A formación critica as formas e a falta de proxecto claro do goberno municipal, e alerta de que esta operación supón prexudicar a unha familia que adquiriu legalmente a propiedade para fixar nela o seu fogar.
Piden ao goberno que, en vista de que xa se fixo efectiva a venda, desista da expropiación e suspenda o expediente.
O Grove, 16 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de manifestar o seu rexeitamento á expropiación impulsada polo goberno municipal sobre a coñecida como “Casa de Beni”, ata este martes propiedade de Benito Maneiro. A formación asegura que son conscientes de que o executivo local perdeu unha oportunidade de ouro para adquirir o solar por vías de negociación e considera inxusto recorrer agora á expropiación cando a vivenda xa foi adquirida por unha familia para convertela no seu fogar.
“Non compartimos as maneiras nas que se desenvolveron os feitos, pero a expropiación non é a solución neste caso”, sinalan desde Esquerda Unida. Lembran que o motivo esgrimido polo goberno municipal para iniciar este proceso de expropiación, despois de non fraguarse a compra, foi a suposta necesidade de mellorar a accesibilidade ao edificio das monxas, pero aseguran que non existe ningún proxecto concreto que avale esa finalidade.
Desde Esquerda Unida denuncian que dende a compra do edificio das monxas, este carece de planificación e o uso que se lle dá aos espazos responde máis a unha xestión improvisada que a un proxecto consolidado. “Cédense aulas a distintos colectivos, incluso compartindo os mesmos espazos para diferentes actividades sen adaptar o inmoble ás súas necesidades reais. Non se executou nin existe proxecto para unha reforma interior nin teñen certeza dos usos que se van implantar. Todo é improvisado”, afirman.
Tamén sinalan que nos últimos meses o goberno local fixo anuncios contraditorios sobre o uso deste espazo, como a implantación do servizo Vellos Tempos, o cal levan anos indicando que se ía desenvolver nese edificio, cando non será así, ou a creación dunha aula de estudo, que tampouco pode realizarse porque as aulas non están adaptadas para tal fin. “Prometen servizos sen capacidade para exercelos, xa que as aulas da primeira planta comunícanse entre si, o que impide unha verdadeira compartimentación”, explican.
En canto ao argumento da accesibilidade, Esquerda Unida pon en dúbida a súa viabilidade a curto prazo. “Mesmo recoñeceron na última xuntanza que non dispoñen de orzamento para tirar a vivenda e adaptar o solar. Iso significa que poderían pasar anos antes de que se materialice esa suposta mellora, cando a impresión que daban na prensa é que sería inmediata. Mentres tanto a familia propietaria quedaría prexudicada sen necesidade”, denuncian.
Advirten de que, mesmo chegando a executar a demolición e urbanización do terreo, os problemas de acceso ao edificio das monxas persistirían, xa que a rúa pola que se entra é de paso único, o que seguirá a dificultar a circulación e pode provocar colapsos na vía principal.
En definitiva, dende Esquerda Unida, non comparten a necesidade de abrir un proceso de expropiación nestas circunstancias e lembran “que non é a primeira vez que este goberno municipal non chega a acordos cos veciños para cesións ou compra de terreos, como foi o caso da rúa das Bouzas, dos terreos de Alexandre Bóveda ou, no último caso, co terreo de Entrehortas, e nestes casos non se procedeu a abrir ningún expediente de expropiación”, sinalan.
“Non estamos diante dun proxecto planificado, senón dunha decisión precipitada, mal xustificada e con consecuencias directas sobre unha familia do Grove. Por iso, desde Esquerda Unida rexeitamos esta expropiación e esiximos que se suspenda o expediente”, conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario