sábado, 10 de xaneiro de 2015

Regresa 'A Rúa', o boletin informativo de Esquerda Unida O Grove

Logo dunha ausencia maior da que nos gustaría, volvemos a poñer 'A RÚA' nas túas mans co propósito de recuperar esta ferramenta de intercambio de información, de diálogo, de encontro, de conversa cos nosos militantes, simpatizantes e veciños do Grove.

As diferentes seccións na que se divide 'A RÚA' pretenden fundamentalmente dous obxectivos. Por unha banda, informarvos das iniciativas e actividades da agrupación local de Esquerda Unida, incluíndo as mocións e iniciativas que a nosa agrupación presente nos plenos do Concello. O certo é que cremos que moitas das nosas xestións se perden no esquecemento por causa do silencio sistemático a que nos someten os medios de comunicación social nesta comarca. 

En segundo lugar, pero non por iso menos importante, queremos que 'A RÚA' sirva para abrir canles de comunicación con todos vós para así poder obter as vosas suxestións, propostas e inquietudes, imprescindibles para mellorar a nosa actividade futura. Naturalmente, tamén queremos coñecer as críticas que poidades ter sobre a nosa actividade; a vosa opinión neste sentido tamén nos será moi útil.

Para facernos chegar todas estas ideas e suxestións podedes utilizar calquera vía, desde falar directamente con calquera de nós ata utilizar o noso facebook (http://facebook.com/euogrove), a nosa páxina web (http://ww.euogrove.blogspot.com) ou o noso correo electrónico (euogrove@gmail.com).

Agardamos que 'A RÚA' sexa un diálogo produtivo e vivo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario