xoves, 11 de febreiro de 2021

EU pide a constitución dunha Mesa Local pola Cultura e o Patrimonio

O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitará no pleno do mes de xaneiro a constitución dunha mesa local pola Cultura e o Patrimonio na que participen os partidos políticos, técnicos, asociacións culturais e demais axentes relacionados co mundo da cultura e o patrimonio.

A meta desta mesa é traballar de forma conxunta para recuperar, salvagardar, promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,... do noso concello. Un foro de debate e deliberación do que saia unha folla de ruta no traballo a curto e longo prazo.

Nestes meses están xurdindo diferentes iniciativas colectivas e individuais relacionadas co noso patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e dende Esquerda Unida consideramos que a única maneira de abordar estes e outros asuntos relacionados coa cultura e o patrimonio local pasa por facelo de maneira conxunta, cun traballo organizado e unha meta común, e iso pasa por unha mesa de traballo.


MOCIÓN INTEGRA

MOCIÓN PARA A CONSTITUCIÓN DA MESA LOCAL POLA CULTURA E O PATRIMONIO NO CONCELLO DO GROVE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Grove sempre foi unha vila cunha gran inquedanza arredor da cultura e que dende sempre se empapou do bo saber, tanto de propios como de alleos, que dunha maneira ou outra deixaron ou están deixando o seu selo de identidade nesta vila, xa sexa con textos, pinturas, músicas ou a nivel arquitectónico e patrimonial coma poden ser xacementos arqueolóxicos, casas terreas mariñeiras, casas modernistas ou castelos que vemos que co paso do tempo estamos deixando morrer, perdendo así a nosa identidade propia.

Pero dende Esquerda Unida consideramos que non está todo perdido e que temos moito que gañar sumando esforzos na dirección correcta e seguir traballando para deixarlle ós nosos fillos e netos un Grove mellor.

Para iso, entendemos que o mellor modo é que políticos, técnicos e a sociedade se senten nun foro de debate e deliberación co propósito de recuperar, salvagardar, promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,...

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao goberno municipal a que no prazo de 1 mes se constitúa a Mesa Local pola Cultura e o Patrimonio, integrada por técnicos/as municipais, membros da corporación, colectivos culturais e sociais e demais axentes culturais e patrimoniais que teñan como meta a defensa, divulgación, recuperación e protección da cultura e o patrimonio do noso concello

Ningún comentario:

Publicar un comentario