xoves, 19 de setembro de 2024

Esquerda Unida denuncia o atraso na licitación da Escola de Música Municipal

Solicitan información ao Concello do Grove sobre o estado do servizo xa que, co curso escolar iniciado e as actividades extraescolares e deportivas en marcha, a Escola de Música aínda non coñece adxudicatario. Critican que a situación se repita cada ano.

Esquerda Unida insta ao goberno local a axilizar os trámites, advertindo que o atraso podería acurtar o curso, e que está prexudicando ás familias e ao alumnado á hora de organizar as súa axendas. Lembran que o 1 de xullo o goberno indicou que se ía licitar por 4 anos e que isto implicaría maior tempo de publicidade.

O Grove, 19 de setembro de 2024.– O grupo municipal de Esquerda Unida vén de solicitar información oficial ao Concello do Grove sobre o estado actual da Escola de Música Municipal. A formación de esquerdas critica que, malia que o curso escolar xa comezou, e xa se están iniciando as diferentes actividades extraescolares e deportivas, da Escola de Música non se ten ningún coñecemento pois o servizo aínda non foi licitado, o que, segundo Esquerda Unida, evidencia unha preocupante falta de xestión por parte do goberno local. Esta non é a primeira vez que ocorre algo semellante, mais este ano o atraso é aínda maior, o que provoca preocupación e posibles inconvintes para os usuarios potenciais do servizo.

José Antonio Otero, voceiro de Esquerda Unida, lembra que no pleno do 1 de xullo, o seu grupo formulou unha pregunta sobre a licitación da Escola de Música, á que o goberno respondeu que “estaban traballando para sacala o máis axiña posible, xa que tiñan a intención de licitar o servizo por un período de 4 anos e segundo explicaron, isto implicaba un maior tempo de publicidade”. Non obstante, Esquerda Unida denuncia que, dende aquela resposta, non se tomou ningunha medida concreta. “Se a día de hoxe a licitación non se publicou, entendemos que renunciarán á proposta de facelo por 4 anos, pois se con un ano xa vai implicar atrasos co calendario ordinario, levalo adiante por 4 suporía un atraso aínda maior en canto ao comezo do curso,” subliñou Otero.

Para Esquerda Unida, este novo atraso está a causar preocupación ás familias, que precisan organizar os horarios dos seus fillos en función das actividades extraescolares, e ao resto de usuarios, que poden ter dificultades para o encaixe desta actividade con outras responsabilidades persoais e laborais. "Esta falta de planificación e previsión non só prexudica á organización das familias, senón que podería acurtar o curso escolar, co conseguinte impacto negativo na educación musical do alumnado", advertiu Otero.

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a axilizar os trámites de maneira urxente para evitar máis prexuízos aos potenciais usuarios e garantir que as clases poidan comezar o antes posible. “A inacción e a falta de xestión son xa inaceptables, e non podemos permitir que esta situación continúe prexudicando á veciñanza ano tras ano,” concluíu o concelleiro de Esquerda Unida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario