O eurodiputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, propuxo hoxe a ratificación do Convenio sobre o traballo na pesca (Convenio188), elaborado pola Organización Internacional do Traballo en xuño do 2007.
A adopción do Convenio 188 busca homoxeneizar as condicións laborais mínimas para o sector pesqueiro, regulando cuestións relacionadas con: a saúde e a seguridade no traballo, as horas de descanso e os mínimos alimenticios para a tripulación, a idade mínima, as condicións que deben garantir as embarcacións, equipos de supervivencia adecuados e formación da tripulación, repatriación, seguridade social, etc.
Willy Meyer, relator do informe sobre devandito Convenio 188 ante a Comisión de Pesca do Parlamento europeo, afirmou que: “os traballadores do mar soportan graves situacións de explotación e desprotección, que inciden directamente no número e a gravidade dos accidentes sufridos”. A OIT considera que o sector pesqueiro é un dos ámbitos laborais máis perigosos, no cal se producen uns 24 mil accidentes mortais cada ano.
Este sector carece dunha regulación unitaria que garanta unhas condicións laborais adecuadas, posto que como explicou o eurodiputado: “é necesario crear un marco xurídico internacional común. Diversos instrumentos xurídicos internacionais, dirixidos a regular as condicións laborais e de seguridade no sector, como o Convenio de Torremolinos non puideron entrar en vigor por non contar cun número suficiente de ratificacións. Mesmo, dentro do marco europeo, as directivas vixentes non dan garantías suficientes respecto da ordenación do tempo de traballo, e as condicións que deben respectar as embarcacións”. Por este motivo, explicou Meyer: “os traballadores do mar levan moito tempo reclamando esta regulación, e é fundamental que os Estados membros apoien a necesidade de garantir a súa aplicación promovendo de forma áxil a súa ratificación. Se queremos garantir un futuro para o sector marítimo, é necesaria unha reforma profunda do sector pesqueiro, que contemple serias melloras das condicións de traballo, incluídas as salariais.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario