domingo, 14 de marzo de 2021

Esquerda Unida denuncia a falta de mantemento e conservación do patrimonio municipal

Os esquerdistas consideran a desaparición do mastro da goleta “Nieves” unha mostra do abandono, por parte do Concello, do patrimonio municipal.

Recordan que hai máis elementos patrimoniais que corren o mesmo risco e piden que se actúe no seu arranxo e/ou amaño.

O Grove, 15 de marzo de 2021.- Se hai máis dun ano foi o barco “Platuxa” o que, debido ao deterioro e á falta de mantemento, tivo que ser retirado de Punta Moreiras para rematar no esquecemento, a semana pasada tocoulle ao mastro da goleta “Nieves”, que desaparece tamén do entorno etnográfico de Moreiras logo de derrubarse, do mesmo modo que o “Platuxa”, debido ao deterioro provocado pola falta de mantemento, unha circunstancia que dende Esquerda Unida tachan de “grave e vergoñenta”.

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “isto é unha nova mostra do abandono, por parte da Administración local, do noso patrimonio municipal”. “Estamos asistindo a un continuo deterioro dos elementos culturais da nosa vila, á súa falta de mantemento e conservación, e como consecuencia á súa desaparición”, sentencia Otero.

O esquerdista, recorda que isto non só sucede en Moreiras, pois son continuas as reclamacións que ten feito a súa formación en canto á conservación, mantemento e divulgación de moitos elementos culturais e patrimoniais do concello, “que no momento dinnos que actuarán, pero a realidade é que pasan os meses e continúan abandonados”, indica Otero, que pon como exemplo, ademais do sucedido en Moreiras, as diferentes fontes e lavadoiros do concello.

Recordan como logo de denunciar hai varios meses a situación da fonte do Naval e o lavadoiro de Paus en San Vicente ou o da fonte de Estonllo, estas continúan en estado lamentable, sen que exista ningunha previsión de arranxo ou amaño, coa única premisa de que “rematarán, ao igual que o “Platuxa” ou o mastro do “Nieves”, desaparecendo para perdurar, se cabe, tan só no recordo das veciñas e veciños da zona”, indica Otero.

Por ese motivo, Esquerda Unida propuxo hai un mes a constitución da Mesa da Cultura e o Patrimonio, “para, entre outras cousas, procurar a protección de todos os elementos da nosa cultura etnográfica, marítima, arquitectónica...” e por ese motivo seguirán insistindo na creación da mesma, ao tempo que reclama ao Concello “que non figure como mero espectador ao deterioro do noso patrimonio e que actúe, pois nestes casos é a súa competencia”, finaliza o voceiro esquerdista.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Imaxes actuais da fonte de Paus (San Vicente)






Imaxes actuais do lavadoiro de Paus (San Vicente)




Imaxes actuais da fonte de Estonllo




Ningún comentario:

Publicar un comentario