19 xuño 2026

Esquerda Unida denuncia a precariedade do servizo de Cultura no verán pola falta de persoal

Alertan de que o servizo quedará con só dúas persoas e un monitor de reforzo, insuficiente para cubrir as necesidades de Cultura, polo que a Biblioteca, a Axencia de Lectura de San Vicente e a Salazón veranse afectados. 

Critican a “falta de previsión” do goberno local ao non cubrir vacantes nin reforzar adecuadamente o departamento de Cultura.

O Grove, 19 de xuño de 2026.- Esquerda Unida vén de denunciar a situación “crítica e de absoluta precariedade” na que quedará o servizo municipal de Cultura durante os próximos meses de verán debido á falta de persoal e á ausencia de planificación por parte do goberno local. 

Segundo explica a formación, este ano o Concello solicitou unicamente unha persoa de reforzo para o departamento de Cultura a través do programa Máis Provincia, cando nos anos anteriores se viñan solicitando dúas contratacións para poder facer fronte ao incremento da actividade estival. Ademais, denuncian que a praza solicitada corresponde á categoría de monitor e non á de auxiliar de Cultura, polo que non poderá asumir boa parte das funcións necesarias para garantir o funcionamento ordinario dos servizos culturais municipais. 

A esta situación súmase a xubilación, prevista para o mes de xullo, dun dos traballadores do servizo de Cultura que, entre as súas funcións, se encargaba da apertura da Axencia de Lectura da Casa da Cultura de San Vicente. Dende Esquerda Unida indican que o propio departamento de Cultura solicitou a creación dunha bolsa de emprego para cubrir temporalmente o posto mentres non se ofertaba a praza mediante concurso, pero, segundo denuncian, “o Concello non deu orde para poñer en marcha esa bolsa, deixando o servizo completamente desatendido”. Coa xubilación deste traballador, o servizo de Cultura quedará reducido a tan só dúas persoas para atender a Biblioteca Municipal, as actividades culturais de verán e o resto dos servizos e instalacións dependentes da área. 

Como consecuencia, a Axencia de Lectura de San Vicente non poderá abrir durante o verán, e posiblemente o que resta de ano, deixando sen este servizo á veciñanza da parroquia nunha época de máxima afluencia. 

A formación tamén alerta da situación da Salazón, que tampouco conta actualmente con persoal fixo despois de non completarse a oferta pública de emprego correspondente. Ademais, o goberno local tampouco solicitou persoal eventual para garantir a apertura regular destas instalacións culturais. 

Dende Esquerda Unida lembran tamén que o Concello pretendía incorporar outra persoa ao departamento mediante unha subvención vinculada ao programa Viogen, pero a solicitude chegou tarde e os fondos xa estaban esgotados. “É unha situación que se repite constantemente: o Concello chega tarde ás convocatorias e quen acaba pagando as consecuencias é a veciñanza”, critican. 

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “o goberno municipal está demostrando unha absoluta falta de previsión e de interese polos servizos culturais públicos”. “Estamos falando de servizos básicos nun concello turístico que multiplica a súa actividade no verán e no que precisamente debería reforzarse o persoal, non reducilo. 

Advirten de que, coa situación actual e cun servizo reducido a dúas persoas, será imposible garantir con normalidade as actividades culturais de verán, o funcionamento da Biblioteca Municipal, a apertura da Axencia de Lectura de San Vicente e da Salazón. “Todos os servizos quedan baixo mínimos e sen capacidade real para atender á veciñanza nin ás necesidades culturais do municipio”, denuncian. 

A formación reclama ao goberno local que adopte medidas urxentes para reforzar o departamento de Cultura, cubrir as vacantes existentes e garantir a continuidade dos servizos públicos culturais. “Non é admisible que un concello como O Grove afronte a tempada de maior actividade turística e cultural cun servizo de Cultura reducido á mínima expresión. A falta de planificación do goberno local está a poñer en risco equipamentos e servizos públicos fundamentais para a veciñanza”, conclúen dende Esquerda Unida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario