Os edís esquerdistas, que non
puideron realizar as peticións no pleno ao rematar antes de tratarse o punto de
Rogos e Preguntas, piden por rexistro que se arranxe a fonte natural do barrio de Estonllo,
que se atopa nunha situación de total abandono.
A falta de resposta por parte do
goberno ás peticións realizadas, a promesa incumprida ao non activar o servizo
nocturno da policía local no mes de maio, a situación da liorta coa ADEAC polas
Bandeiras Azuis e o estado no que se atopa o Plan Xeral foron outras das
cuestións que os esquerdistas realizaron por rexistro.
O Grove, 6 de xuño de 2016.- Logo de que o pleno do pasado mes
de maio rematase, chegadas as 00 horas, sen tratarse o derradeiro punto da orde
do día correspondente aos Rogos e Preguntas, os edís do Grupo Municipal de
Esquerda Unida, Juan Lamelas e Jose A. Otero trasladaron as súas peticións a
través do Rexistro municipal o pasado 1 de xuño co propósito de obter resposta
as súas demandas.
Así,
Esquerda Unida pediu que o goberno municipal realice un arranxo e adecentamento
da fonte do barrio de Estonllo. Esta fonte, utilizada por veciños, viandantes e
ciclistas entre outros, leva unha longa tempada sen botar auga debido a unha
filtración e o seu entorno atópase nunha situación de total abandono onde o
cartel indicador é ilexible e a maleza invade o acceso e zona de descanso. Por
ese motivo, os edís esquerdistas solicitaron que se actúe nesta zona e se poña
en valor esta fonte natural.
Esta non
foi a única petición, pois o grupo municipal preguntou si o goberno municipal
seguirá sen atender as peticións que realizan por rexistro. Segundo indican os
edís esquerdistas, a día de hoxe seguen a espera de que o executivo lles
responda á petición dunha reunión para tratar o tema das peanolizacións
–solicitude realizada o pasado 4 de maio– así como á solicitude dos proxectos
de obra en Terra de Porto, Beiramar e o Edificio de Lordelo, aínda que esta,
logo de ser solicitada o pasado 19 de maio xa lles foi remitida o pasado xoves.
Tamén
preguntaron sobre a promesa incumprida do Alcalde en relación á posta en marcha
do servizo nocturno da Policía Local. Cacabelos anunciou, e a concelleira de
Turismo confirmou en varias reunións co sector turístico, que durante o mes de
maio O Grove ía contar con patrulla nocturna de Policía Local. Lamelas e Otero
indican que no pasado mes non se viu ningún día á Policía Local durante as
noites e por ese motivo queren coñecer os motivos polos que non se puxo a
funcionar o servizo e si este estará activo, cando menos, durante os meses de
verán.
Os edís
esquerdistas tamén se interesaron pola situación na que se atopa a liorta coa
ADEAC polo tema das Bandeiras Azuis e cal foi o motivo polo que o goberno non
convocou aos voceiros dos grupos municipais ou ao Concello Local de Turismo
para tratar o tema.
Por último,
Juan Lamelas e Jose A. Otero queren saber en que fase se atopa o Plan Xeral de
Ordenación Municipal, pois a última información sobre o documento foi a
recibida nunha xuntanza realizada hai máis de dous meses.
Grupo
Municipal de Esquerda Unida
Extracto
das actas das xuntanzas da concellería de Turismo co Sector turístico onde a concelleira indica que
a partir do mes de maio se poría en marcha o servizo nocturno da
policía local.
Outras imaxes do estado no que se atopa a fonte de Estonllo:
Ningún comentario:
Publicar un comentario