Lamenta que, a pesar do aprobado
en pleno, a Festa do Carme non contase con ningún tipo de protocolo ou punto de
control das violencias machistas
O Grove, 20 de xullo de 2018.- Un ano máis, O Grove continúa sen contar con patrulla
policial nocturna. A pesar de que o déficit de axentes no corpo municipal é un
problema que afecta a O Grove dende hai anos; e que o goberno local ten
recoñecido en numerosas ocasións; o grupo municipal de Esquerda Unida lamenta o
absoluto desleixo do executivo do PSOE a este respecto. Unha despreocupación
que, en vista das repetidas reclamacións (tanto por parte dos grupos da
oposición como da veciñanza) ben pode calificarse, cando queda xa menos dun ano
para as vindeiras eleccións municipais, como unha absoluta deixadez de funcións
do responsable municipal de Seguridade. Desleixo que tamén evidencia a falta de
iniciativa no que a control das violencias machistas se refire. E é que, a
pesar de que o pleno aprobou por unanimidade unha moción que, entre outras
medidas, contemplaba a creación de espazos seguros e puntos de atención ás
mulleres en celebracións multitudinarias, este non foi posto en marcha nas
últimas Festas do Carme. Festexos que, por outra banda, careceron por completo do
protocolo de seguridade que terían requirido debido á elevada concentración de
persoas.
Un verán máis, O Grove vese na obriga de adaptarse ao
déficit de seguridade con que o municipio ven convivindo dende hai anos. Nin as
intensas vagas de roubos rexistradas en meses pasados nin as repetidas
reclamacións de veciños e formacións políticas ao respecto teñen callado na
Concellería de Seguridade que dirixe José Cacabelos. Quen, a pesar dos
reiterados compromisos verbais que, un ano tras outro, vai poñendo sobre a
mesa, continúa sen tomar cartas no asunto e sen poñer en marcha a contratación
de novos axentes que permitan a O Grove contar cun corpo de Policía Local
dimensionado de xeito acorde ás súas necesidades.
Se o insuficiente número de axentes da Policía Local
resulta preocupante durante o inverno, os problemas acentúanse co incremento poboacional
e co conseguinte aumento do tráfico e dos eventos e aglomeracións propios da
época estival. Situación que se agrava aínda máis durante a noite, cando O
Grove queda absolutamente desprotexido.
Nas últimas fins de semana a movida noctura xa rexistrou
algúns altercados, que ben poderían previrse coa presenza disuasoria dunha
patrulla policial. Ademais, hai escasos días a prensa facíase eco dun estudo
que sitúa a O Grove entre os municipios galegos cun maior risco e frecuencia de
roubos en domicilios. Situación que, por outra banda, evidencian por si mesmos
os numerosos asaltos que a poboación local padeceu en veráns anteriores.
Máis aló do xeral, o responsable local de EU mira cara a
outros municipios da contorna para lamentar que, mentres outros Concellos
avanzan e van mellorando a seguridade das mulleres e o control específico das
violencias machistas en festas, celebracións e outros eventos multitudinarios,
unha vez máis o goberno local do Grove esquece por completo o aprobado en
pleno. Nese senso, José Antonio Otero sinala o exemplo de Cambados, que na
Festa do Albariño porá en marcha un Punto Morado para atender ás posibles vítimas deste tipo de
agresións.
Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario