martes, 3 de decembro de 2024

EU denuncia a inacción do goberno local na mellora dos campos de fútbol do Monte da Vila e As Lampáns

  

A formación critica que, máis de cinco meses despois de aprobarse os fondos para unha nova iluminación e un marcador para cada un dos campos, as instalacións continúan en estado precario, prexudicando aos equipos locais.

O derbi desta fin de semana entre Anduriña SD e CD Grove deixou en evidencia as pésimas condicións de visibilidade, provocando malestar entre os clubs e os numerosos seareiros que acudiron ao Monte da Vila. Pero esta situación tamén se da no campo de San Vicente.

O Grove, 3 de decembro de 2024. Esquerda Unida do Grove presentou unha pregunta por rexistro este luns para esixir explicacións ao goberno local polos retrasos na instalación da nova iluminación LED e marcador no campo de fútbol municipal do Monte da Vila e no de As Lampáns, en San Vicente. Segundo indican, o pleno do 3 de xuño aprobou unha partida de 36.000 € para o primeiro e 44.000 € para o segundo, con cargo ao remanente de tesourería, para acometer estas melloras. Porén, cinco meses despois, as actuacións seguen sen executarse.

Esquerda Unida considera que esta situación é "inaceptable" e constitúe un grave prexuízo para os clubs locais, que teñen serias dificultades para adestrar e disputar encontros oficiais nas actuais condicións. "Neste momentos no que as horas de luz natural son limitadas, os novos proxectores LED non só son unha necesidade para garantir o desenvolvemento dos adestramentos e competicións oficiais, senón que a súa falta podería carrexar sancións federativas aos clubs", advirte dende a formación.

O malestar dos clubs, que xa teñen denunciado esta situación, e dos seareiros, púxose de manifesto durante o derbi local disputado este domingo. O partido evidenciou as limitacións da actual luminaria, con zonas do terreo de xogo que dificultaban a visibilidade para xogadores e afeccionados. Esta situación provocou críticas e queixas entre o numeroso público que acudiu ao Monte da Vila.

Para Esquerda Unida, esta demora reflicte "unha preocupante falta de planificación e compromiso co deporte local por parte do goberno municipal". A agrupación esixe unha resposta inmediata e medidas urxentes para que estas melloras se materialicen canto antes. "Non é aceptable que, con partidas aprobadas desde hai case medio ano, os clubs continúen a padecer unhas condicións impropias dunhas instalacións municipais", sentenciaron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario