Os esquerdistas lembran que a partida
orzamentaria para a ludoteca atópase baleira logo de eliminala no 2020 e non
ter as contas aprobadas do presente exercicio, polo que consideran que a Covid
é tan só unha escusa cando o motivo real é outro.
Entenden que se outros concellos e
entidades privadas poden organizalos, O Grove tamén, polo que piden ao goberno
que reconsideren a súa postura negativa e organicen a ludoteca para que a
veciñanza poida conciliar nunha época de maior actividade laboral.
O
Grove, 21 de maio de 2021. O pasado venres 14 as
redes sociais do Concello do Grove sorprendían coa noticia de que a “ludoteca
de verán” non ía organizarse debido á pandemia. O goberno socialista escudábase
na situación sanitaria para descartar por segundo ano consecutivo a celebración
desta actividade estival, moi reclamada polas familias do Grove xa que axuda a
conciliar nunha das épocas de máis actividade laboral, que á vez coincide coas
vacacións educativas.
Esta
decisión non convence a Esquerda Unida, pois entenden que ese non pode ser
impedimento para realizar esta actividade, cando outros concellos e incluso
entidades privadas locais si están traballando na realización destas
ludotecas-campamentos. Segundo o seu voceiro, José Antonio Otero, “a única
explicación que atopamos atende exclusivamente á pésima xestión deste goberno,
pois a día de hoxe non teñen aprobado –nin está na axenda a curto prazo– o
orzamento do presente exercicio, e estanse rexendo por unhas contas prorrogadas
do 2020, nas que anularon a partida de 15.000€ destinadas a esta actividade”.
Otero
recorda que en outubro de 2020, cando o executivo local someteu as contas á
aprobación do pleno, el mesmo xa advertiu de que isto podería pasar, “pois ao
aprobarse as contas a escasos dous meses de rematar o exercicio, ese orzamento
sería o que rexería o seguinte ano se non se aprobaba un novo a principios do
2021”. Outro dos puntos que tamén o voceiro esquerdista puxo en dúbida naquel
pleno, “o habitual no goberno de Cacabelos, dende que é alcalde é presentar as
contas pasado o primeiro semestre, en lugar de facelo antes de comezar o ano ou
como moi tarde no primeiro trimestre e isto débese á súa pésima xestión”.
Dende
Esquerda Unida recordan que Cacabelos dixo no propio pleno que iso non
sucedería, anunciando que ían traballar para presentar as contas como moi tarde
en febreiro, pero “a realidade é que estamos en maio e, convocadas xa as
comisións do pleno, o Orzamento non se vai debater neste mes”, sentenza Otero.
Por
este motivo, os esquerdistas denuncian “as continuas mentiras e escusas
utilizadas polo goberno do PSOE para tapar a nefasta xestión que están a
realizar”. Para José Antonio Otero, “a pandemia en canto a desculpas, foi o
mellor que lle puido pasar ao PSOE, pois xa son numerosas as veces que utilizou
a Covid como pretexto, incluso para cuestións que tiñan que estar realizadas
antes do comezo desta pandemia”.
Así
mesmo, Esquerda Unida pide ao executivo local que reconsideren a súa postura,
procuren partida orzamentaria e organicen a Ludoteca adaptándose á nova
normalidade e cumprindo coas medidas sanitarias e de seguridade esixidas, co
propósito de ofrecer á veciñanza unha solución á necesaria conciliación que
moitas familias do Grove precisan nunha época estival na que é presumible que
aumente a actividade laboral e na que os nenos e nenas se atopan nas súas
vacacións educativas.
Gabinete
de Prensa
Esquerda
Unida O Grove
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA:
Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde
o voceiro de EU fai referencia ao que sucedería coa ludoteca se non se aproban
os orzamentos 2021 e continúan prorrogados os do 2020.
Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde
Cacabelos indica que querían traer os orzamentos do 2021 como moi tarde en
febreiro.
Extracto da publicación no facebook do
Concello do Grove o 14 de maio de 2021.
https://www.facebook.com/192621247423294/posts/4285066571512054/
A PANDEMIA IMPIDE A ORGANIZACIÓN DA ‘LUDOTECA DE VERÁN’
A situación sanitaria provoca que, por segundo ano consecutivo, non se leve
a cabo esta actividade co modelo habitual de presencialidade.
O Concello do Grove leva xa varias semanas realizando as correspondentes
consultas e valoracións de cara á recuperación realización da habitual
“ludoteca de verán” na que participaban numerosos nenos e nenas da vila nos
meses do verán. A pesar dos bos datos con respecto á incidencia da pandemia no
municipio, a esixencia de medidas de seguridade relativas a capacidades,
distancias de seguridade e uso de máscara e desinfectantes seguen estando
vixentes e impiden o desenvolvemento desta actividade coas características
previas á pandemia.
Tendo en conta estas circunstancias e a peculiaridade desta iniciativa, na
que o fundamental é a interacción dos pequenos e pequenas contando ademais con
espazos concretos e limitados, a busca de garantías de seguridade fai necesario
non convocar a ludoteca e seguir traballando en medidas que, como esta, poidan
contribuír á conciliación laboral das familias. Agárdase que esta complexa
decisión contribúa a seguir mellorando no relativo á expansión do virus e que o
vindeiro ano se poida recuperar a normalidade nesta e en todas as actividades
educativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario