Esquerda Unida apoia a proposta da Plataforma de Afectados polo PXOM de unha segunda exposición pública, e non descarta iniciativas propias sobre o documento urbanístico.
O Grove, 13 de xaneiro de 2.015.- Este martes 13 de xaneiro rematou o período de exposición pública do PXOM do Grove, amosando nos tres meses que durou este período un gran malestar e rexeitamento por parte da veciñanza do Grove. Esquerda Unida celebrou onte unha asemblea aberta que tivo como tema principal a elaboración participativa do programa electoral, pero na que non faltou tampouco a discusión sobre o Plan Xeral.
Así, nesta asemblea ratificouse a aposta da organización de esquerdas de favorecer a participación veciñal no proceso de elaboración do PXOM a través das ferramentas legais existentes, neste caso as alegacións dos veciños, polo que ratificaron “apoiar a proposta da Plataforma de afectados polo PXOM de esixir unha segunda exposición pública” do documento, postura xa defendida en anteriores ocasións por EU, tendo solicitado incluso no Pleno a palabra do Alcalde de que así se faría.
Esta postura parece ser a que definitivamente tomará o goberno municipal por mor da enérxica protesta social contra o documento urbanístico proposto polo tripartito. Sen embargo, desde EU sospeitan que se poida dar unha situación parecida a ocorrida no anterior mandato de Miguel Á. Pérez, cando se deixou ir o documento cara unha camiño sen saída e condenando ao municipio grovense a seguir sen unha planificación urbanística axeitada. Dende a agrupación de esquerdas, sinalar que de darse a mesma situación, estaríamos ante un novo caso de malversación de fondos públicos, pois a elaboración dun Plan Xeral de Ordenación é algo que costa ás arcas municipais varios centos de miles de euros, o que sería unha "irresponsabilidade pola xestión feita dun elemento clave para o desenvolvemento do municipio”.
Ademais de apoiar a proposta veciñal pola que se están a recoller sinaturas, Esquerda Unida non descarta presentar para o vindeiro pleno algunha proposta propia relacionada co Plan Xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario