No pleno do mes de xaneiro debaterase sobre a necesidade de que O Grove conte cunha rede de puntos de recarga para vehículos eléctricos. Así o solicitaremos dende Esquerda Unida por medio dunha moción na que instaremos ao goberno municipal a poñer en marcha dous puntos de recarga na Avenida Beiramar, a altura da confraría. Uns puntos que xa contan coa preinstalación dende hai dous anos, pois foron incluídos no proxecto da obra de desdobre do tramo que transcorre entre as dúas rotondas, pero que nunca se puxeron en funcionamento.
Así mesmo, entendemos que para lograr con eficacia un cambio positivo na mobilidade sustentable, o vehículo eléctrico é fundamental. O problema é que a implementación dos VE está sendo moi lenta, entre outros aspectos, pola falta de puntos de recarga. É por iso que dende Esquerda Unida, amparándonos nas liñas estratéxicas das sínteses do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do concello do Grove, pediremos que se executen con celeridade as liñas relacionadas cos vehículos eléctricos.
Para iso, aparte dos dous puntos fronte a Confraría, solicitaremos que se inclúa algún punto na actual obra de desdobre de Beiramar; que se estude a instalación de máis puntos de recarga VE no resto do concello, incluíndoos en futuras licitacións, e nas praias máis concorridas; que se traballe nun regulamento que potencie a instalación destes puntos nas novas edificacións; que a renovación dos vehículos municipais se efectúe apostando pola electrificación dos mesmos; e que se apliquen bonificacións no imposto de circulación aos usuarios con vehículos eléctricos e a gas.
LER MOCIÓN COMPLETA:
MOCIÓN PARA A IMPLANTACIÓN DE PUNTOS DE RECARGA PARA VEHÍCULOS ELÉCTRICOS NO CONCELLO DO GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Europa está inmersa nun proceso de descarbonización
que ten como obxectivo chegar a 2050 logrando un nivel neto de cero emisións.
Para iso, moitos países levan anos poñendo o foco no que supón unha das
principais fontes de intoxicación do aire: o tráfico. A descarbonización da
mobilidade implica, entre outras medidas, non só reducir senón tamén
electrificar o transporte.
Na maioría das principais cidades europeas xa hai
importantes restricións para entrar con vehículos de combustión. Cidades como
Barcelona ou Madrid xa contan con restricións a vehículos sen etiqueta
ambiental da DGT. Unhas medidas enmarcadas dentro do Plan estatal para a
redución da contaminación no tempo establecido pola Unión Europea no Acordo de
París.
Neste escenario, o vehículo eléctrico é fundamental
para lograr con eficacia un cambio positivo na mobilidade sustentable. A
electrificación do tráfico supón unha apertura cara novos horizontes para as
empresas nun mercado innovador que está crecendo de maneira exponencial. Entre
os países que xa aplicaron modelos sustentables e eléctricos na súa mobilidade
destaca Noruega, onde xa sae máis a conta ter un vehículo eléctrico que un de
combustión. Neste país a venda de coches eléctricos supón o 49,9% do mercado
automobilístico. Séguelle Suecia e Países Baixos, onde as axudas para a compra
e implementación dunha infraestrutura, os servizos de recarga, fabricación, e a
produción de vehículos eléctricos foi crucial.
En España, segundo indica a Asociación Española de
Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC), a implementación dos vehículos
eléctricos avanza a ritmo máis lento do esperado. Namentres Europa avanza nunha
media de entre 4 e 5 puntos na electrificación do parque de automóbiles, en
España ese aumento só é de entre 1,6 e 2,5 puntos. Esta circunstancia ven
achacada ao escaso desenrolo de infraestruturas de recarga, na que España tan
só é quen de avanzar en décimas e segue nas últimas posicións do ranking
europeo, tan só por riba de Portugal, Italia, República Checa e Hungría, tal e
como indica ANFAC no seu informe do terceiro trimestre do 2020.
Os vehículos eléctricos contan cunha autonomía de entre 150 e 300 km sen recarga, na maioría dos casos suficiente para os desprazamentos diarios nas vilas e cidades. Sen embargo, hai varias causas polas que a cidadanía segue sen apostar pola adquisición dun vehículo eléctrico:
·
Un maior custo na adquisición
· Custe da instalación do cargador nun
aparcadoiro privado, e en moitos casos contar con ese espazo.
· Maior tempo de recarga respecto ao subministro
do carburante tradicional (gasolina, gasois, GLP)
·
A escaseza ou nula dispoñibilidade de
puntos de recarga rápida na vía pública.
A día de hoxe, existen axudas das administracións
centrais e autonómicas destinadas á adquisición e renovación dos vehículos, e
en ocasións para a colocación de cargadores, tanto privados como públicos. Por
outro lado, moitos concellos xa están ofrecendo incentivos, incluíndo nas súas
ordenanzas reducións dos impostos de circulación para os vehículos eléctricos
ou exención de pago nas prazas de aparcadoiro reguladas.
Sen embargo, é importante solucionar o inconveniente
da inexistencia de puntos de recarga (rápida e ultrarápida) na vía pública que
faciliten o uso dos vehículos eléctricos no día a día e dean unha opción de
carga para aquelas persoas que non dispoñen dun aparcadoiro privado.
Unhas circunstancias que no noso concello con
patentes, pois son numerosas vivendas e edificios que non contan con
aparcamento privado e na vía pública tampouco existen puntos de recarga, co que
a implantación resulta moito máis complicada.
Por outra banda, tampouco hai indicios de que dende a
administración local se estea traballando en mellorar esa implantación, pois o
Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, no que se comezou a traballar hai máis
de dous anos, contempla nas súas sínteses de medidas, entre outras cuestións,
coa instalación de puntos de recarga distribuídos polo concello. A día de hoxe
non se instalou nin o primeiro.
Cabe recordar que existe unha rúa que foi reformada
hai dous anos para desdobrala e na que o proxecto contemplaba a instalación de
dous puntos de recarga. Dous anos despois esa infraestrutura non está
funcionando e, a pesar de que dende Esquerda Unida interpelamos en varias
ocasións para que se puxera en marcha o servizo, non se ven indicios de que nin
a curto, nin a longo prazo O Grove vaia contar con puntos de recarga.
Nos últimos anos realizáronse obras de
acondicionamento, humanización e/ou modificación de diferentes rúas do casco
urbano e en ningunha delas se contemplou a posibilidade de habilitar estes
puntos de recarga, Alexandre Bóveda é un bo exemplo, pero tamén nos serve o
actual desdobre de Beiramar ou a humanización do Sineiro, pois nos seus
proxectos non está estipulado deixar preparada a rede eléctrica precisa para
poñer en marcha este servizo.
Dende Esquerda Unida vemos necesaria a mellora do
balance enerxético e medioambiental, e iso pasa por favorecer a utilización de
vehículos menos contaminantes, co que a instalación dos puntos de recarga é unha
das medidas máis importantes para esta implantación. Así mesmo, outorga un
atractivo turístico para un sector que está en aumento e que programa os seus
desprazamentos en función da autonomía dos seus vehículos e dos puntos de
recarga existentes na súa ruta.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo
Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da
seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
1. Instar ao goberno municipal a iniciar o proceso para
poñer en funcionamento o punto de recarga para 2 vehículos eléctricos en
Beiramar (Fronte a Confraría) para a cal xa existe a preinstalación logo da
obra de desdobre.
2. Instar ao goberno municipal a incluír puntos de
recarga de vehículos eléctricos no tramo da actual obra de desdobre de Beiramar,
preferiblemente na zona de Confín.
3. En base ao punto 6.1.1 da liña estratéxica 6 das
Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a:
a)
Estudar e procurar a instalación de máis
puntos de recarga VE na rede viaria do noso concello e incluír estes nos futuros
proxectos de obras.
b)
Estudar e procurar a instalación de puntos
de recarga nos estacionamentos das praias máis concorridas.
c)
Traballar nunha nova regulamentación que
potencie a instalación de puntos de recarga nas novas edificacións.
4. En base ao punto 6.1.2 da liña estratéxica 6 das
Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a que as futuras renovacións da
flota de vehículos dos distintos servizos municipais e/ou novas adquisicións se
realicen apostando pola tecnoloxía euro VI e que preferiblemente sexan
vehículos eléctricos ou de gas.
5. En base ao punto 6.1.3 da liña estratéxica 6 das Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a que se estude e aplique con celeridade a inclusión de reducións, bonificacións e/ou eliminación temporal do imposto de circulación para os vehículos eléctricos e a gas co propósito de incentivar a súa compra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario