Os concelleiros de Esquerda Unida seguen agardando que lles respondan á solicitude realizada o día 6 de abril e lles permitan visitar o interior dun Auditorio que a día de hoxe segue pechado a pesar de que hai un mes que o Alcalde anunciou a recepción da obra.
O Grove, 25 de abril de 2022.- Preto dun mes despois de que o Alcalde anunciase a recepción do Auditorio Escola de Música, o edificio segue pechado a cal e canto sen que ninguén coñeza os motivos. O que si se pode ver son obreiros no exterior do inmoble traballando na estrutura do ascensor, que a día de hoxe segue sen estar rematada. Unha situación que alertan dende Esquerda Unida ademais de denunciar que ao seu grupo municipal non lle dan acceso ao interior do inmoble a pesares de telo pedido formalmente por rexistro.
E é que o pasado 6 de abril, o voceiro do grupo municipal, José Antonio Otero, e a compañeira na corporación, Ana Cristina Domínguez, solicitaron por rexistro o acceso ao Auditorio Escola de Música para visitar o seu interior e as diferentes salas do edificio. A día de hoxe, 18 días despois, seguen sen ter contestación da administración local e, aínda que ese silencio administrativo lles outorga o dereito a acceder ao inmoble, non saben a que departamento se teñen que dirixir para que lles abran as portas ou os acompañen para realizar a demandada visita.
Unha situación que chega a facer sospeitar aos esquerdistas que o Auditorio non esta listo para utilizar tal e como ten anunciado Cacabelos nas súas peculiares intervencións. Otero e Domínguez non entenden tal escurantismo entorno a un edificio municipal de tal envergadura e cal é o motivo polo que dende o día 6, que fixeron a solicitude, non recibiran resposta algunha á súa petición polo que instan ao goberno a non demorala máis e que lles indiquen o proceder para poder visitar o interior do Auditorio, xa que é un dereito que lles corresponde como concelleiros da corporación grovense.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario