Imaxe do facebook de turismogrove |
Lembran que en setembro, o Alcalde comprometeuse a convocar o consello sectorial no mes de novembro co propósito de traballar de forma conxunta na procura de accións que mellorasen a situación do sector turístico neste 2021. A menos dun mes dunha atípica Semana Santa, os esquerdistas piden que, aínda con case seis meses de retraso, cumpra co compromiso e convoque o Consello Local de Turismo.
Esquerda Unida tamén pregunta que pasou coas contas da Festa do Marisco do 2019, que ían ser trasladadas aos membros do CLT no mes de setembro. A día de hoxe, as contas tampouco están publicadas na web municipal.
O Grove, 11 de marzo de 2021.- A última vez que o Consello Local de Turismo se reuniu foi o 30 de setembro do pasado ano. Nesa xuntanza, na que se presentaban as contas da Festa do Marisco, a representante de Esquerda Unida, Susana Millán, criticaba a nula utilidade que tiña o consello sectorial e poñía enriba da mesa a necesidade de traballar de forma conxunta para que o sector turístico acadase uns mellores resultados no presente ano. O Alcalde comprometíase entón a convocar o Consello Local con máis periodicidade e propoñía o mes de novembro como data para a seguinte xuntanza, co propósito de preparar unha estratexia turística para o 2021 tendo en conta a situación epidemiolóxica actual.
Dende Esquerda Unida denuncian que “esa xuntanza nunca tivo lugar e, case seis meses despois, atopámonos ás portas dunha ponte de tres días (San Xosé) e a menos dun mes da Semana Santa, e dende o Concello non hai indicios de que vaian a reunir ao Consello Local de Turismo”. Os esquerdistas preguntan se o concello ten previsto levar a cabo algunha iniciativa para incentivar o consumo, como ten feito co comercio local, ou se vai realizar algunha actuación centrada no turismo de proximidade, que poida atraer visitantes á nosa localidade.
Planificar con tempo unha estratexia turística “era o que se propoñía, e se acordou, no último e único Consello Local de Turismo do pasado ano”, indican dende Esquerda Unida, que consideran así mesmo, que “o 2021 ofrecíanos unha boa oportunidade, ao ser ano Xacobeo, para promocionar e por en valor a Ruta do Padre Sarmiento e a Ruta Xacobea do Mar de Arousa, que pasan pola nosa vila”.
O ano 2020 foi o peor ano turístico a nivel mundial. Os datos da Organización Mundial de Turismo (OMT) revelan que a crise sanitaria puxo en risco, en todo o mundo, entre 100 e 120 millóns de postos de traballo directos. Segundo Esquerda Unida, “na nosa vila os datos de 2020 tamén foron devastadores; non houbo campaña de Semana Santa e a temporada de verán, que dou comezo en xullo, cando se flexibilizaron as restricións pola crise sanitaria, rematou en agosto. A Covid-19 tamén obrigou a cancelar a Festa do Marisco polo que a temporada durou dous meses, cando o habitual era que fosen seis meses”.
O Grove leva desde principios de novembro 2020 con peche perimetral e non foi ata finais de febreiro de 2021 que se flexibilizou esta medida ampliando o peche á area sanitaria de Pontevedra. O sector hostaleiro afronta con incerteza a campaña de Semana Santa porque as restricións vixentes non facilitan a apertura de todos os negocios.
Dende Esquerda Unida consideran que, “aínda que tarde, é importante que se traballe dende xa, de forma conxunta, nunha estratexia turística que marque as accións e iniciativas a realizar en función das circunstancias que se poidan dar por mor da Covid”. É por iso, polo que piden ao Alcalde que “convoque canto antes o Consello Local de Turismo para poñer enriba da mesa todas as propostas e, sobre todo, traballar de cara a Semana Santa, o verán e a Festa do Marisco”.
En relación á festa gastronómica, os esquerdistas tamén preguntan que pasou coas contas do evento do 2019, que lles presentaron no Consello Local de setembro, e se comprometeron a enviar detalladas a todos os representantes así como a subilas á web municipal. A día de hoxe, segundo indican dende Esquerda Unida, esa documentación non lles foi trasladada e tampouco se atopa subida na web do concello, “de feito nin sequera se atopan as contas do 2018, a pesar de presumir desa transparencia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario