26 maio 2021

EU insta ao Pleno a pronunciarse a favor da liberación das patentes das vacinas contra a Covid

 

Esquerda Unida presenta unha moción ao pleno de maio na que pide que a corporación municipal se pronuncie a favor da liberación das patentes das vacinas contra a Covid-19.

Moción Completa: 

A FAVOR DA LIBERACIÓN DAS PATENTES DAS VACINAS CONTRA A COVID

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A pandemia por COVID-19, con 158 millóns de persoas infectadas e 3,8 millóns de mortos segundo as últimas estatísticas, é unha das crises de maior impacto sanitario e social do ultimo século.

O acceso ás vacinas no Estado español é, en principio, universal, nunha campaña baseada en criterios epidemiolóxicos. Non obstante, os grandes centros de vacinación, que poden ser de utilidade para chegar a unha parte importante da poboación, supoñen dificultades de acceso a determinado tipo de poboación como as persoas maiores ou a quen viven nas zonas rurais, se carecen de medios de transporte. En ocasións, os insuficientes medios, como a finalización das contratacións Covid-19 e a falta de novas contratacións, dificultan a planificación da vacinación e o cumprimento dos obxectivos no tempo estipulado.

O acceso universal ás vacinas tamén se ve minguado pola dificultade de acceso, seguimento e control das persoas inmigrantes. Este feito supón un problema de saúde, non só para estas persoas, senón para a poboación en xeral, posto que na eficacia da campaña de vacinación inflúe o número total de poboación vacinada, xa que a enfermidade e o seu contaxio non entende de nacionalidades ou fronteiras.

A carreira pola vacinación, para protexer no menor tempo posible ao maior número de poboación, tense convertido na estratexia prioritaria, se ben a falta de vacinas contra a covid-19 e o incumprimento dos contratos de subministro, está sendo un gran problema a nivel europeo. Ademais, existe unha grave falta de vacinación nos países empobrecidos, froito da utilización das vacinas como unha mercadoría máis e, algúns deses países, como paradoxo, son grandes produtores de vacinas. Dende o noso punto de vista, é prioritario que este tipo de políticas de vacinación da poboación se leven a termo non só nos países do Norte, senón tamén que se exerza a solidariedade co resto de países cuxa taxa de vacinación é moitísimo máis baixa.

A extensión da covid-19 converteuse nun problema que afecta especialmente ás zonas máis pobres do mundo: países de renda baixa ou en conflito que nin sequera teñen a capacidade de realizar contratos coas farmacéuticas para dispor das vacinas, o que deriva nunha discriminación no acceso á sanidade e aos medicamentos marcada pola súa capacidade económica e non pola necesidade ou afectación da pandemia.

Ata que Estados Unidos non propuxo a liberalización das patentes das vacinas do coronavirus, a Unión Europea non tivo en conta a saúde das persoas dos países do sur como un obxectivo prioritario. É, entón, cando gran parte da sociedade comezou a tomar conciencia da necesidade de intervir no resto do Mundo como forma de previr a transmisión de enfermidades en Occidente.

Este feito prodúcese nun contexto no que unha parte importante da poboación de Estados Unidos e Europa está xa vacinada. Ata ese momento, ambas potencias tomaron posición contra a liberación das patentes, caendo incluso en dificultades de subministro debido á estratexia egoísta das farmacéuticas e ás oscilacións do Mercado. Agora ben, a liberación das patentes por si mesma, sen ter en conta outros factores, coma as subministracións e a posta en común da información que teñen no seu poder os laboratorios para pór en práctica unha fabricación masiva, non funcionará. É importante, ademais de liberar as patentes, exercer un control e unha distribución xusta e equitativa sobre as materias primas, para evitar unha batalla entre laboratorios na cadea de subministracións.

Neste contexto, as empresas farmacéuticas mantiveron a súa práctica habitual de control estrito sobre os dereitos de propiedade intelectual e de monopolios sobre vacinas e tratamentos, malia a grande inversión pública realizada na investigación básica e no desenvolvemento das vacinas, sen as que non se descubrirían as vacinas contra a enfermidade en pouco máis dun ano.

Os dirixentes da Unión Europea decidiron financiar con cartos públicos á Big Pharma e, ao mesmo tempo, permiten a determinadas empresas farmacéuticas manter a exclusividade das patentes, é dicir, a propiedade intelectual, o que impide a produción masiva de vacinas por parte dos Estados. Anteponse, así, o beneficio multimillonario das empresas ao interese xeral e á produción masiva dun medicamento esencial.

A defensa da industria privada fronte ao benestar dos cidadáns é un comportamento que casa coa tendencia neoliberal que dominou a forma de xestionar diferentes crises. A Comisión Europea, en épocas non moi afastadas no tempo, defendeu a redución do gasto público para todos os países. Non obstante, tamén se escoitaron voces contrarias a esta proposta, como a do euro-deputado Marc Botenga, quen denunciaba que, malia Europa ter financiado con cartos públicos as vacinas, a propiedade intelectual é 100% propiedade da empresa privada, o que permite que a farmacéutica controle e decida sobre a produción e o número de doses.

O Parlamento Europeo fixo visible esta problemática, xa que 115 euro-deputados propuxeron á Comisión Europea e aos membros do ADPIC (Acordo sobre os aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio), da OMC (Organización Mundial do Comercio), que todos os países poidan producir vacinas. Existen, ademais, varias iniciativas no seo da Unión Europea, como a Righ2Cure, organizacións sanitarias como Medicus Mundi, a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, Asociacións polo acceso a Medicamentos Xustos, Plataforma de afectados pola Hepatite C ou Farmamundi e multitude de científicos e expertos.

A estratexia Covax, promovida tamén pola Organización Mundial da Saúde (OMS), xunto á Coalición para a Promoción de Innovacións en pro da Preparación ante Epidemias (CEPI) e a Alianza Global para as Vacinas, para subministrar vacinas aos países de rendas máis baixas tamén se está demostrando insuficiente debido ao acaparamento das vacinas por parte dos países ricos.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O pleno do Concello do Grove:

1.   Manifesta que o dereito á atención sanitaria en igualdade de condicións é un dereito prioritario, antepoñendo a súa garantía ao beneficio privado; polo que as vacinas e os tratamentos contra as pandemias deben considerarse un ben público de acceso universal. Polo que os dereitos de propiedade intelectual, incluídas as patentes, e o control das materias primas, non deben dificultar a accesibilidade ou a dispoñibilidade de calquera vacina ou tratamento para a Covid19.

2.   Insta ao Goberno español a manifestar clara e explicitamente o seu apoio á exención de patentes de vacinas e promover e defender, por todos os medios, dita exención en todos os organismos europeos e mundiais, así como o reparto xusto das mesmas e un control sobre as subministracións de materias primas.

3.   Insta ao Goberno central e á Xunta de Galicia a reforzar as políticas europeas comúns en materia de saúde, normalizando as fórmulas estatísticas e establecendo políticas comúns obrigatorias de forma continua. Con tal obxectivo, solicítase ao Goberno do Estado que pida á Unión Europea: “Dotar ao Centro europeo de control de enfermidades e políticas sanitarias de funcións de coordinación que resulten de obrigado cumprimento para os Estados Membros. Este organismo debe ter funcións de coordinación cos diferentes centros nacionais de epidemioloxía, converténdose, así, nun Centro europeo de epidemioloxía e control de pandemias.”

4.   Insta á Unión Europea a sumarse á solicitude de apertura de patentes levada a cabo por India e Sudáfrica no seo da OMC, de cara a liberalizar as patentes das vacinas anti-covid19 mentres dure a pandemia, co obxectivo de facilitar a produción destas vacinas por parte dos Estados.

5.   Solicita que a Unión Europea inste á Axencia Europea do Medicamento a tomar unha decisión de forma inmediata sobre a autorización de todas as vacinas contra a Covid19 dispoñibles, co obxectivo de salvar o maior número de vidas posible e, deste xeito, evitar que a enfermidade se converta en endémica.

6.   Insta á Xunta de Galicia a garantir o acceso en Galicia a todas as persoas en igualdade de condicións, conforme a criterios científicos. Facilitar, con tal obxectivo, o acceso sinxelo aos habitantes do medio rural, fomentando a vacinación nos seus centros de saúde próximos ou no seu domicilio, cando non sexa posible mobilizar á persoa, mediante a contratación de persoal suficiente para garantir a campaña de vacinación sen saturar ao persoal sanitario.

21 maio 2021

EU cree que a pésima xestión do goberno é a única razón para non organizar a ludoteca de verán

 

Os esquerdistas lembran que a partida orzamentaria para a ludoteca atópase baleira logo de eliminala no 2020 e non ter as contas aprobadas do presente exercicio, polo que consideran que a Covid é tan só unha escusa cando o motivo real é outro.

Entenden que se outros concellos e entidades privadas poden organizalos, O Grove tamén, polo que piden ao goberno que reconsideren a súa postura negativa e organicen a ludoteca para que a veciñanza poida conciliar nunha época de maior actividade laboral. 

O Grove, 21 de maio de 2021. O pasado venres 14 as redes sociais do Concello do Grove sorprendían coa noticia de que a “ludoteca de verán” non ía organizarse debido á pandemia. O goberno socialista escudábase na situación sanitaria para descartar por segundo ano consecutivo a celebración desta actividade estival, moi reclamada polas familias do Grove xa que axuda a conciliar nunha das épocas de máis actividade laboral, que á vez coincide coas vacacións educativas. 

Esta decisión non convence a Esquerda Unida, pois entenden que ese non pode ser impedimento para realizar esta actividade, cando outros concellos e incluso entidades privadas locais si están traballando na realización destas ludotecas-campamentos. Segundo o seu voceiro, José Antonio Otero, “a única explicación que atopamos atende exclusivamente á pésima xestión deste goberno, pois a día de hoxe non teñen aprobado –nin está na axenda a curto prazo– o orzamento do presente exercicio, e estanse rexendo por unhas contas prorrogadas do 2020, nas que anularon a partida de 15.000€ destinadas a esta actividade”.

Otero recorda que en outubro de 2020, cando o executivo local someteu as contas á aprobación do pleno, el mesmo xa advertiu de que isto podería pasar, “pois ao aprobarse as contas a escasos dous meses de rematar o exercicio, ese orzamento sería o que rexería o seguinte ano se non se aprobaba un novo a principios do 2021”. Outro dos puntos que tamén o voceiro esquerdista puxo en dúbida naquel pleno, “o habitual no goberno de Cacabelos, dende que é alcalde é presentar as contas pasado o primeiro semestre, en lugar de facelo antes de comezar o ano ou como moi tarde no primeiro trimestre e isto débese á súa pésima xestión”.

Dende Esquerda Unida recordan que Cacabelos dixo no propio pleno que iso non sucedería, anunciando que ían traballar para presentar as contas como moi tarde en febreiro, pero “a realidade é que estamos en maio e, convocadas xa as comisións do pleno, o Orzamento non se vai debater neste mes”, sentenza Otero.

Por este motivo, os esquerdistas denuncian “as continuas mentiras e escusas utilizadas polo goberno do PSOE para tapar a nefasta xestión que están a realizar”. Para José Antonio Otero, “a pandemia en canto a desculpas, foi o mellor que lle puido pasar ao PSOE, pois xa son numerosas as veces que utilizou a Covid como pretexto, incluso para cuestións que tiñan que estar realizadas antes do comezo desta pandemia”. 

Así mesmo, Esquerda Unida pide ao executivo local que reconsideren a súa postura, procuren partida orzamentaria e organicen a Ludoteca adaptándose á nova normalidade e cumprindo coas medidas sanitarias e de seguridade esixidas, co propósito de ofrecer á veciñanza unha solución á necesaria conciliación que moitas familias do Grove precisan nunha época estival na que é presumible que aumente a actividade laboral e na que os nenos e nenas se atopan nas súas vacacións educativas.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove


INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA:

Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde o voceiro de EU fai referencia ao que sucedería coa ludoteca se non se aproban os orzamentos 2021 e continúan prorrogados os do 2020.


Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde Cacabelos indica que querían traer os orzamentos do 2021 como moi tarde en febreiro.

 

Extracto da publicación no facebook do Concello do Grove o 14 de maio de 2021.

https://www.facebook.com/192621247423294/posts/4285066571512054/

A PANDEMIA IMPIDE A ORGANIZACIÓN DA ‘LUDOTECA DE VERÁN’

A situación sanitaria provoca que, por segundo ano consecutivo, non se leve a cabo esta actividade co modelo habitual de presencialidade.

O Concello do Grove leva xa varias semanas realizando as correspondentes consultas e valoracións de cara á recuperación realización da habitual “ludoteca de verán” na que participaban numerosos nenos e nenas da vila nos meses do verán. A pesar dos bos datos con respecto á incidencia da pandemia no municipio, a esixencia de medidas de seguridade relativas a capacidades, distancias de seguridade e uso de máscara e desinfectantes seguen estando vixentes e impiden o desenvolvemento desta actividade coas características previas á pandemia.

Tendo en conta estas circunstancias e a peculiaridade desta iniciativa, na que o fundamental é a interacción dos pequenos e pequenas contando ademais con espazos concretos e limitados, a busca de garantías de seguridade fai necesario non convocar a ludoteca e seguir traballando en medidas que, como esta, poidan contribuír á conciliación laboral das familias. Agárdase que esta complexa decisión contribúa a seguir mellorando no relativo á expansión do virus e que o vindeiro ano se poida recuperar a normalidade nesta e en todas as actividades educativas.

09 maio 2021

EU denuncia ante a Xunta o total abandono da Estación de Autobuses

 

Os esquerdistas denunciaron ante á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a situación e piden ao goberno municipal que tamén actúe e faga o propio para esixir solucións ao lamentable estado no que se atopan as instalacións.  

Consideran que esta non pode ser a primeira imaxe que se atopen as persoas que chegan ao Grove nin a que se atope a veciñanza cando quere usar este servizo público.

O Grove, 9 de maio de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o total abandono no que se atopan as instalacións da Estación de Autobuses do concello do Grove. Papeleiras cheas e sen recoller dende hai tempo, lixo por todas as esquinas, sucidade, mobiliario esnaquizado,... son algúns exemplos da imaxe que se atopa calquera persoa que se acerque ás instalacións públicas situadas na zona portuaria.

Os esquerdistas consideran que esta non é a imaxe que as persoas que visiten un concello turístico como O Grove se pode atopar nada máis poñer o pé en terra meca, nin a que debe soportar a veciñanza que decide utilizar o transporte público.

É por iso, que logo de denunciar esta situación ante a Xunta, titular das instalacións, piden tamén ao goberno municipal que faga o propio como Concello e lles esixa que poñan fin a esta lamentable situación.

Ver imaxes do estado da Estación de Autobuses Aquí

01 maio 2021

1º DE MAIO - UNIDADE DE CLASE CONTRA O FASCISMO

…E van dous. Dous 1º de Maio nos que a pandemia meteuse ata a medula das nosas vidas, onde outra vez as manifestacións nas rúas construiranse desde a firmeza, compaxinando a presenza física e virtual, pero co mesmo carácter reivindicativo que no Congreso Obreiro Socialista da II Internacional no París de 1889, cando se acordou celebrar esta xornada de loita e de homenaxe aos ‘Mártires de Chicago’ de 1886.

Aprendemos moito neste ano duro; aprendemos que as políticas neoliberais do capital matan; que o proceso de privatización que a dereita executa desde hai anos demostrou que tiñamos unha grave carencia de servizos sanitarios que protexesen as nosas vidas; que a dicotomía entre beneficios e vida resolvérona en favor do capital, como ocorre na Comunidade de Madrid e o seu canibalismo  privatizador.

Aprendemos tamén que aqueles países que non levan no seu ADN o Estado de Dereito e a protección social, están á deriva; e lembramos que o fascismo non está morto, senón que dá rabexadas para tentar volver coas súas mentiras a un período onde non existían os dereitos fundamentais da nosa Constitución.

É indispensable profundar, xunto cos sindicatos de clase, nunha lexislación de protección á saúde no traballo, para evitar que miles de profesionais dos servizos básicos -en especial os sanitarios- paguen coa súa vida a falta de material e medios efectivos, así como de protocolos que garantan a seguridade no traballo.

Sabemos que destinando os recursos para salvar o emprego no canto da subvencionar ás grandes empresas e á Banca, como impoñen as políticas neoliberais, conseguiremos que se perdan menos postos de traballo e que as familias poidan soportar mellor esta terrible crise.

Traballamos xunto aos sindicatos para poñer en marcha reivindicacións históricas de anteriores 1º de Maio: o Ingreso Mínimo Vital, o apoio aos sectores máis afectados pola  COVID, presionar para que as políticas da Unión Europea non repitan o  austericidio, senón que busquen unha Europa máis cohesionada e social, establecendo políticas efectivas para loitar pola igualdade salarial de xénero ou contra os falsos autónomos.

Agora sabemos que se pode defender o salario diferido dos traballadores e as traballadoras do noso país, establecendo políticas de protección ao consumidor fronte ás grandes multinacionais.

E aprendemos a facer todo iso da man de multitude de colectivos, desde os sindicatos ata as mareas en defensa da Sanidade ou a Escola Pública, nas rúas coas manifestacións feministas ou en defensa das pensións; defendendo o dereito á vivenda, enfrontándonos á Banca e os seus inhumanos desafiuzamentos, ou facendo máis efectivas as actuacións da inspección de traballo.

Toda esa aprendizaxe levámola á política para que as súas reivindicacións se convertan en lei e creando redes de apoio para todas elas.

Pero aínda queda moito por facer e por iso desde Esquerda Unida defendemos e esiximos os dereitos que reclama a maioría social. Temos que fortalecernos fronte ao intento do capitalismo de  reinventarse tras a pandemia. Este é un 1º de Maio para presionar a aqueles que pretenden impoñer novos recortes tras a  COVID, quen pretende reducir os dereitos laborais conquistados durante anos, quen quere frear a nosa loita pola igualdade efectiva no ámbito laboral.

Enfrontámonos a aqueles que apostan por anular ou reducir a capacidade de intervención nas organizacións de clase para aproveitar a crise e establecer unha redución de salarios xeneralizada.

Desde Esquerda Unida esiximos neste 1º de Maio frear as novas deslocalizacións de sectores fundamentais da nosa economía. Non é de recibo que as multinacionais se embolsasen inxentes cantidades de subvencións sacadas dos nosos impostos e que agora decidan pechar instalacións completas para maximizar beneficios ou reducir emprego a través de EREs. Non imos permitir que condenen a comarcas enteiras ao desemprego e á miseria. Reivindicamos unha política industrial que nos saque do bucle da dependencia case absoluta do sector servizos e do turismo.

A Banca privada segue aumentando os seus beneficios a base de destruír emprego. Xa van máis de 100.000 postos de traballo perdidos no sector nos últimos 10 anos, a pesar da inxección de diñeiro público a través de subvencións directas ( Bankia e as súas sucesivas fusións) ou indirectas (a débeda de 35.000 millóns do chamado ‘banco malo’ que creou o PP que nos estalou na cara). A esta sangría súmaselle agora CaixaBank e BBVA, con preto de 11.000 despedimentos entre ambas entidades.

É posible outra política que reparta a riqueza e para iso hai que facer máis fortes aos traballadores e traballadoras a través dos seus sindicatos e con eles, do mesmo xeito que fixeron xa os sindicalistas de Chicago, esixir un mundo máis xusto e igualitario.

VIVA A XUSTIZA SOCIAL

VIVA A CLASE OBREIRA

VIVA O 1º DE MAIO

 

29 abril 2021

EU denuncia unha nova privatización de servizos por parte do goberno local

 

O servizo de mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a mans privadas tal e como anunciou o concelleiro de limpeza no pleno do luns.

Os esquerdistas denuncian que esta nova externalización, sumada á da limpeza dos edificios públicos e á semi-privatización das Pistas de Padel, supón un detrimento dos servizos públicos municipais e preguntan cal será o seguinte.

 O Grove, 28 de abril de 2021.- No pleno do pasado luns, o concelleiro de limpeza e mantemento de espazos públicos anunciou, durante a quenda de rogos e preguntas, que o mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a ser realizado por unha empresa privada. Este servizo, que se atopa dende o pasado mércores 21 aberto á presentación de ofertas, conta cun orzamento de licitación de 29.040 € e terá unha duración de 2 anos prorrogables a outros dous. A apertura de ofertas terá lugar o primeiro xoves de maio. 

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “esta é unha nova mostra do que este goberno leva facendo en detrimento dos servizos públicos do noso concello dende que tomaron as rendas do noso municipio, externalizando o maior número de servizos”.

Segundo indica Otero, “as privatizacións comezaron no pasado mandato cando o servizo de limpeza de edificios públicos pasou a mans dunha empresa externa, unificándose ao da limpeza dos centros educativos (que xa estaba externalizado)”. “Este ano atopámonos cun formato de privatización encuberto nas Pistas de Padel, cando en lugar contratar persoal, ou formalizar as prazas, pasaron a prestar o servizo a través de autónomos”, continua o esquerdista. “Agora tócalle ao servizo de mantemento de parques infantís e elementos biosaudables, pero auguramos que non será o último”, asevera Otero.

José Antonio Otero incide en que “no tanto de recuperar servizos como o da limpeza dos edificios educativos, ou o de axuda no fogar, tal e como lle instou Esquerda Unida en innumerables ocasións, este goberno segue externalizando servizos”.

“Dende Esquerda Unida denunciamos esta situación e preguntamos ao executivo local cal será o seguinte servizo en privatizar; o de augas?, limpeza das rúas ou o da recollida do lixo?” sentenza Otero a vez que recorda que no mandato do cuatripartito (2007-2011) “o servizo de recollida de lixo estivo a piques de ser privatizado, pois o PSOE concordaba co PGD na súa externalización e foi a oposición tallante do concelleiro de EU (Juan Lamelas) á que logo se sumou o BNG, a que evitou esa privatización”.

Así mesmo, a agrupación de esquerdas recorda que o goberno local do PSOE ten paralizada a Oferta de Emprego Público que eles mesmos aprobaron, e que a RPT do concello segue sen aprobar desde que fora impulsada por EU cando participou no goberno cuadripartito. Segundo Otero “estas son dúas ferramentas fundamentais para a dotación de persoal e poder ter uns servizos públicos de calidade, cuestión totalmente abandonada por Cacabelos e o seu goberno”.

Esquerda Unida “lamenta a asunción do programa neo-liberal por parte da agrupación local do PSOE do Grove e os seus representantes no concello” e indican que desde a chegada de Cacabelos á secretaría local do seu partido, este “ocupou o espazo político do PP e converteuse no referente da dereita política no Grove”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove