domingo, 8 de xullo de 2018

José Antonio Otero convírtese no novo candidato de Esquerda Unida O Grove co aval maioritario da militancia


O proceso de primarias contou cunha participación do 81,30% dos afiliados, que de xeito unánime apoiaron a candidatura do coordinador local

José Antonio Otero
 O Grove, 7 de xullo de 2018.- José Antonio Otero será o candidato de Esquerda Unida á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Así o decidiu por esmagante maioría a militancia da formación no Grove; que de xeito unánime ten depositado a súa confianza no que desde o ano pasado é xa o coordinador local da formación.

Cunha participación do 81,30% no proceso de primarias convocado para designar ao que será o próximo candidato de EU á alcaldía do Grove; e o respaldo do 100% dos votantes; José Antonio Otero conta sen ningunha dúbida coa confianza maioritaria da militancia grovense para poñerse á fronte da próxima campaña electoral.

Deste xeito, consolídase co pleno acordo dos afiliados o cambio de ciclo que xa se iniciara a finais do ano pasado, cando a militancia aprobou en asemblea, e tamén de xeito unánime, o nomeamento de Otero como máximo responsable da dirección local do partido.

Ao igual que fixera daquela, o que é xa un dos representantes de Esquerda Unida na corporación local recolle o testemuño de Juan Lamelas con ilusión e ganas de sacar adiante proxectos útiles para a cidadanía grovense e o desenvolvemento do municipio.

O nomeamento de Otero como novo candidato tense producido do xeito máis natural no seo da formación; logo da delegación de responsabilidades pola que xa se optara o pasado novembro co pequeno paso atrás de Lamelas e a súa substitución por Otero á fronte da coordinadora local.

Trátase, de calquera xeito, dun pequeno cambio no timón absolutamente consensuado. E que, dados os postos de responsabilidade que Otero xa ostentaba, como concelleiro e coordinador, non implicará grandes cambios a nivel político nin no que afecta á liña de actuación da formación.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario