mércores, 4 de febreiro de 2015

Esquerda Unida e Anova confluirán conxuntamente ás vindeiras eleccións municipais no Grove

Militantes e simpatizantes de EU e Anova  fan un chamamento a outras organizacións políticas de esquerda así como aos veciños e veciñas, convencidos da necesidade dun cambio radical na política do concello, a participar nunha candidatura de confluencia de cara ás vindeiras eleccións municipais.

Os militantes e simpatizantes de Esquerda Unida O Grove e de Anova Ogrobe acordaron, tras unha serie de xuntanzas, a constitución no concello de O Grove dunha candidatura conxunta e aberta a outras forzas políticas de esquerdas e á sociedade que busque un troco na forma de facer política. Segundo fontes das dúas organizacións de esquerda, tratarase dunha candidatura inclusiva, que pretende recoller as inquietudes de todos os mecos e mecas desconformes co desgoberno total que estamos a padecer cos distintos gobernos do bipartidismo do Partido Popular e Partido Socialista que nos estiveron a gobernar nos últimos tempos. Dende EU e ANOVA considérase que este será un primeiro paso para xerminar un punto de encontro entre a esquerda política e social no concello do Grove para artellar unha alternativa de goberno ás políticas do Partido Popular e do Partido Socialista, que teñen levado a este concello a unha situación de parálise na que se atopa na actualidade.

Dáse así un paso máis no clamor popular que solicita a necesidade dunha candidatura unitaria da esquerda, tal como se reflectiu na primeira asemblea aberta que para tal fin reuniu en setembro, na casa do concello,  a veciños de moi diversos campos e sensibilidades políticas e sociais que demandaban precisamente isto, un punto de encontro como alternativa política real de goberno.

Esta unión de forzas, ven a avalada polos  acordos que ámbalas dúas organizacións tomaron nos seus respectivos órganos de dirección co fin de crear candidaturas de confluencia e de unidade popular e, avalado tamén, polo feito de que a suma de EU e Anova nas últimas eleccións europeas deron como resultado ser a terceira forza política na nosa vila moi preto do PSOE, polo que estamos en condicións de afirmar que estamos ante un cambio histórico na nosa vila ó modo, e salvando as distancias, da Syriza en Grecia.

Ademais de todo isto, este novo escenario político queda referendado por distintos ex cargos públicos, de distintas forzas políticas e representativas da esquerda transformadora e nacionalista da vila.

Dende a confluencia faise un chamamento a outras organizacións políticas que se sitúan no espectro político da esquerda a sumarse a esta candidatura de unidade así como tamén a veciños e veciñas convencidos da necesidade dun cambio radical na política do concello do Grove.


O cambio é posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario