mércores, 26 de maio de 2021

EU insta ao Pleno a pronunciarse a favor da liberación das patentes das vacinas contra a Covid

 

Esquerda Unida presenta unha moción ao pleno de maio na que pide que a corporación municipal se pronuncie a favor da liberación das patentes das vacinas contra a Covid-19.

Moción Completa: 

A FAVOR DA LIBERACIÓN DAS PATENTES DAS VACINAS CONTRA A COVID

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A pandemia por COVID-19, con 158 millóns de persoas infectadas e 3,8 millóns de mortos segundo as últimas estatísticas, é unha das crises de maior impacto sanitario e social do ultimo século.

O acceso ás vacinas no Estado español é, en principio, universal, nunha campaña baseada en criterios epidemiolóxicos. Non obstante, os grandes centros de vacinación, que poden ser de utilidade para chegar a unha parte importante da poboación, supoñen dificultades de acceso a determinado tipo de poboación como as persoas maiores ou a quen viven nas zonas rurais, se carecen de medios de transporte. En ocasións, os insuficientes medios, como a finalización das contratacións Covid-19 e a falta de novas contratacións, dificultan a planificación da vacinación e o cumprimento dos obxectivos no tempo estipulado.

O acceso universal ás vacinas tamén se ve minguado pola dificultade de acceso, seguimento e control das persoas inmigrantes. Este feito supón un problema de saúde, non só para estas persoas, senón para a poboación en xeral, posto que na eficacia da campaña de vacinación inflúe o número total de poboación vacinada, xa que a enfermidade e o seu contaxio non entende de nacionalidades ou fronteiras.

A carreira pola vacinación, para protexer no menor tempo posible ao maior número de poboación, tense convertido na estratexia prioritaria, se ben a falta de vacinas contra a covid-19 e o incumprimento dos contratos de subministro, está sendo un gran problema a nivel europeo. Ademais, existe unha grave falta de vacinación nos países empobrecidos, froito da utilización das vacinas como unha mercadoría máis e, algúns deses países, como paradoxo, son grandes produtores de vacinas. Dende o noso punto de vista, é prioritario que este tipo de políticas de vacinación da poboación se leven a termo non só nos países do Norte, senón tamén que se exerza a solidariedade co resto de países cuxa taxa de vacinación é moitísimo máis baixa.

A extensión da covid-19 converteuse nun problema que afecta especialmente ás zonas máis pobres do mundo: países de renda baixa ou en conflito que nin sequera teñen a capacidade de realizar contratos coas farmacéuticas para dispor das vacinas, o que deriva nunha discriminación no acceso á sanidade e aos medicamentos marcada pola súa capacidade económica e non pola necesidade ou afectación da pandemia.

Ata que Estados Unidos non propuxo a liberalización das patentes das vacinas do coronavirus, a Unión Europea non tivo en conta a saúde das persoas dos países do sur como un obxectivo prioritario. É, entón, cando gran parte da sociedade comezou a tomar conciencia da necesidade de intervir no resto do Mundo como forma de previr a transmisión de enfermidades en Occidente.

Este feito prodúcese nun contexto no que unha parte importante da poboación de Estados Unidos e Europa está xa vacinada. Ata ese momento, ambas potencias tomaron posición contra a liberación das patentes, caendo incluso en dificultades de subministro debido á estratexia egoísta das farmacéuticas e ás oscilacións do Mercado. Agora ben, a liberación das patentes por si mesma, sen ter en conta outros factores, coma as subministracións e a posta en común da información que teñen no seu poder os laboratorios para pór en práctica unha fabricación masiva, non funcionará. É importante, ademais de liberar as patentes, exercer un control e unha distribución xusta e equitativa sobre as materias primas, para evitar unha batalla entre laboratorios na cadea de subministracións.

Neste contexto, as empresas farmacéuticas mantiveron a súa práctica habitual de control estrito sobre os dereitos de propiedade intelectual e de monopolios sobre vacinas e tratamentos, malia a grande inversión pública realizada na investigación básica e no desenvolvemento das vacinas, sen as que non se descubrirían as vacinas contra a enfermidade en pouco máis dun ano.

Os dirixentes da Unión Europea decidiron financiar con cartos públicos á Big Pharma e, ao mesmo tempo, permiten a determinadas empresas farmacéuticas manter a exclusividade das patentes, é dicir, a propiedade intelectual, o que impide a produción masiva de vacinas por parte dos Estados. Anteponse, así, o beneficio multimillonario das empresas ao interese xeral e á produción masiva dun medicamento esencial.

A defensa da industria privada fronte ao benestar dos cidadáns é un comportamento que casa coa tendencia neoliberal que dominou a forma de xestionar diferentes crises. A Comisión Europea, en épocas non moi afastadas no tempo, defendeu a redución do gasto público para todos os países. Non obstante, tamén se escoitaron voces contrarias a esta proposta, como a do euro-deputado Marc Botenga, quen denunciaba que, malia Europa ter financiado con cartos públicos as vacinas, a propiedade intelectual é 100% propiedade da empresa privada, o que permite que a farmacéutica controle e decida sobre a produción e o número de doses.

O Parlamento Europeo fixo visible esta problemática, xa que 115 euro-deputados propuxeron á Comisión Europea e aos membros do ADPIC (Acordo sobre os aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio), da OMC (Organización Mundial do Comercio), que todos os países poidan producir vacinas. Existen, ademais, varias iniciativas no seo da Unión Europea, como a Righ2Cure, organizacións sanitarias como Medicus Mundi, a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, Asociacións polo acceso a Medicamentos Xustos, Plataforma de afectados pola Hepatite C ou Farmamundi e multitude de científicos e expertos.

A estratexia Covax, promovida tamén pola Organización Mundial da Saúde (OMS), xunto á Coalición para a Promoción de Innovacións en pro da Preparación ante Epidemias (CEPI) e a Alianza Global para as Vacinas, para subministrar vacinas aos países de rendas máis baixas tamén se está demostrando insuficiente debido ao acaparamento das vacinas por parte dos países ricos.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O pleno do Concello do Grove:

1.   Manifesta que o dereito á atención sanitaria en igualdade de condicións é un dereito prioritario, antepoñendo a súa garantía ao beneficio privado; polo que as vacinas e os tratamentos contra as pandemias deben considerarse un ben público de acceso universal. Polo que os dereitos de propiedade intelectual, incluídas as patentes, e o control das materias primas, non deben dificultar a accesibilidade ou a dispoñibilidade de calquera vacina ou tratamento para a Covid19.

2.   Insta ao Goberno español a manifestar clara e explicitamente o seu apoio á exención de patentes de vacinas e promover e defender, por todos os medios, dita exención en todos os organismos europeos e mundiais, así como o reparto xusto das mesmas e un control sobre as subministracións de materias primas.

3.   Insta ao Goberno central e á Xunta de Galicia a reforzar as políticas europeas comúns en materia de saúde, normalizando as fórmulas estatísticas e establecendo políticas comúns obrigatorias de forma continua. Con tal obxectivo, solicítase ao Goberno do Estado que pida á Unión Europea: “Dotar ao Centro europeo de control de enfermidades e políticas sanitarias de funcións de coordinación que resulten de obrigado cumprimento para os Estados Membros. Este organismo debe ter funcións de coordinación cos diferentes centros nacionais de epidemioloxía, converténdose, así, nun Centro europeo de epidemioloxía e control de pandemias.”

4.   Insta á Unión Europea a sumarse á solicitude de apertura de patentes levada a cabo por India e Sudáfrica no seo da OMC, de cara a liberalizar as patentes das vacinas anti-covid19 mentres dure a pandemia, co obxectivo de facilitar a produción destas vacinas por parte dos Estados.

5.   Solicita que a Unión Europea inste á Axencia Europea do Medicamento a tomar unha decisión de forma inmediata sobre a autorización de todas as vacinas contra a Covid19 dispoñibles, co obxectivo de salvar o maior número de vidas posible e, deste xeito, evitar que a enfermidade se converta en endémica.

6.   Insta á Xunta de Galicia a garantir o acceso en Galicia a todas as persoas en igualdade de condicións, conforme a criterios científicos. Facilitar, con tal obxectivo, o acceso sinxelo aos habitantes do medio rural, fomentando a vacinación nos seus centros de saúde próximos ou no seu domicilio, cando non sexa posible mobilizar á persoa, mediante a contratación de persoal suficiente para garantir a campaña de vacinación sen saturar ao persoal sanitario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario