xoves, 5 de xuño de 2008

Aprovadas as propostas da Xuventude Comunista no Consello Local da Xuventude

Prensa:
Aprovadas as propostas da Xuventude Comunista no Consello Local da Xuventude
CLX

Na reunión mantida na tarde do sábado, os colectivos xuvenís decidiron, a instancias da Xuventude Comunista, traballar para que o 2009 conte con un calendario anual de actividades. Tamén aprobaron a creación dun boletín informativo, o concurso para crear un logotipo identificativo e a modificación dos estatutos do consello sectorial.
O concelleiro de Xuventude, Xan Lamelas, mostrábase satisfeito co resultado do Pleno do Consello Local da Xuventude, mantida no salón de xuntanzas da casa do concello. Á mesma asistiron os colectivos: Enxebre, Novas Xeracións, Galiza Nova e Xuventude Comunista. Os comunistas lograron quitar adiante as catro propostas, presentadas o mes pasado, ao ser aprobadas polas restantes organizacións.
Boletín informativo
A creación dun boletín informativo, foi a primeira moción aprobada. Todos se mostraron a favor de sacar á rúa un boletín que recolla toda a información de interese para a mocidade. Incidiron en que este ten que contar con unha maior difusión que os existentes en anos pasados. No boletín informarase tamén do que se trate nas reunións do Consello Local, e contará cun espazo para as asociacións no que poidan mostrar as súas inquedanzas e as actividades propias.
Logotipo
Na segunda petición, referente á creación dun logotipo que defina ao Consello Local, decidiron crear as bases oportunas e abrir o prazo en agosto, para que durante tres meses, os grovenses con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos envíen os seus deseños. A finais de outubro, un xurado composto por un membro de cada asociación e o concelleiro de Xuventude, decidirá a imaxe que identificará a este consello sectorial.
Modificación do regulamento
A modificación dos estatutos, foi a terceira moción a tratar. Todos coincidiron en que o documento, creado en 1997, conta con puntos obsoletos e que ademais debe ser revisado na súa escritura e ortografía para adaptalo á normativa lingüística actual. O concelleiro de Xuventude procederá a exercer as modificacións acordadas e de trasladalas ao Concello-Pleno para a súa aprobación definitiva por parte da corporación, tal como marca a lei.
Actividades xuvenís
A Xuventude Comunista propuxo na anterior xuntanza, a creación dun calendario anual de actividades para a mocidade e dotar os meses con unha referencia que englobe actos relacionados. Nesta sesión, todos os grupos decidiron levar á vindeira reunión, a finais de xuño, as propostas de cada colectivo e comezar a elaborar un borrador no que traballar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario