante a campaña electoral, así como dos resultados mesa por mesa do vindeiro 24 de maio.
Unha web na que os visitantes poderán coñecer os perfís das candidatas e candidatos que forman parte da lista electoral de EU-Son, o traballo realizado polos concelleiros de Esquerda Undia (José A. Taboada na primeira parte do mandato e Juan Lamelas na segunda) nos últimos catro anos, os dez puntos do Código Ético, e as numerosas propostas que EU-Son leva no seu programa de goberno. Unha información que os usuarios poderán descargar en formato PDF.
Ademais, Esquerda Unida - Son dará detallada información dos actos que realizará durante a campaña electoral, así como dos resultados mesa por mesa do vindeiro 24 de maio.
01 maio 2015
Esquerda Unida celebra que a presión cidadá levara ao goberno a recuar no tema do Cicri
Esquerda Unida celebra que o goberno municipal
recuara e retirara da orde do día o punto que trataba sobre o Cicri. A presión
da cidadanía, claramente contraria a este proxecto, e a recollida de máis de mil
sinaturas por parte de Esquerda Unida fixeron que o alcalde de O Grove e o seu
goberno tripartito tiveran que dar marcha atrás.
Poderá o señor alcalde dar mil e unha escusa e
esgrimir mil e un argumentos sobre o por qué da retirada do orde do día deste
asunto. O que Esquerda Unida sabe, e os veciños e veciñas tamén, é que esta foi
unha vitoria de todos e todas. A Sra. Aida Filgueira e o Sr. Carlos Otero
tomaron a determinación de opoñerse á construción do Cicri debido ao
descontento veciñal así como das asociacións culturais.
Para o concelleiro de Esquerda Unida, Juan
Lamelas, “as mentiras e os enganos xa
non colan na sociedade, e a realidade é que esta obra, que nos tenta vender o
Sr. Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán é simplemente unha cafetería, de preto
de un millón de euros, no medio da praza do Corgo. E dicimos que é unha
cafetería porque é para o único que foron capaces de conseguir financiamento”. Lamelas
indicou que “O que non pode suceder é que cada día que pasa apareza nova
información relativa a esta obra, que non conte cos informes favorables e que
se ofreza unha valoración de ingresos claramente inflada (20.000 €/ano en
entradas, 20.000 €/ano en axudas, 2.000
€/ano de alugueres e 20.000 € da concesión da cafetería)”. Por último Juan
Lamelas denuncia o proceder do Alcalde, que decidiu reunir ás asociacións
culturais, a tres días do pleno para buscar o apoio destas, algo que non
atopou, vendéndolle que o Cicri contemplaba o auditorio con butacas, pero que
isto xa se vería si se facía na segunda ou terceira fase, xa que agora o que
construirían sería a Cafetería. Lamelas pregunta “a quen está enganado o Sr.
Alcalde, a Portos ou as asociacións e veciños do Grove? Xa que nos tres tomos
que completan o proxecto do Cicri, non nomea por ningún lado a palabra
auditorio, xa que Portos de Galicia non permite este tipo de actividade no seu
solo”.
Na agrupación esquerdista consideran que non é normal
que as rúas, estradas, beirarrúas, mobiliario urbano, parques, xardíns, centros
educativos,... estean en estado lamentable e que se pretenda destinar os cartos
anuais do plan de inversións da deputación nunha construción que non pediu nin
demandou ninguén, en solo portuario, na zona onde se realizan as festas do
Carme, de San Martiño e do Marisco, o mercado municipal, estragando aínda máis
a fachada litoral do noso concello. Non se deron pasos para a construción do
Centro de Día e do novo Centro de Saúde, prioridades a día de hoxe para o pobo,
pero si se intentou enganar aos veciños con unha obra que suporía hipotecar as
arcas municipais.
Ademais, a agrupación esquerdista considera unha
tomadura de pelo e unha falta de respecto aos membros da oposición e, sobre
todo, aos veciños e veciñas que na mañá do xoves se achegaron ao salón de
plenos, que o Alcalde do Grove non quixese dar explicacións sobre os motivos
que o levou a tomar a decisión de retirar ese punto da orde do día xa que,
segundo as súas palabras, as daría na prensa. Tampouco ofreceu explicación pola
hora da convocatoria da sesión plenaria, a pesar de afirmar nun medio de comunicación
que sería no pleno onde ofrecería as razóns de tal horario. Unha mostra máis da
prepotencia coa que o Sr. Miguel Ángel Pérez manexa o concello e o goberno
tripartito, situación que non sorprende a Esquerda Unida, pois xa os ten
habituado a este tipo de actitudes nas diferentes sesións plenarias destes
catro anos de mandato.
Esquerda Unida considera tamén lamentables as verbas
da Sra. Aida Filgueira, que no pleno e posteriormente na prensa mostrou unha
falta de respecto cos veciños e veciñas do noso concello ao afirmar que o
Centro de Día non é viable economicamente e propoña utilizar os 600.000 €, que
o concello ten blindados para esa construción, para realizar un Centro Integral
de Atención aos Maiores adecuando a saber que infraestrutura, que non cubriría
en ningún momento as necesidades demandadas nun Centro de Día e aínda por riba anunciando
que será unha realidade a curto prazo. Non se entende como a persoa que ata o
día do pleno apoiaba incondicionalmente a obra do Cicri, de feito asistiu a charla
do Sr. Alcalde coas asociación culturais e non abriu a boca, agora diga que o
Centro de día non é viable economicamente e teña a desfachatez de erixirse como a salvadora do pobo ao forzar a
retirada do punto do Cicri da orde do día.
Dende Esquerda Unida recórdanlle a Sr. Filgueira que
seguen agardando polo cumprimento do acordo aprobado no pleno de xullo de 2011
no que se pedía un estudo obxectivo entre os maiores e familias con persoas
dependentes que recollese o número de persoas do concello que precisases acudir
a un Centro de Día, dependencia das mesmas, horas e días que precisasen ou
estarían dispostas a acudir ao Centro de Día e estatus económico e social desas
persoas. Tamén lle recordan que en outubro de 2011 a Sra. Filgueira respondeulle
ao entón concelleiro de EU, José Antonio Taboada, que “estaba a colaborar para
poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos onde se ía a construír esta
instalación” en alusións a pregunta formulada sobre a situación na que se
atopaba o Centro de Día do Grove.
Para finalizar, a
agrupación esquerdista recórdalle ao goberno tripartito que, ao igual que
sucedeu en numerosas ocasións nestes catro anos de mandato, no derradeiro pleno
ordinario deixaron algunhas cuestións sen responder, como a dirixida ao Sr.
Miguel Ángel Pérez na que pedíamos explicacións sobre a que atendía o reparto
de libros entre os veciños ou que parecer lle tiña a imaxe que estaba deixando
a nivel estatal os semáforos do Grove logo da publicación dunha carta de
Fernándo Onega no programa de Onda Cero.
29 abril 2015
Esquerda Unida entrega por rexistro mil sinaturas contra o Cicri
Juan Lamelas fixo entrega esta mañá, acompañado de varios membros da candidatura, das mil sinaturas que Esquerda Unida leva recollidas contra o Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira e o Plan Especial do Porto do Grove e a Toxa. Ademais, o concelleiro esquerdista solicitou a retirada do punto da orde do día no que se pretende aprobar a obra do Cicri.
Esquerda Unida denuncia que a documentación do expediente que se debatirá no pleno foi completada no día de hoxe (mércores), polo que non consta no informe xurídico nin no económico a valoración completa do expediente. Denuncian ademais, que o que pretende facer o Tripartito é unha cafetería valorada en 900.000 €, que é para o único que teñen cartos.
NOTA DE PRENSA
O Grove, 29 de abril de 2014. No
día de hoxe Esquerda Unida presentou no rexistro do Concello as mil e unha
(1.001) sinaturas que leva recollidas de momento en contra da construción do
Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira na praza do Corgo.
O
grupo político representado na corporación por Juan Lamelas presentou as
sinaturas solicitando a retirada da orde do día do pleno de mañá do punto no
que se debatirá o inicio dos trámites para a construción do CICRI en zona
portuaria, ás que se engadirán as sinaturas que se continúen recollendo para a
presentación dunha iniciativa cidadá para debatir as necesidades de inversión
que ten o concello e as prioridades que se debe marcar o goberno municipal.
Denuncian
tamén as formas coas que o goberno tripartito municipal está a realizar os
trámites, pois a documentación do expediente que se debatirá no pleno foi aínda
completada no día de hoxe, non constando polo tanto no informe xurídico nen no
económico a valoración completa do expediente. Sinala Lamelas que "os
informes técnicos realizados pola secretaría e intervención municipais son
negativos" e dubidan da viabilidade legal do proxecto. "En todo o
expediente non aparece a palabra auditorio por ningures, pois saben que Portos
de Galicia non cederá os terreos para ese fin ao non ter relación cos usos
portuarios definidos no Plan aprobado por eles mesmos".
Esquerda
Unida califica a obra como unha desfeita para o Concello, pois segundo eles
"o Concello non conta con financiación, nen propia nen en forma de
subvención, para custear o total da inversión" e sinalan ademais que O
Grove ten outras necesidades prioritarias como un centro de día para o que si
existe financiación municipal, un novo centro de saúde ou melloras nos
diferentes centros educativos.
"Pretenden
construir unha cafetería de 900.000 € en solo portuario e actualmente zona
verde con cartos públicos, porque é para o único que teñen cartos".
Segundo
os esquerdistas isto é o que será realmente o CICRI, unha cafetería, pois a
primeira fase da obra e única que conta con financiación é a cafetería.
Cabe
recordar tamén que o tripartito, se se aproba en pleno o proxecto, destinará
partidas normalmente destinadas aos diferentes barrios do Grove á construción
do CICRI.
Recordan
desde Esquerda Unida que continúan coa campaña de recollida de sinaturas.
26 abril 2015
Esquerda Unida, BNG e PSdG-PSOE tachan de estrataxema idigna a hora do pleno
Os tres partidos da oposición consideran que a hora da celebración do pleno atende a un ocultismo por parte do goberno tripartito que intente, entre outras cousas, aprobar o expediente de contratación do CICRI sen que os veciños poidan mostrar o seu rexeitamento.
Asi mesmo, entenden como indecente que no derradeiro pleno do mandato, o tripartito pretenda hipotecar á futura corporación e as arcas municipais con unha obra de 2,5 millóns de euros, chamada a ser "o pequeno gaiás" de Miguel A. Pérez e Rafael Louzán, cando o Grove segue sen centro de día e un novo centro de saude.
NOTA DE PRENSA ÍNTEGRA
O Grove, 25 de abril de
2015. Esquerda
Unida (EU), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista Obreiro
Español (PSdG-PSOE) denuncian o intento de ocultismo por parte do goberno
tripartito e en particular polo alcalde Miguel Ángel Pérez, ao convocar
novamente unha sesión plenaria ás nove da mañá. Un pleno onde, entre outros
asuntos, se debaterá e previsiblemente se aprobará por parte do goberno do
Partido Popular, Partido Galeguista Demócrata e Alternativa Meca a apertura do
expediente de contratación para a obra do “Centro de Interpretación,
Desenvolvemento e Divulgación da Carpintería de Riberia (Cicri)”.
Os tres partidos que forman parte da oposición
consideran que, tras as mobilizacións contra o PXOM e a asistencia masiva nos
últimos plenos do concello, este novo horario atende a unha estrataxema indigna
por parte do goberno tripartito, que pretende evitar a asistencia da cidadanía
ao pleno e que esta mostre o seu rotundo rexeitamento a esta aberración
urbanística.
Ademais, EU,
BNG e PSdG-PSOE cren indecente que sexa no derradeiro pleno do mandato cando
unha obra valorada en máis de dous millóns e medio de euros poida ser aprobada,
hipotecando así á nova corporación que sairá nas urnas en pouco menos dun mes. Namentres
o centro de día e o centro de saúde seguen sendo unha ilusión no concello, o
goberno pretende aprobar unha obra que está chamada a ser “o pequeno Gaiás” de
Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán. Unha obra inútil que non demandan os
veciños e veciñas e que hipotecará as arcas do concello de O Grove.
Juán
Lamelas Alfonso.
Voceiro de EU no concello Grove
Heládio
Outeiro Padim
Voceiro do BNG no Grove
José
Antonio Cacabelos Rico
Voceiro do PSdG-PSOE no Grove
22 abril 2015
Esquerda Unida continúa coa campaña de recollida de sinaturas en contra do CICRI
Esquerda Unida intensifica
a campaña en contra do CICRI e a reforma portuaria ampliando os establecementos
nos que os veciños poden asinar. Tamén se pode descargar o documento dende a
web www.euogrove.es ou recoller na copistería Copyman. O venres volverán ao
mercado municipal.
Nunha semana,
máis de 500 veciños mostraron a súa oposición a unha obra que pretenden
vender como auditorio, pero que non deixa de ser unha sala multiusos. Os
esquerdistas solicitarán a retirada dos puntos que traten sobre o CICRI da orde
do día do último pleno do mandato.
Cando aínda non transcorreu unha semana dende o comezo da
campaña de recollida de sinaturas en contra da construción do Centro de
Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) e do Plan Especial do Porto do
Grove e A Toxa, Esquerda Unida xa contabiliza máis de 400 sinaturas na rúa e
máis dun centenar no portal Change.org.
A campaña seguirá aberta e a agrupación esquerdista amplía
e seguirá ampliando os locais nos que os veciños e veciñas poderán mostrar a
súa oposición a unha obra que non soluciona os problemas reais e que non deixa
de ser unha sala con cadeiras de plástico, a imaxe da que existe na Casa da
Cultura, a pesar de que este goberno o vende a “bombo e platillo” como un
Auditorio.
Esquerda Unida anima a todos os veciños a mostrar o seu rexeitamento
asinando as follas que poderán atopar nos máis de 30 establecementos da
localidade. Ademais, os veciños que así o desexen, poden descargar o documento
da páxina web www.euogrove.es ou recoller unha copia na copistería Copyman. Cando a teñan completa poden
entregala no local de Esquerda Unida (Rúa Luís Casais, 1. 2º esquerda) os lúns
a partir das 19 horas. Por outro lado, os membros da candidatura de Esquerda
Unida-Son volverán achegarse o venres ao mercado municipal para recoller
sinaturas e explicar a postura da agrupación sobre o CICRI.
Aínda que os puntos da orde do día do derradeiro pleno non están
concretados, todo indica que o goberno tripartito levará a esta derradeira
sesión do mandato os tramites precisos para deixar encamiñada a construción do
CICRI en terreo portuario antes das eleccións. É por iso que Xan Lamelas
solicitará a retirada da orde do día de todos os puntos que traten sobre este
asunto, deixando o debate para a corporación que resulte electa tras o proceso
electoral do vindeiro 24 de maio.
21 abril 2015
EU-Son presenta unha candidatura comprometida e decidida a traballar polo Grove
Esquerda Unida-Son presenta unha candidatura con xente
nova, ambiciosa, preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos
intereses veciñais.
O Grove, 20-04-2015.- Tras dar a coñecer aos
cinco primeiros membros da candidatura hai unhas semanas, Esquerda Unida O
Grove presenta a lista completa coa que concorrerán as vindeiras eleccións
locais do 24 de maio baixo o nome de ESQUERDA
UNIDA-SON.
Neste novo proceso electoral
Esquerda Unida apostou por unha candidatura renovada, integrada por nove
mulleres e na que a metade dos integrantes son independentes, aínda que ligados
dunha ou outra maneira á organización esquerdista. Unha lista que conta con
moita xuventude, o 75% da mesma non superar os 40 anos, ambiciosa, ilusionada,
preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos veciños e veciñas do
Grove. Unha mestura de xuventude e veteranía, con experiencia en diferentes
eidos como o turismo, cultura, xuventude, educación, sanidade, deporte,
emprego, medio ambiente...
Unha aposta forte por acadar o maior número de apoios para lograr gobernar,
no que a premisa non sexan promesas de obras inservibles e innecesarias nestes
tempos de crise, apostando por demandas reais dos veciños (centro de día, novo
centro de saúde e arranxo dos centros educativos), servizos primordiais e para
o que nalgún dos casos o concello xa conta con partida orzamentaria. Poñer fin
ao clientelismo e o caciquismo destes catro anos de goberno tripartito, no que as contratacións a
dedo estiveron ao orde do día; rematar co abandono continuo ao que teñen
sometido a diferentes barrios e rúa, aos que lles dan solucións só en época
electoral; abrir o concello aos veciños e veciñas a través da participación e a
transparencia son as pautas primordiais deste grupo que encabeza Juan Lamelas
Alfonso. A candidatura foi configurada acorde ao decidido na última asemblea,
na que se presentou aos cinco primeiros candidatos, onde se apostaba pola
xuventude, reservando os postos de suplencia para os veteranos. Uns postos que
encabeza o anterior candidato José Antonio Taboada Magdalena ao que a
agrupación lle agradece o compromiso co partido dende sempre.
CANDIDATURA ESQUERDA
UNIDA-SON
04 abril 2015
EU denuncia a pre campaña electoral do PP agasallando a veciños co libro “O Grove foron outros tempos”
A desesperación do Partido Popular do Grove
e en particular a de Miguel Ángel Pérez por evitar a perda de votantes, tras catro
anos de clientelismo e inactividade, que rematou cun desastroso PXOM, parece
non ter límites. Logo de colgar carteis anunciando obras sen adxudicación e
financiamento, un sen fin de actividades programadas para as semanas previas a
campaña electoral e o desembolso de cartos dende a Deputación para parchear rúas,
agora o Sr. Pérez dedícase a utilizar a institución e ao persoal municipal para
emular os tempos do “Masa” á hora de gañar votos.
Do arroz e
aceite aos libros.
Si naquelas épocas, Alfredo Bea Gondar enchía
as urnas con votos comprados con aceite e arroz, Miguel Ángel Pérez dedícase a
recuperar esa vella arte de facer política enviando libros aos veciños.
![]() |
| Tarxeta personalizada do Sr. Alcalde entregada aos veciños que recibiron o libro |
A agrupación local de Esquerda Unida fai
esta denuncia publica tras ter constancia de que diferentes veciños e veciñas
do Grove recibiron, nos últimos días, o libro "O Grove foron outros
tempos" editado no 2009 por Teófilo Edicións e a Deputación de Pontevedra,
acompañado dunha tarxeta personalizada de puño e letra polo Sr. Alcalde, na que
expresa a súa confianza por que o libro sexa do agrado do beneficiario. Todo
elo entregado en man por un policía municipal que en acto de servizo percorre
as vivendas dos veciños para entregar este peculiar “agasallo”. Unha mostra
máis do “barriobaixeira” que pode chegar a ser a dereita con tal de non perder
o mando.
Aida
butterfly
Non só Miguel A. Perez utiliza a
institución para o fins electorais. A Sr. Aida Filgueira aprendeu moito nestes
catro anos e, nestas semanas, está a despilfarrar
as partidas orzamentarias da súa asignación en numerosas actividades, nunca
antes vistas. Entre elas unha exposición de bolboretas na que a concellería de
Participación Cidadá inverte preto de 3.000 €.
![]() |
| Foto Todogrove.com |
Tampouco o Sr. Alfredo Bea se queda
corto na súa particular pre campaña electoral. Nos últimos días asistimos a
presentación dunha campaña na que agasallará con diferentes materiais aos veciños
e veciñas que participen nas actividades deportivas organizadas pola
concellería de Deportes. Tamén ollamos como chega a tempo coa creación do
parque canino de agility logo de que en abril de 2013 se aprobara unha moción
de Esquerda Unida na que se solicitaba a súa creación.
Unha bochornosa
carreira electoral na que o tripartito utiliza os fondos públicos co propósito
de que o desgaste do PXOM non provoque unha escorrentada de votantes que os
deixe sen a rede clientelar fraguada nestes catro anos.
Asemblea de Esquerda Unida
O Grove
30 marzo 2015
O tripartito do autobombo
O
Grove, 30 de marzo de 2.015.- Nestes
últimos días estáse a observar un incremento de actividades por
parte do tripartito gobernante no Grove nunca antes coñecido:
cursos, inauguracións, regalos, presentacións, carteis de obras sen
orzamentar... E así o vén a denunciar a agrupación local de
Esquerda Unida, para quen o tripartito "pretende enmendar catro
anos de parálise nas que a inversión e dinamización estiveron
ausentes nas políticas do PP e compañía". Aínda que para a
organización de esquerdas o goberno local non estivo sempre en
letargo, pois segundo eles "no tripartito andiveron finos á
hora de poñer servizos públicos en mans privadas, baleirar os petos
dos veciños con políticas sancionadoras, contratar a amigos e
tentar 'pelotazos' como o PXOM, o CICRI ou a explotación do novo
ximnasio".
E
en referencia a esto último, Esquerda Unida propón unha auditoría
municipal no caso de chegar a gobernar despois das eleccións de
maio. "Despois dos catro anos de goberno do tripartito o
Concello do Grove precisa dunha auditoría das súas contas, pois hai
cousas que cheiran moi mal, sobre todo nas áreas de Igualdade e
Servizos Sociais e Seguridade e Emerxencias". Este é un dos
puntos que forman parte do programa electoral que Esquerda Unida
continúa a elaborar e que está aberto a aportacións de colectivos
e veciñanza. Sobre este punto, os esquerdistas engaden que "unha
auditoría cidadá é precisa, porque debemos saber a quen e a que
empresas se estivo beneficiando con diñeiro público e este goberno
foi campión en trasladar os cartos de todos a mans privadas".
Unha pousada que ninguén pediu
Dentro
de esta campaña de autobombo que denuncian desde EU, está a
presentación esta mesma tarde dun libro promocional da Deputación
de Pontevedra da Pousada da Lanzada que se realizará na Sala das
Cunchas do Concello. "Utilizan recursos públicos para
promocionar unha pousada que ninguén pediu, e contra a cal se
manifestaron centos de veciñas e veciños do Grove". Así de
contundentes se amosan desde o grupo de esquerda, para quen é
preciso poñer as mans do PP lonxe dos intereses do Grove "sexa
Miguel Pérez ou Rafael Louzán, os intereses dun pobo de clase
traballadora como O Grove non pode estar nas mans de personaxes coma
estas".
Asemblea
local de Esquerda Unida
28 marzo 2015
A Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións Locais de Maio
A
Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións
Locais de Maio
A asemblea local de Esquerda Unida O Grove ven de ratificar o primeiro
tramo da candidatura coa que a formación de esquerdas concorrerá ás vindeiras
Eleccións Locais do 24 de maio.
Xan Lamelas encabezará unha candidatura na que tamén estarán José A. Otero,
Sonia Gondar, David Gondar e Ana Viso.
Na tarde noite do venres, os afiliados e simpatizantes de Esquerda Unida
estaban chamados a unha asemblea na que a formación esquerdista presentaba aos
candidatos e candidatas que formarán o primeiro tramo da lista electoral coa
que concorrerán aos vindeiros comicios, o 24 de maio. Unha lista que obtivo o
respaldo da totalidade dos asistentes e que contará con actual concelleiro Xan
Lamelas Alfonso ao fronte da mesma. Tras Lamelas estarán José Antonio Otero
González, Sonia Gondar Gondar, David Gondar Prieto e Ana Isabel Viso Vázquez,
que completarán de forma respectiva os cinco primeiros postos da candidatura.
O resto da lista quedará perfilada nas vindeiras semanas,
toda vez que rematen de falar cos militantes e simpatizantes así como con
veciños e persoas de outras organizacións políticas que nos últimos meses se
achegaron co propósito de participar dun proxecto común de esquerdas.
Programa electoral
Por outro lado, Esquerda Unida segue traballando na
elaboración do programa electoral e nas vindeiras semanas reunirase cos
diferentes colectivos sociais co propósito de trasladarlle as propostas da
agrupación e recoller as inquietudes e demandas destes.
Información
dos candidatos:
Juán Lamelas Alfonso
(O Grove, 33 anos)
Traballador da Hostalería.
Coordinador de Esquerda Unida O Grove. Actualmente concelleiro na corporación
grovense. Encabezou a candidatura de EU no 2007, sendo concelleiro electo e
formando goberno. Ostentou as concellería de Formación e Emprego, Persoal e
Xuventude. Vinculado ao Partido Comunista participa en diversas loitas sociais
dende que iniciou a súa militancia no movemento estudiantil.
José Antonio Otero González
(O Grove, 35 anos)
Técnico Electrónica de Consumo,
actualmente en paro. Participa en Esquerda Unida dende o ano 99. Colabora activamente no tecido asociativo da localidade traballando no ámbito
xuvenil, cultural, deportivo e educativo. É directivo do Club Baloncesto O Meco
e da ANPA Lagoa de Rons.
Sonia Gondar Gondar
(O Grove, 31 anos)
Socióloga e investigadora. Licenciada
en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Posteriormente realizou o Curso de
Aptitude Pedagóxica (CAP). Ten un Máster en Migracións Internacionais con
especialización en Políticas Migratorias e outro Máster en mediación
Intercultural. Doutoranda en socioloxía pola UNED. Traballou en diferentes
organizacións sociais; Asociación de Empresarios de Hostalería do Grove,
Federación Provincial de Comercio, Hostalería, Turismo e Xogo de UGT Coruña, Fundación
Ronsel e Rede Europeia Anti-Pobreza do Distrito de Viseu en Portugal.
David Gondar Prieto
(O Grove, 31 anos)
Traballador da Hostalería dende hai
quince anos, ostentando cargos de responsabilidade; metre de hotel ou xefe de
restauración. Ligado a movementos sociais e culturais.
Ana Isabel Viso Vázquez
(Ourense, 60 anos)
Reside no Grove dende o ano 71. Dedicouse
ao pequeno comercio durante trinta anos. Actualmente ama de casa e desenvolve a
súa afección á pintura dentro da Asociación Artegrove da que é Secretaria. Realizou
varias exposicións individuais e colectivas tanto no Concello do Grove como
noutras vilas e cidades de Galicia.25 marzo 2015
Esquerda Unida califica de "vergoña" o madrugador pleno de mañá
“Un pleno de vergoña” así é como califica Esquerda Unida o pleno que se celebrará o vindeiro xoves pola mañá na Casa do Concello do Grove, e que ten entre os seus puntos de orde do día a aprobación do Plan Especial do Porto do Grove e da Toxa.
O Grove. 24 de marzo de 2015. Esquerda Unida califica de “pleno de vergoña” a vindeira sesión plenaria a realizar no Concello do Grove. Entre as súas críticas ao goberno municipal están o cambio de horario non consensuado (a convocatoria será ás 9 da mañá) e non informado aos grupos na comisión informativa, a negativa do goberno triparito a incluír na orde do día o debate sobre a retirada dos semáforos con radar, o incremento da aportación municipal ás obras eternas do pavillón polideportivo e a inclusión a última hora e por vía de urxencia do Plan Especial do porto do Grove e a Toxa.
![]() |
| Nova odenación do Porto do Grove |
Sobre este último punto é sobre o que se centran as maiores críticas, pois segundo a agrupación de esquerdas trátase “dun pelotazo que non vén a resolver ningún dos problemas dos usuarios do porto do Grove e que dá vía libre para edificar a Praza do Corgo e os seus xardíns”. De feito, este é o paso previo que precisa o goberno municipal para poder comezar as obras en zona portuaria (nos actuais xardíns do Corgo) do cacareado centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) unha obra que Esquerda Unida califica como “o pequeño Gaiás de Miguel Pérez”.
![]() |
| Estado actual do Porto do Grove |
“Nin centro de día, nin novo centro de saúde, colexios que precisan de inversión e choiva dentro da gardería, pero a prioridade do tripartito é unha obra de 2,5 millóns de euros en terreos portuarios (non municipais) e para a cal non se teñen os cartos”, critican contundentemente desde EU. Engaden ademáis que se trata dunha aberración urbanística que acabaría por destruir a xa maltratada fachada marítima do Grove, ademais de supoñer unha hipoteca para as arcas municipais, pois só se conta con 1/3 da financiación necesaria para a obra, “e aínda así pretenden comezala”.
O certo é que o goberno tripartito precisa de algo que vender á cidadanía tras catro anos de goberno nos que as promesas electorias foron incumpridas e un PXOM que lles estoupou na cara. Así o entenden tamén desde EU “achéganse as municipais e queren ter algo que amosar aos poucos potenciais votantes que lles poidan quedar”.
Asemblea local de Esquerda Unida
06 marzo 2015
O TRABALLO DIGNO PARA AS MULLERES É IGUALDADE!
Comunicado do Partido Comunista de Galicia ante o Día Mundial da Muller Traballadora.
Desde o PCG este 8 de marzo chamamos á
mobilización porque entendemos que non pode haber paz social sen unha
saída social da crise e non pode haber saída social da crise sen o
recoñecemento dos dereitos das mulleres. Por iso é imprescindible o
empoderamento e a incorporación das mulleres de forma activa para
construír a alternativa anticapitalista e antipatriarcal que
necesitamos.
Sen a incorporación das mulleres non
será posible avanzar cara á ruptura democrática por un novo modelo de
sociedade que se constrúa sobre os cimentos da igualdade, nun novo
escenario de relacións de poder entre homes e mulleres.
Entendemos que un proceso revolucionario
e de cambio non poderá darse sen contar co 51% do pobo. Por iso é
fundamental a paridade nos espazos de decisión, porque sen as mulleres
neste proceso e sen o feminismo non será.
Desde o PCG insistimos en que a paridade
debe contemplarse como unha liña vermella intransferible para toda a
esquerda transformadora en tanto que a súa ausencia non pode nin debe
xustificarse tras unha orde de prioridades.
A emancipación e a liberdade das
mulleres están en xogo cos gobernos do bipartidismo monárquico, antes o
PSOE e agora o PP que obedecen ás políticas da Troika, rebaixándonos os
salarios e as condicións de traballo coas sucesivas reformas laborais,
ocasionando o incremento progresivo da desigualdade salarial entre
mulleres e homes.
Hoxe as mulleres traballadoras vivimos
situacións de extrema precariedade laboral. A maioría conformamos o
último elo da cadea, sufrindo a sobreexplotación en condicións
infrahumanas e cada vez máis desprotexidas dos abusos empresariais.
A taxa de ocupación das mulleres no
estado español é do 50,3%, 9 puntos por baixo da dos homes. Co engadido
de que o 25,3% das mulleres é a tempo parcial, mentres que o dos homes
representa o 7,8% (Eurostat). É unha forma máis de discriminación
indirecta.
A media do salario das mulleres, supón
no sector privado o 19,3% menos que o salario dos homes e no sector
público o 10,1% (Eurostat).
Simultaneamente a ocupación feminina
corresponde ao 68% da poboación asalariada con ingresos inferiores ao
Salario Mínimo Interprofesional.
Non é casual tampouco que os sectores de
actividade con salarios máis baixos e con maior brecha salarial son
xeralmente sectores feminizados.
No estado español aínda existen
convenios colectivos que continúan discriminando ás mulleres, polo
escaso control de complementos retributivos que axudan a aumentar a
brecha salarial e porque aínda se admiten categorías en feminino.
Por todo iso, porque as mulleres
queremos un traballo digno, imos responder o 8 de marzo nas rúas para
esixir os nosos dereitos, porque queremos que a traballo de igual valor,
igual remuneración. Porque queremos a repartición do traballo. Porque
queremos máis emprego público de calidade, en sanidade, educación e
dependencia. Porque queremos igualar os permisos de maternidade e
paternidade. Porque queremos acabar coa economía mergullada. Porque a
falta de traballo digno é un xugo que escraviza ás mulleres, que as fai
máis vulnerables ante a violencia machista e, na súa forma máis extrema,
a prostitución. Porque queremos ser libres e vivir en igualdade.
Por todo iso esiximos leis que garantan a creación de emprego garantido e digno para as mulleres.
04 febreiro 2015
Esquerda Unida e Anova confluirán conxuntamente ás vindeiras eleccións municipais no Grove
Militantes e simpatizantes de EU e Anova fan un chamamento a outras
organizacións políticas de esquerda así como aos veciños e veciñas, convencidos
da necesidade dun cambio radical na política do concello, a participar nunha
candidatura de confluencia de cara ás vindeiras eleccións municipais.
Os militantes e simpatizantes de
Esquerda Unida O Grove e de Anova Ogrobe acordaron, tras unha serie de xuntanzas, a
constitución no concello de O Grove dunha candidatura conxunta e aberta a
outras forzas políticas de esquerdas e á sociedade que busque un troco na forma
de facer política. Segundo fontes das dúas organizacións de esquerda, tratarase
dunha candidatura inclusiva, que pretende recoller as inquietudes de todos os
mecos e mecas desconformes co desgoberno total que estamos a padecer cos distintos
gobernos do bipartidismo do Partido Popular e Partido Socialista que nos
estiveron a gobernar nos últimos tempos. Dende EU e ANOVA considérase que este
será un primeiro paso para xerminar un punto de encontro entre a esquerda
política e social no concello do Grove para artellar unha alternativa de
goberno ás políticas do Partido Popular e do Partido Socialista, que teñen
levado a este concello a unha situación de parálise na que se atopa na
actualidade.
Dáse así un paso máis no clamor
popular que solicita a necesidade dunha candidatura unitaria da esquerda, tal
como se reflectiu na primeira asemblea aberta que para tal fin reuniu en
setembro, na casa do concello, a veciños
de moi diversos campos e sensibilidades políticas e sociais que demandaban
precisamente isto, un punto de encontro como alternativa política real de
goberno.
Esta unión de forzas, ven a avalada
polos acordos que ámbalas dúas
organizacións tomaron nos seus respectivos órganos de dirección co fin de crear
candidaturas de confluencia e de unidade popular e, avalado tamén, polo feito
de que a suma de EU e Anova nas últimas eleccións europeas deron como resultado
ser a terceira forza política na nosa vila moi preto do PSOE, polo que estamos
en condicións de afirmar que estamos ante un cambio histórico na nosa vila ó
modo, e salvando as distancias, da Syriza en Grecia.
Ademais de todo isto, este novo
escenario político queda referendado por distintos ex cargos públicos, de
distintas forzas políticas e representativas da esquerda transformadora e
nacionalista da vila.
Dende a confluencia faise un
chamamento a outras organizacións políticas que se sitúan no espectro político
da esquerda a sumarse a esta candidatura de unidade así como tamén a veciños e
veciñas convencidos da necesidade dun cambio radical na política do concello do
Grove.
O cambio é posible.
31 xaneiro 2015
Esquerda Unida considera que o tripartito está acabado e non é lexítimo para decidir sobre o PXOM e outras materias de goberno
Xam
Lamelas solicitou, no pleno do mércores, a retirada da moción presentada polo
goberno tripartito ao considerar que perdeu a pouca credibilidade e autoridade
que podía ter en materia urbanística.
O concelleiro de Esquerda Unida argumentou, cos
incumprimentos do pacto tripartito, a desastrosa xestión municipal deste
goberno que rematou nos últimos meses coa desfeita do PXOM.
![]() |
| Momento da sesión plenaria do pasado mércores. Foto: Todogrove.com |
O Grove, 30 de xaneiro de 2015- Na sesión plenaria do pasado mércores, onde se decidía o futuro do
Plan Xeral (PXOM), o concelleiro de Esquerda Unida, Xam Lamelas, solicitou a
retirada da moción presentada polo tripartito ao considerar que “este goberno
perdeu a pouca credibilidade e autoridade que podía ter nesta materia”.
Ademais, tal e como indicou Lamelas, a moción presentada pola Plataforma de
Afectados polo PXOM reflectía moito mellor as demandas sociais da veciñanza,
polo que consideraba innecesaria a proposta polo goberno. A petición non foi
aceptada e por iso Esquerda Unida decidiu non votala, contando esta só co apoio
do PSOE. Non sucedeu o mesmo na moción da Plataforma, que si foi referendada
por toda a corporación e que pedía entre outras cousas, responsabilidades
políticas. Esquerda Unida agarda ver cales considera este goberno que son as
responsabilidades e quen son os responsables desta situación, que levou a
xuntar a máis de 4.000 persoas nunha manifestación en contra do documento e a
practicamente o mesmo número de alegacións a un PXOM que finalmente se agochará
no caixón.
O concelleiro de Esquerda Unida expresou a súa
desconfianza no goberno tripartito aludindo os “tombos” que este foi dando nas
últimas semanas a raíz da gran mobilización social que xurdiu en contra do Plan
Xeral, indicando que iso “son síntomas dun goberno acabado, que non pode seguir
decidindo sobre as cuestións importantes que atinxen á vida dos veciños do
Grove”.
Para
argumentarse, Lamelas relatou os incumprimentos do propio acordo de goberno
asinado polos tres partidos que forman o mesmo e amparado polo Presidente da
Deputación, Rafael Louzán, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores
Tourís. Un incumprimento total que deixa catro anos de mandato de Miguel Pérez
“ineficientes e autoritarios”. O centro de día e o centro de saúde, tiraron
abaixo os proxectos do anterior mandato; Auditorio, anunciouse un proxecto sen
financiamento, as obras da EDAR, iniciadas polo anterior goberno e aínda non se
coñece data de finalización; as obras do pavillón municipal, con numerosos
atrancos e sen rematar; desdobramento da vía rápida, seguimos igual; inversións
da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, inexistentes ata o momento.
Unha longa lista de promesas que demostran a “desastrosa xestión municipal” que
ven de rematar nestes días coa “desfeita do Plan Xeral de Ordenación
Municipal”, outro dos puntos estrela dese pacto tripartito.
Un
Plan Xeral que no pacto anunciaban que tería rematado (aprobación inicial,
aprobación provisional e definitiva, relataba) pero que, tras saír a luz na
primeira das fases, se tivo que volver gardar no caixón pola presión veciñal,
xa que comezaron a xurdir todos os intereses ocultos que se estaban agochando
na súa planificación, cuestión esta xa advertida polo concelleiro de Esquerda
Unida no pleno da súa aprobación.
É
por iso que Esquerda Unida considera que o actual tripartito non se atopa
lexitimado para tomar decisións de goberno, e menos en materia de urbanismo,
desconfiando incluso de que o propio goberno poida garantir o cumprimento das
súas propias propostas, “pois téñennos acostumados a todo o contrario”.
27 xaneiro 2015
Esquerda Unida O Grove proxectará "Numax Presenta..." dentro do ciclo Cineforum
O vindeiro venres 30 de xaneiro ás 20.30 horas, Esquerda Unida O Grove proxectará, na Sala das Cunchas da Casa do Concello, o documental "Númax Presenta..." dentro do ciclo de Cineforum que a agrupación local está levando a cabo. Trala proxección abrirase un pequeno debate entre os asistentes.
Numax Presenta é un documental de Joaquín Jordá, filmado en 1979, que nos mostra a experiencia de autoxestión levada a cabo polos traballadores dunha empresa de electrodomésticos de Barcelona ante o intento de peche irregular por parte dos propietarios. A Asemblea dos Traballadores inviste as últimas 600.000 pesetas da caixa de resistencia neste filme que reflexa a experiencia que entre todos trataron de sacar adiante, nun momento histórico, de enorme crise e desconfianza, entre a transición e a democracia parlamentaria. Múltiples son as conclusións que podemos sacar desta experiencia fallada, pero que ante todo pon de manifesto a unión das distintas sensibilidades por un futuro de cambio.
14 xaneiro 2015
Esquerda Unida ante o final do período de exposición pública
Esquerda Unida apoia a proposta da Plataforma de Afectados polo PXOM de unha segunda exposición pública, e non descarta iniciativas propias sobre o documento urbanístico.
O Grove, 13 de xaneiro de 2.015.- Este martes 13 de xaneiro rematou o período de exposición pública do PXOM do Grove, amosando nos tres meses que durou este período un gran malestar e rexeitamento por parte da veciñanza do Grove. Esquerda Unida celebrou onte unha asemblea aberta que tivo como tema principal a elaboración participativa do programa electoral, pero na que non faltou tampouco a discusión sobre o Plan Xeral.
Así, nesta asemblea ratificouse a aposta da organización de esquerdas de favorecer a participación veciñal no proceso de elaboración do PXOM a través das ferramentas legais existentes, neste caso as alegacións dos veciños, polo que ratificaron “apoiar a proposta da Plataforma de afectados polo PXOM de esixir unha segunda exposición pública” do documento, postura xa defendida en anteriores ocasións por EU, tendo solicitado incluso no Pleno a palabra do Alcalde de que así se faría.
Esta postura parece ser a que definitivamente tomará o goberno municipal por mor da enérxica protesta social contra o documento urbanístico proposto polo tripartito. Sen embargo, desde EU sospeitan que se poida dar unha situación parecida a ocorrida no anterior mandato de Miguel Á. Pérez, cando se deixou ir o documento cara unha camiño sen saída e condenando ao municipio grovense a seguir sen unha planificación urbanística axeitada. Dende a agrupación de esquerdas, sinalar que de darse a mesma situación, estaríamos ante un novo caso de malversación de fondos públicos, pois a elaboración dun Plan Xeral de Ordenación é algo que costa ás arcas municipais varios centos de miles de euros, o que sería unha "irresponsabilidade pola xestión feita dun elemento clave para o desenvolvemento do municipio”.
Ademais de apoiar a proposta veciñal pola que se están a recoller sinaturas, Esquerda Unida non descarta presentar para o vindeiro pleno algunha proposta propia relacionada co Plan Xeral.
10 xaneiro 2015
Regresa 'A Rúa', o boletin informativo de Esquerda Unida O Grove
Logo dunha ausencia maior da que nos gustaría, volvemos a poñer 'A RÚA' nas túas mans co propósito de recuperar esta ferramenta de intercambio de información, de diálogo, de encontro, de conversa cos nosos militantes, simpatizantes e veciños do Grove.
As diferentes seccións na que se divide 'A RÚA' pretenden fundamentalmente dous obxectivos. Por unha banda, informarvos das iniciativas e actividades da agrupación local de Esquerda Unida, incluíndo as mocións e iniciativas que a nosa agrupación presente nos plenos do Concello. O certo é que cremos que moitas das nosas xestións se perden no esquecemento por causa do silencio sistemático a que nos someten os medios de comunicación social nesta comarca.
En segundo lugar, pero non por iso menos importante, queremos que 'A RÚA' sirva para abrir canles de comunicación con todos vós para así poder obter as vosas suxestións, propostas e inquietudes, imprescindibles para mellorar a nosa actividade futura. Naturalmente, tamén queremos coñecer as críticas que poidades ter sobre a nosa actividade; a vosa opinión neste sentido tamén nos será moi útil.
Para facernos chegar todas estas ideas e suxestións podedes utilizar calquera vía, desde falar directamente con calquera de nós ata utilizar o noso facebook (http://facebook.com/euogrove), a nosa páxina web (http://ww.euogrove.blogspot.com) ou o noso correo electrónico (euogrove@gmail.com).
Agardamos que 'A RÚA' sexa un diálogo produtivo e vivo.
Esquerda Unida celebra a súa segunda Asemblea Aberta para elaborar o programa electoral
O vindeiro luns 12 ás 20.00 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello, celebraremos a II Asemblea Aberta na que se asentarán as bases para a realización do programa electoral que a nosa agrupación levará ás vindeiras Eleccións Municipais, co propósito de aplicar no futuro goberno local.
Creemos que non só as organizacións políticas senón a cidadanía é a que debe elaborar un programa que satisfaga as súas demandas e que contribúa ó progreso do Grove. Este programa debe elaborarse a través dos seguintes parámetros; transparencia, democracia e participación.
Por iso facemos un chamamento á cidadanía, pero tamén a outras organizacións políticas que se queiran sumar para construír unha fronte de esquerdas e así rematar coas políticas demagóxicas tanto do PP como do PSOE na nosa vila e articular unha alternativa netamente de esquerdas.
A túa palabra conta, participa.
#EUqueroqueOGROVE
28 outubro 2014
EU solicita a retirada dos colectores de HUMANA ao considerar que fan negocio coa solidariedade
Nas sesión plenaria do mes de agosto, a
agrupación local de Esquerda Unida levará a debate e someterá á súa aprobación
unha Moción na que se solicitará a retirada dos colectores de HUMANA do noso
concello.
Humana, que conta con 28 tendas en toda
España, vende a roupa que as persoas deixan nos seus colectores de formagratuíta
considerando que vai destinada a fins solidarios, pero todo máis lonxe da
realidade, pois esta suposta ONG, que paga menos impostos por esa condición,
quedase cun 85% da súa facturación, e conta con sedes nas rúas máis caras do
estado. Ademais, Humana foi denunciada ante o defensor do pobo e ante a
Fiscalía Xeral do Estado pola súa asociación coa seita TVIND e procesada en
Dinamarca, onde ten a súa sede central, por manter a dita seita e non efectuar
proxectos en prol dos máis desfavorecidos.
No Grove, esta ONG dispón de varios colectores
nas diferentes rúas do concello. É por iso, que Esquerda Unida proporá que o
Concello do Grove anule calquera acordo que teña con Humana e esixa a retirada
dos colectores de roupa. Así mesmo, solicitarase que sexa o propio Concello o
que se faga cargo da recollida de roupa usada e a destine ás asociación
humanitarias locais ou directamente ás familias máis desfavorecidas da vila.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


















