A asemblea de EU-EdG de O Grove reunida no día de onte, 20 de xuño, acorodou ratificarse no espírito e na filosofía do Pacto de Goberno asinado hai agora un ano, así como no contido do mesmo e nos seus obxectivos. Ante a grave crise aberta polo Alcalde, o cal, no día de onte (venres), non foi confirmado nen desmentido o cesamento do Concelleiro de Persoal Xan Lamelas publicado nos medios de comunicación, e pola gravidade da situación, pedímoslle aos nosos socios de goberno, co Alcalde á cabeza, ou ben unha ratificación do publicado, por escrito e mediante decreto da alcaldía, o que interpretaríamos como unha expulsión do goberno por incumprimento reiterado do Pacto, ou ben unha rectificación. Neste caso, esiximos que se convoque con carácter urxente unha reunión das catro forzas políticas que formamos goberno coa finalidade de retomar a filosofía e obxectivos do Pacto como solución a esta crise. En caso de non ser así consideramos a nosa non continuidade no goberno municipal.
Os militantes de Esquerda Unida-Esquerda do Grove sabemos onde estamos, con quen estamos, e a onde vamos, como tamén sabemos dos enormes atrancos que neste mandato íamos a ter e tivemos, porque hai compañeiros de viaxe cos cais sempre vai haber dificultades, dado que trasladan as diferencias persoais a conflitos institucionais, para enmascarar, ao noso enterder, as súas incapacidades, as do presente e as do pasado.
Aos simpatizantes de EU-EdG, así como á cidadanía en xeral, pedímoslles ante todo desculpas polo bochornoso espectáculo ofrecido, e asumimos a nosa parte de responsabilidade, e deben saber, que detrás de cada entidade política hai un pasado, e o máis importante, un presente, presente co cal hai que estar moi atento e nós estámolo, ben sexa dentro ou fora do goberno, e sempre aportaremos o máximo da nosa capacidade en beneficio da cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario