Valado da obra de Alexandre Bóveda |
A formación xa solicitou ao Concello
a adopción desta medida no último pleno
O Grove, 2 de xullo de 2018.- O grupo municipal
de Esquerda Unida pídelle ao Concello que aporte a información precisa a pé de
rúa para facilitar a circulación de vehículos e evitar que os condutores se
vexan na obriga de procurar por si mesmos itinerarios alternativos para chegar
ao seu destino. A pesar de que a formación xa solicitou esta medida no último
pleno, a día de hoxe o executivo municipal continúa sen atendela; dando lugar a
embotellamentos e episodios de desorientación e caos circulatorio, que ben
poderían evitarse coa reclamada sinalización.
Se
ben é certo que este ano a tempada estival non arrincou coa forza habitual
debido ás condicións meteorolóxicas, no casco urbano xa se deixa sentir o
incremento do tráfico rodado propio dos meses de verán. Un aumento que debe
compaxinarse coas distintas obras en marcha en viais como Alexandre Bóveda e a
da Praza. E que, sen as necesarias indicacións a pé de rúa, xa está a provocar
complicacións.
Sen
indicadores que informen aos condutores dos cortes de rúas e dos itinerarios
alternativos que deben tomar para chegar a destino, nos últimos días vense
repetindo a estampa de coches “atrapados”, que non se decatan da imposibilidade
de seguir o seu camiño ata atoparse de fronte coas vallas de obra. Pasou, sen
ir máis lonxe, o sábado; cando contrariamente ao que anunciara ante os medios
de comunicación e a través das redes o Concello non abriu ao tráfico a Rúa da
Praza; orixinando problemas no tráfico e obrigando a máis dun condutor a
retroceder marcha atrás polo estreito vial.
Algo
similar ven acontecendo nas estreitas ruelas situadas nas inmediacións de
Alexandre Bóveda, que dende que comezaron as obras se ven saturadas de
condutores, moitas veces desorientados, que se ven obrigados a improvisar na
procura dun camiño alternativo.
Así
as cousas, Esquerda Unida destaca a necesidade de que o Concello se faga cargo
da situación e aporte a información precisa, instalando carteis indicadores,
para evitar embotellamentos e minimizar o impacto das obras sobre o tráfico
rodado, facilitando que tanto veciños como visitantes poidan circular coa maior
normalidade e seguridade posible polo casco urbano grovense.
Publicación do Concello o venres 29 no seu facebook |
Rúa da Praza cortada o sábado 30 e domingo 1 |
Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario