martes, 28 de xuño de 2016

28 DE XUÑO, DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBI



ALEAS-EU INSISTE NA NECESIDADE DE CREAR UNHA UNIDADE DE ACCIÓN ENTRE OS COLECTIVOS E ACTIVISTAS LGTBI

ALEAS-EU CRE QUE O EXEMPLO DA PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA É O MILLOR ESPELLO ONDE REFLEXARSE

Un ano máis achégase o 28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, no que se conmemoran os disturbios de StoneWall de 1969 en New York. Un ano máis, miramos cara o noso pasado e sentimos non só Orgullo da nosa identidade, senón tamén Orgullo da nosa historia, orgullosas e orgullosos de onde vimos e cara onde vamos.

Son moitos os espellos nos que mirarse. Moitos referentes que loitaron antes e outros que seguen loitando por un mundo para todas e todos, respectuoso coa diversidade e con admiración pola beleza que iso significa, un mundo plural. Pero tamén é moito o traballo que queda por diante, xa que as agresións van en aumento e aínda que os pasos dados non son en vano, quédanos moito polo que pelexar e seguir na rúa.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) non podemos máis que seguir insistindo en dous eixes: a procura do compromiso institucional real en canto á loita e conquista de dereitos LGTBI, e a procura dunha maior unidade dos colectivos e activistas LGTBI, unha unidade de acción dende a diversidade que nos caracteriza, seguindo o gran exemplo do movemento feminista galego e do nacemento da Plataforma Feminista Galega.

Unha maior unidade mobilizadora non só nos permitiría consolidar os avances acadados, senón incluso profundar neles, algo necesario no xa máis que coñecido exemplo da Lei 2/2014 do 14 de Abril de 'igualdade e non discriminación LGTBI' do goberno da Xunta do PP, a cal quedou baleira de contido coas súas emendas e agora, unha vez aprobada, apenas ten uso.

Unidade LGTBI, para comezar, pero sen obviar o que vén despois, maior coordinación entre os movementos feministas e de liberación sexual galegos, así como a colaboración e apoio entre outros espazos, de cara a unificar loitas e conseguir mudalo todo.

Dende ALEAS-EU sempre defenderemos esta idea, a necesidade de seguir sumando, de seguir aumentando alianzas, de facer músculo para poder seguir avanzando. Unidas somos máis fortes, unidas só podemos vencer!


MOCIÓN NO GROVE

Cabe destacar que no Grove, o Pleno da corporación municipal aprobou por UNANIMIDADE, na sesión do 30 de maio, unha moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida –refundida coa presentada polo PGD– na que se instaba a:

1- Contribuír, nas competencias que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.

2- Fomentar as condicións de posibilidade para o fortalecemento e o crecemento do asociacionismo LGTBI reivindicativo, entendendo a este como un protagonista clave na loita contra a homofobia, transfobia, bifobia e lesbofobia.

3-  Promover o coñecemento e o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral da administración local, especialmente entre os corpos policiais, a través de campañas de sensibilización e cursos de formación desenvolvidos polos propios colectivos.

4- Apoiar e difundir as convocatorias contra as agresións que realizan os colectivos LGTBI en todos os espazos que competen á administración local, especialmente nos lugares de lecer, educativos, asistenciais, administrativos e de transporte.

5- Garantir atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

6- Recoñecer a determinante contribución de todas aquelas persoas e colectivos que veñen defendendo durante décadas os dereitos de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais.

7-  Estender, durante o día 28 de xuño, día internacional do orgullo gai, unha ensina coas cores da bandeira arco iris, representativa do colectivo LGTB, na fachada principal do edificio do concello, xunto ao resto de bandeiras institucionais.

8- Instar á Xunta ao cumprimento das 5 recomendacións urxentes da Valedora do Pobo. Así, urxe a existencia dun documento transitorio de identidade para os maiores de idade no que se recolla o seu nome elixido sen ter que esperar ata “dous anos” para ese cambio; así como cambiar no nome nos cartóns sanitarios de menores transexuais. Maior pedagoxía en escolas; aumentar a formación de profesionais da educación, sanidade e administración; e desenvolvemento dun protocolo de Atención Primaria no Sergas para asistir de “forma certa e segura”. Paso previo dunha lei galega de igualdade e diversidade.

9- Convidar a FELGTB, ou no seu caso galega, a realizar charlas nos institutos da súa campaña “Escuela sin armarios” (www.escuelasinarmarios.com)

Ningún comentario:

Publicar un comentario