luns, 4 de novembro de 2024

EU denuncia que a Xunta ignora as necesidades do Grove nos orzamentos de 2025

O grupo municipal de Esquerda Unida critica a ausencia de investimentos clave para O Grove nos orzamentos galegos do 2025, destacando a falta de fondos para as obras do CEIP Rosalía de Castro e o CEIP Conmeniño, prometidas en vésperas das últimas eleccións autonómicas.

O portavoz de Esquerda Unida, José Antonio Otero, denuncia que a Xunta exclúe demandas históricas do municipio, como o dique de abrigo do porto de Porto Meloxo e melloras de infraestruturas viarias, de abastecemento e educativas.

O Grove, 4 de novembro de 2024 - O grupo municipal de Esquerda Unida criticou duramente a falta de compromiso da Xunta de Galicia co municipio do Grove ao non incluír partidas significativas nos orzamentos para o 2025. Segundo denuncia o seu voceiro, José Antonio Otero, “estes orzamentos son un exemplo máis do desleixo da Xunta cara ás necesidades reais do noso concello, mentres que anuncian obras en vésperas electorais para despois esquecelas completamente”.

Para o vindeiro ano, a Xunta só asignou 25.000 euros ao Grove, unicamente destinados a unha pequena remodelación do porto. Esta partida é “ridícula” se se consideran as múltiples demandas que leva anos reclamando a veciñanza, como o dique de abrigo no porto de Porto Meloxo, o desdobre da vía rápida, o asfaltado da rúa Luís A. Mestre ou a renovación da tubaxe de abastecemento de auga da Lanzada.

Non obstante, Esquerda Unida destaca como especialmente grave a falta de fondos para a ampliación do CEIP Rosalía de Castro e a reforma integral do CEIP Conmeniño logo do compromiso adquirido en xaneiro, apenas vinte días antes das eleccións autonómicas. A Consellería de Educación anunciara entón un investimento de 2,6 millóns de euros para mellorar o CEIP Rosalía de Castro, incluíndo a construción dun novo edificio, tras derrubar as antigas “casas dos mestres”, para dotalo de comedor, ximnasio e novas aulas. No caso do CEIP Conmeniño, a consellería informara da redacción dun proxecto de rehabilitación integral cun orzamento de 450.000 euros, destinado a mellorar a eficiencia enerxética, renovar a envoltura exterior, substituír cubertas e illamento térmico, ademais de instalar unha caldeira de biomasa.

Daquela, o pleno da corporación municipal xa expresara o seu apoio unánime ás melloras do CEIP Rosalía de Castro, demandadas pola ANPA, destacando a urxente necesidade dun comedor digno, dado que actualmente o servizo se presta nun módulo prefabricado que non cobre a demanda, e a dotación de novas aulas. Por ese motivo, a promesa da Xunta para as reformas dos dous centros fora ben recibida no seu momento, aínda que Esquerda Unida cuestionou a súa sinceridade debido á proximidade das eleccións.

Porén, desde aquelas datas, apenas se realizaron movementos visibles, máis alá dunha cata no patio do Rosalía de Castro durante o período electoral, e nada se soubo dos máis de 3 millóns de euros previstos para os dous centros educativos, nin neste 2024 nin para o vindeiro ano, a vista borrador do orzamento para o 2025. Segundo Otero, “a ausencia de calquera partida nos orzamentos para 2025 demostra que non houbo nunca un compromiso real coa comunidade educativa do Grove. É evidente que foi unha promesa preelectoral, sen intención de execución”.

Esquerda Unida demanda que a Xunta rectifique e inclúa os investimentos necesarios para cumprir coas necesidades educativas e infraestruturais do Grove, lembrando que “o noso municipio non merece ser esquecido de maneira sistemática e ser utilizado só con fins electorais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario