martes, 17 de xuño de 2025

EU esixe o pintando de todas as sinalizacións horizontais do Grove e a inclusión do lema “O Mar Comeza Aquí” nas arquetas dos sumidoiros

A formación alerta do perigo que supón a ausencia de pasos de peóns e outras sinalizacións horizontais en moitas das rúas do concello e pide que o pintado non se limite ás recentemente asfaltadas.

Aproveitan para reclamar a aplicación efectiva da campaña “O Mar Comeza Aquí”, aprobada por unanimidade en 2024 a proposta de Esquerda Unida, que pretende concienciar sobre a conexión entre o lixo nas rúas e a contaminación mariña.

O Grove, 17 de xuño de 2025.-Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que os traballos de pintado de sinalización horizontal non se limite ás rúas que veñen de ser asfaltadas e se estendan ao resto do concello. A formación alerta de que en moitos puntos do municipio a sinalización é “inapreciable ou inexistente”, especialmente os pasos de peóns, e isto “supón un perigo real tanto para os vehículos como para os viandantes”, explica o seu voceiro José Antonio Otero.

Desde Esquerda Unida lembran que en varios plenos anteriores xa advertiran desta situación, e que dende o goberno municipal se xustificou o atraso no pintado pola execución do plan de asfaltados. Con todo, “tememos que só se vai pintar o novo, e que volverán esquecer o resto das rúas, xusto cando se achega o verán e aumenta a afluencia de visitantes, o que fai aínda máis necesario garantir a seguridade peonil”, insiste Otero.

Ao mesmo tempo, Esquerda Unida propón que se aproveiten estes traballos para incorporar unha acción de sensibilización ambiental de baixo custo e alto valor educativo: o pintado do lema “O mar comeza aquí” nas arquetas dos sumidoiros, especialmente nas zonas máis transitadas.

Esta acción forma parte dunha campaña ambiental presentada por Esquerda Unida e aprobada por unanimidade no pleno de setembro de 2024, co obxectivo de lembrar á cidadanía que os residuos depositados nas rúas, como as cabichas, rematan moitas veces no mar. “Moita xente non é consciente de que o lixo que tiramos ao chan ou aos sumidoiros acaba na nosa ría. Este pintado é unha maneira visual, directa e económica de concienciar”, sinala o concelleiro Anxo Meis, defensor da iniciativa.

A medida xa foi implantada en numerosas cidades europeas e está recoñecida como boa práctica ambiental. Desde Esquerda Unida consideran que esta intervención debería ser o primeiro paso dunha campaña máis ampla, que inclúa tamén sistemas físicos de recollida de residuos nos sumidoiros.

“Se se están a pintar pasos de peóns e marcas viarias, non hai razón para non aplicar tamén esta medida que xa foi aprobada por este mesmo pleno”, engade Meis. A formación lembra que O Grove ten no mar o seu principal recurso económico e ambiental, polo que toda acción que contribúa a preservar o ecosistema mariño debe ser prioritaria.

Por todo isto, Esquerda Unida reclama que o Concello actúe de inmediato para estender o pintado de sinalizacións a todo o termo municipal e que execute xa os compromisos adquiridos coa campaña “O mar comeza aquí”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario