Nos últimos días volveron producirse queixas dos propietarios de vados permanentes, aos que non se lles están a dar solucións a pesar de aboar a correspondente taxa
O Concello fai ouvidos xordos a unha reclamación que está sobre a mesa dende o comezo do mandato, e que tamén solicita a Policía Local
O Grove, 26 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve reclamar a inmediata posta en marcha do servizo municipal de guindastre. Unha carencia que a formación ven denunciando dende o comezo do mandato; e á que o goberno municipal se resiste a poñerlle solución, a pesar da existencia de informes favorables da Policía Local e das reiteradas queixas da veciñanza.
A pesar de aboar a correspondente taxa, se un vehículo estaciona indebidamente fronte a un vado permanente o propietario do mesmo pouco poderá facer aparte de agardar con paciencia. E é que aínda que existen informes da Policía Local que solicitan a posta en funcionamento do servizo municipal de guindastre, o goberno local do PSOE continúa deixando de lado unha cuestión que ven motivando as reiteradas queixas da cidadanía grovense.
Hai escasos días repetíanse os problemas no casco urbán. E é que, aparte de poñer a correspondente multa, pouco poden facer os axentes municipais ante un aviso de estacionamento fronte a unha saída de garaxe sinalizada cun vado. Unha situación que, loxicamente, xera un fondo malestar entre os usuarios de vados; que están a ver vulnerados os dereitos que, se supón, debera garantirlles o pago da nomeada sinalización.
A situación xa foi exposta no pleno polos concelleiros de Esquerda Unida en reiteradas ocasións. E o goberno local mesmo chegou a comprometer de palabra a posta en marcha do servizo e a actualización da correspondente taxa antes do 2017. Porén, o problema continúa sen solventarse.
Así as cousas, o grupo municipal de EU volve reclamar a incorporación á plantilla municipal dun condutor para o guindastre e a posta en marcha do servizo de forma inmediata, estable e regular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario