A Deputación de Pontevedra confirma que o Concello non completou as cesións de terreos necesarias e que o proxecto segue en revisión técnica.
O voceiro municipal de Esquerda Unida acusa ao goberno local de falta de rigor, opacidade e de xerar falsas expectativas nunha obra clave para a seguridade viaria.
O Grove, 8 de xaneiro de 2026.- O grupo municipal de Esquerda Unida fixo pública a resposta emitida a semana pasada pola Deputación de Pontevedra á solicitude de información presentada no mes de outubro polo seu voceiro, José Antonio Otero. O documento achega información detallada sobre o estado real da obra da Rampla de Meloxo e deixa en evidencia que o goberno municipal non cumpriu de maneira completa coa súa parte na tramitación do proxecto.
Segundo recolle a resolución do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais, o Concello do Grove non completou correctamente as cesións dos terreos necesarios para poder executar a actuación. En concreto, o Concello achegou 26 das 32 actas de cesión asinadas, pero non presentou documentos esenciais como as fichas de cesión cos planos asinados polos propietarios nin o certificado formal de posta a disposición dos terreos ante fedatario público, un requisito expresamente esixido pola Deputación para considerar os terreos plenamente dispoñibles.
Unha situación que, segundo Otero, contradí frontalmente a información trasladada polo goberno municipal en diferentes sesións plenarias. “Queda claro que mentían cando aseguraban ter realizado todo o traballo que lles correspondía e que o atraso dependía exclusivamente da Deputación. Iso non é certo, porque a documentación entregada está incompleta e mentres non se remate correctamente o expediente a obra non pode avanzar”, sinalou o voceiro de EU.
Ademais, existen seis parcelas nas que non houbo cesión voluntaria. A Deputación propuxo modificar o proxecto para evitar a ocupación de tres delas, aínda que segue sendo necesaria a afección doutras tres, o que obriga a modificar planos, incorporar un anexo de expropiacións e cambiar as medicións e o orzamento do proxecto. Estas expropiacións serán tramitadas pola Deputación, pero asumidas economicamente polo Concello do Grove, tal e como lle confirmou o propio alcalde ao ente provincial nun correo electrónico remitido o 13 de decembro de 2025. Un feito que, segundo Otero, “demostra que o problema está lonxe de estar resolto á vista da data dese último correo”.
O voceiro municipal lembra tamén que, cando Esquerda Unida solicitou información á Deputación de Pontevedra, fixo o propio ao Concello do Grove, pedindo copia da documentación remitida ao ente provincial xunto co correspondente certificado de saída. “A día de hoxe esa solicitude segue sen resposta, o que volve poñer en cuestión a transparencia do goberno municipal”, denunciou.
Por todo isto, o grupo municipal de Esquerda Unida esixe ao goberno do Grove que dea explicacións públicas á veciñanza, asuma responsabilidades polos atrasos acumulados e complete de inmediato toda a tramitación pendente para que a obra da Rampla de Meloxo poida executarse canto antes. Advirten de que, mesmo no caso de completarse a fase de expropiacións, mentres non se entreguen os planos asinados e o certificado oficial de posta a disposición dos terreos ante fedatario público, o expediente continuará bloqueado.
Dende EU alertan ademais de que a situación actual da Rampla de Meloxo é xa insostible para a veciñanza, ao provocar problemas recorrentes no día a día, como roturas cada vez máis frecuentes na tubaxe de subministro de auga, que derivan en episodios de desabastecemento con cortes que se prolongan durante varias horas cada vez que se produce unha avaría. Así mesmo, estas roturas e as posteriores reparacións están a xerar situacións de inseguridade viaria, xa que os valados das obras adoitan prolongarse no tempo, afectando á circulación e á seguridade dos vehículos nunha rúa pola que transita habitualmente transporte pesado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario