sábado, 31 de xaneiro de 2015

Esquerda Unida considera que o tripartito está acabado e non é lexítimo para decidir sobre o PXOM e outras materias de goberno

Xam Lamelas solicitou, no pleno do mércores, a retirada da moción presentada polo goberno tripartito ao considerar que perdeu a pouca credibilidade e autoridade que podía ter en materia urbanística.
O concelleiro de Esquerda Unida argumentou, cos incumprimentos do pacto tripartito, a desastrosa xestión municipal deste goberno que rematou nos últimos meses coa desfeita do PXOM.

Momento da sesión plenaria do pasado mércores. Foto: Todogrove.com
O Grove, 30 de xaneiro de 2015- Na sesión plenaria do pasado mércores, onde se decidía o futuro do Plan Xeral (PXOM), o concelleiro de Esquerda Unida, Xam Lamelas, solicitou a retirada da moción presentada polo tripartito ao considerar que “este goberno perdeu a pouca credibilidade e autoridade que podía ter nesta materia”. Ademais, tal e como indicou Lamelas, a moción presentada pola Plataforma de Afectados polo PXOM reflectía moito mellor as demandas sociais da veciñanza, polo que consideraba innecesaria a proposta polo goberno. A petición non foi aceptada e por iso Esquerda Unida decidiu non votala, contando esta só co apoio do PSOE. Non sucedeu o mesmo na moción da Plataforma, que si foi referendada por toda a corporación e que pedía entre outras cousas, responsabilidades políticas. Esquerda Unida agarda ver cales considera este goberno que son as responsabilidades e quen son os responsables desta situación, que levou a xuntar a máis de 4.000 persoas nunha manifestación en contra do documento e a practicamente o mesmo número de alegacións a un PXOM que finalmente se agochará no caixón.

O concelleiro de Esquerda Unida expresou a súa desconfianza no goberno tripartito aludindo os “tombos” que este foi dando nas últimas semanas a raíz da gran mobilización social que xurdiu en contra do Plan Xeral, indicando que iso “son síntomas dun goberno acabado, que non pode seguir decidindo sobre as cuestións importantes que atinxen á vida dos veciños do Grove”. 

Para argumentarse, Lamelas relatou os incumprimentos do propio acordo de goberno asinado polos tres partidos que forman o mesmo e amparado polo Presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís. Un incumprimento total que deixa catro anos de mandato de Miguel Pérez “ineficientes e autoritarios”. O centro de día e o centro de saúde, tiraron abaixo os proxectos do anterior mandato; Auditorio, anunciouse un proxecto sen financiamento, as obras da EDAR, iniciadas polo anterior goberno e aínda non se coñece data de finalización; as obras do pavillón municipal, con numerosos atrancos e sen rematar; desdobramento da vía rápida, seguimos igual; inversións da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, inexistentes ata o momento. Unha longa lista de promesas que demostran a “desastrosa xestión municipal” que ven de rematar nestes días coa “desfeita do Plan Xeral de Ordenación Municipal”, outro dos puntos estrela dese pacto tripartito.

Un Plan Xeral que no pacto anunciaban que tería rematado (aprobación inicial, aprobación provisional e definitiva, relataba) pero que, tras saír a luz na primeira das fases, se tivo que volver gardar no caixón pola presión veciñal, xa que comezaron a xurdir todos os intereses ocultos que se estaban agochando na súa planificación, cuestión esta xa advertida polo concelleiro de Esquerda Unida no pleno da súa aprobación.

É por iso que Esquerda Unida considera que o actual tripartito non se atopa lexitimado para tomar decisións de goberno, e menos en materia de urbanismo, desconfiando incluso de que o propio goberno poida garantir o cumprimento das súas propias propostas, “pois téñennos acostumados a todo o contrario”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario