O grupo municipal leva ao pleno unha moción para poñer en marcha un programa de cesión temporal de parcelas privadas a cambio do seu mantemento.
A iniciativa permitiría crear hortas urbanas, zonas verdes ou aparcadoiros provisionais, dando unha saída útil a fincas sen uso e evitando problemas de insalubridade e risco de incendio.
A proposta aposta pola colaboración voluntaria dos propietarios e por un enfoque social, ambiental e participativo da xestión do solo urbano e rústico.
O Grove, 18 de agosto de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción para o seu debate, coa que propón a creación dun Programa Municipal de Cesión Temporal de Solares Privados, que permita ao Concello poñer en uso, de maneira provisional e sen alterar a propiedade, as numerosas fincas que permanecen abandonadas, sen uso ou en mal estado no termo municipal.
A moción foi rexistrada solicitando a súa inclusión no pleno extraordinario que o goberno municipal ten previsto celebrar o 25 deste mes. No caso de non ser incorporada a esa sesión, a moción debaterase no pleno ordinario fixado para o 29 de setembro.
A proposta permitiría que os propietarios de solares cedesen temporalmente o uso das súas fincas ao Concello a cambio de que este se encargue do seu mantemento, limpeza e posta en valor, destinándoas a usos de interese público e comunitario, como hortas urbanas, zonas verdes, espazos educativos ou mesmo aparcadoiros disuasorios temporais.
“Hai moitas parcelas no Grove que levan anos sen coidado, acumulando maleza e lixo, con risco de incendio ou pragas, e xerando malestar entre a veciñanza. Moitas veces detrás desa situación hai persoas maiores, con problemas de saúde ou sen recursos. Non sempre é cuestión de vontade, senón de falta de capacidade”, explicou o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.
A moción inclúe tamén a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule esta fórmula de cesión voluntaria, e que garanta os dereitos da propiedade ao tempo que permite o uso comunitario do solo en beneficio do ben común. O programa incluiría a posibilidade de implicar a entidades sociais, centros educativos ou colectivos veciñais na xestión dos espazos cedidos.
Dende Esquerda Unida deixan claro que esta proposta non exime nin aos propietarios de cumprir coa súa obriga legal de manter os seus solares en bo estado, nin ao Concello da súa responsabilidade de facer cumprir a ordenanza municipal vixente.
“Estamos a propoñer unha ferramenta útil, solidaria e intelixente. Evitamos sancionar a quen non pode cumprir coa súa obriga, ofrecéndolle unha alternativa digna, e ao mesmo tempo recuperamos espazos mortos para a vida comunitaria. Pero iso non significa que se poida mirar para outro lado: o Concello debe seguir vixiando, actuando e esixindo o cumprimento das obrigas legais a quen non colabore”, concluíu Otero.
Co propósito de facilitar a posta en marcha efectiva desta medida e evitar atrasos innecesarios, Esquerda Unida entregará ao goberno municipal un borrador de ordenanza reguladora e un modelo de convenio tipo, que poidan servir como base de traballo inmediata para desenvolver o programa.
Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e resto dos grupos municipais apoien a iniciativa, que se enmarca nun modelo de vila máis habitable, coidada e centrada na participación cidadá. Insisten en que o programa será voluntario, transparente e respectuoso coa propiedade privada, e que está pensado como unha solución práctica fronte á desatención do espazo privado que impacta negativamente no interese colectivo.