sábado, 9 de abril de 2022

EU denuncia que o Consello Local de Turismo volve quedar ao marxe do "Plan de Sustentabilidade Turística en Destino"

Os esquerdistas manifestan que tres semanas despois de presentalo ao sector turístico, o consello sectorial segue sen coñecer as liñas de actuación do proxecto que opta aos fondos europeos Next Generation. 

A representante de EU, Susana Millán, recorda que xa o ano pasado se deixou fóra deste proxecto aos integrantes do CLT a pesar de que a memoria indicaba que colaboraran no mesmo. Piden que se convoque unha xuntanza para coñecer as liñas de actuación e poder participar no desenrolo do PSTD.

O Grove, 9 de abril de 2022.- O pasado 21 de marzo o Alcalde reuníase co sector turístico para informar da intención de volver presentar un proxecto co que captar fondos europeos Next Generation a través dun Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Unha xuntanza na que se expuxeron as liñas de actuación do proxecto e á que non foron convidados os membros do Consello Local de Turismo, segundo denuncia Esquerda Unida. Á representante dos esquerdistas no consello sectorial, Susana Millán, sorpréndelle que se excluíse aos integrantes do CLT desta xuntanza “cando tan só un mes antes, o 22 de febreiro, reuniuse o Consello Local no que non recibimos máis información que a intención de volver a presentar una nova proposta”. Millán sinala que, “agardabamos que cando menos se nos volvese convocar, pero a día de hoxe seguimos sen información relativa ao proxecto e, o que é peor, sen poder participar no mesmo, ao igual que o ano pasado”. 

A representante de Esquerda Unida lembra que na anterior convocatoria (2021), “o Consello Local de Turismo non tivo a oportunidade de coñecer nin de facer propostas ao Plan de Sustentabilidade Turística. En ningún momento se nos informou das liñas de actuación, quen era o equipo redactor e moito menos tivemos a oportunidade de traballar conxuntamente co concello e facer aportacións a ese proxecto”. Sobre isto, Millán manifesta que “soubemos do proxecto pola prensa e cando se tratou o tema no CLT xa estaba entregado no ministerio e nunca tivemos acceso a esa documentación”. A pesar de tela solicitado por rexistro, dende Esquerda Unida aseguran que o único que recibiron foi unha memoria do proxecto no que, “sorprendentemente se citaba ao Consello Local de Turismo como órgano colaborador no mesmo cando a realidade é que nunca se informou nin se contou con este órgano”, sostén Susana. 

Segundo a esquerdista, “nesa documentación afírmase que existe o compromiso estreito do Concello para dinamizar o CLT con fin de crear oferta e produto”. Para Susana Millán “non existe tal compromiso, pois iso mesmo xa o escoitamos os integrantes do CLT da boca do Alcalde, despois de que no ano 2020 se suspendese a Festa do Marisco pola pandemia. Un compromiso para traballar todos xuntos e levar ao consello propostas e facer mesas de traballo coas que o sector turístico puidese facer fronte á falta de actividade e a incerteza de que a situación se repetise no 2021”. “O tempo confirmou que a palabra do Alcalde non vale de nada. O Consello Local de Turismo cada vez ten menos presenza e unha nula repercusión nas decisións e no traballo turístico do pobo”, sinala Millán  

Dende Esquerda Unida entenden que “o CLT pode resultar un foro que incomoda ao Alcalde, xa que hai que dar explicación do que se está facendo en materia turística e neste concello o traballo é practicamente nulo”. Lembran que o goberno socialista continúa sen executar todos os compromisos adquiridos, ”a nova páxina web, o plan estratéxico, dotar a praza de Técnico/a de Turismo, a apertura da Oficina de Información en tempada baixa ou o proxecto Polos Turísticos Intelixentes” e consideran que “se o Consello Local de Turismo non é máis dinámico e participativo é porque non hai compromiso nin intención por parte do executivo local para que así sexa, pois non se nos informa nin se nos convida a participar en nada do que se supón, debería formar parte”. 

Deste modo, dende a formación de esquerdas piden que se convoque o Consello Local de Turismo “co propósito de reconducir esta situación e comezar a traballar na dinamización turística do noso concello, preparar de forma conxunta a tempada de verán e a Festa do Marisco e, sobre todo, coñecer as liñas de actuación do proxecto do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para poder participar do mesmo e lograr acadar a financiación dos fondos europeos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario