xoves, 1 de maio de 2008

1º de Maio: Nen un paso atrás, non cedamos máis

POLA RECONQUISTA DOS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS
Hoxe, o capitalismo, nesta fase que coñecemos como neoliberalismo, vive grazas á súa acción destrutiva, á súa teima de esnaquizar os elos da cadea solidaria que convertera á clase traballadora nunha masa social informada, formada e crítica, capaz de artellar os movementos de reivindicación e contestar as prácticas egoístas da patronal.
Cada unha das conquistas do que se denominou Estado de Benestar foi debida a unha constante pelexa da clase traballadora e tamén debida á acción de sindicatos realmente comprometidos nesa tarefa.
Pero o neoliberalismo foi erosionando esas conquistas. E fíxoo con intelixencia. Fíxoo mercando as vontades políticas e sindicais (hai, claro está, excepcións honrosas e meritorias). Fíxoo seducindo con discursos macroeconómicos de crecemento económico e prosperidade en constante aumento. Mentres iso acontecía, o neoliberalismo liberaba o verme do (hiper)consumo, que se introducía no intestino da clase traballadora. As dúas accións combinadas provocaron a situación que hoxe vivimos para festa dos neoliberais e dos seus admiradores e mediadores: a) asínase, de costas á cidadanía, a carta de defunción dos servizos públicos no Tratado de Lisboa, unha enorme mentira privatizadora, que introduce a mobilidade, a precariedade e a temporalidade como “excelencias” do traballo que deberán aceptar os e as traballadoras; b) celébrase a caída das esquerdas alternativas e transformadoras nas institucións representativas (Francia, España, Italia…).
A desaceleración económica é visibilizada a través da “perda” de beneficios dos grandes empresarios e banqueiros…como se algunha vez practicasen a redistribución dos beneficios entre a clase traballadora que os produce!! Pero pouco se di con valor de verdade sobre os miserentos salarios galegos, sobre as reducidas pensións, agóchanse as realidades dun desemprego en aumento que conduce a un impago de hipotecas e créditos.
Por iso, hoxe, neste 1º de maio, Esquerda Unida quere recuperar a centralidade da loita obreira e berrar que xa non cómpre retrocesos, que non cómpre perda de dereitos laborais e sociais, que non nos dobregamos ás chantaxes deslocalizadoras que nos fan perder salario a costa de máis horas e do medo á perda do traballo. Cómpre que os sindicatos e a clase política de esquerdas recuperen a unidade de acción na protesta social, na contestación. Así, acadaremos: salarios dignos e a equiparación salarial entre homes e mulleres; unha xornada laboral de 35 horas para poder vivir; unha política que invista en desenvolvemento social e que fiscalice aos que máis teñen para que todas as persoas nos igualemos mediante a redistribución da riqueza; para que os servizos públicos sexan eficaces, eficientes e de calidade e sexan liberados da voracidade privatizadora.
NIN UN PASO ATRÁS, NON CEDAMOS MÁIS!!
POLA RECONQUISTA DOS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario