sábado, 30 de abril de 2022

1º de maio. Unidas Conquistamos Dereitos

 


MANIFESTO DE ESQUERDA UNIDA 1º DE MAIO DE 2022

Este 1º de Maio celebramos por primeira vez nos máis de 40 anos desde a aprobación do Estatuto dos Traballadores que as persoas traballadoras deste país recuperamos dereitos cunha reforma laboral: dereito á negociación colectiva e á ultraactividade dos convenios colectivos; dereito á igualdade entre as persoas encadradas no réxime agrario e o xeneral e, sobre todo, o piar de calquera dereito, o traballo estable mediante un contrato digno.

Vou darlles varios datos’: os contratos indefinidos pasaron do 5% ao 30% en marzo, o mellor mes ata o de agora desde que existen rexistros, e iso a pesar dos efectos da guerra e do paro no transporte. Ademais, no último ano o paro reduciuse en máis de 840.000 persoas e hai 19.958.479 persoas afiliadas á Seguridade Social, o nivel máis alto da serie histórica.

Os ministerios baixo responsabilidade de Unidas Podemos teñen como gran obxectivo mellorar a vida das persoas traballadoras do noso país, o mesmo que sinalou Esquerda Unida dende o primeiro momento de formar parte do Goberno de coalición. Púxose en práctica dignificando o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), defendendo o dereito das consumidoras e consumidores fronte ao capitalismo especulador, indo máis aló na defensa da igualdade de xénero en todos os ámbitos, realizando propostas para unha política fiscal xusta e para desenvolver unha industria sostible que cre emprego e beneficie á clase traballadora, rompendo esa dinámica do capital na que os ricos saen máis ricos das crises que eles mesmos provocaron.

Esquerda Unida considera que a recuperación de dereitos coa reforma laboral é o principio, de feito, ao día seguinte da súa posta en marcha definitiva fixemos pública nosa proposta para un novo Estatuto dos Traballadores, que equilibre as relacións laborais, reforce o sindicalismo de clase e democratice a vida laboral das persoas traballadoras.

Nestes momentos toca loitar por manter o poder adquisitivo dos salarios. EU está firmemente comprometida cos sindicatos para defender a revisión dos convenios colectivos en base ao IPC. Apoiamos tamén unha nova normativa que dignifique as prácticas non laborais e evite as fraudes nesta materia. Ademais, buscamos que se mellore de forma urxente a protección das persoas traballadoras máis vulnerables, por iso apoiamos a Iniciativa Lexislativa Popular Regularización, e a ratificación do convenio 189 da OIT para que os dereitos das empregadas do fogar sexan recoñecidos. En definitiva, é a hora de avanzar en dereitos para todas.

Non esquecemos que as guerras afectan á vida das traballadoras e os traballadores, ameazan os seus empregos e afunden as economías dos países que as sofren directa ou indirectamente. Este 1º de Maio esiximos que pare inmediatamente a guerra en Ucraína e todas as que hai no mundo. Estamos en contra do anunciado aumento do gasto militar, que se fará á conta de recortar gastos sociais. Dende os centros de traballo debe soar un berro unánime: NON Á GUERRA!

Estamos seguras de que unidas conquistamos dereitos: dende a rúa, con gobernos de esquerda e dende a dignificación dos centros de traballo:

POLOS DEREITOS LABORAIS EN IGUALDADE!

VIVA O 1º DE MAIO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario