A Xustiza dá a razón á UTE executora da obra do Auditorio e Escola de Música do Grove e obriga ao Concello do Grove a pagar máis de 180.000 € pola revisión de prezos e os xuros. Consideran esta sentenza froito dunha mala xestión e deixadez do goberno municipal.
A agrupación lamenta que o Auditorio siga acumulando sobrecustos e aproveita para instar ao Alcalde a esixir a subsanación de todas as deficiencias que presenta a edificación dende a súa inauguración.
O Grove, 8 de xuño de 2025.-O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar ao Concello do Grove a aboar 151.303,68 euros, máis o IVE e os xuros legais desde abril de 2022 á UTE encargada da construción do Auditorio e Escola de Música, tras recoñecer que a empresa tiña dereito a unha revisión extraordinaria de prezos polo incremento dos custos dos materiais, ao abeiro do Real Decreto-lei 3/2022.
A empresa presentara a súa solicitude en abril de 2022, cando aínda non se aprobara a certificación final das obras. Sen embargo, o Goberno local non respondeu, dando lugar a unha desestimación por silencio administrativo. O recurso da UTE foi inicialmente rexeitado polo Xulgado de Pontevedra, pero agora o TSXG revoga esa decisión ao considerar que a solicitude foi presentada en prazo e cumpría os requisitos legais.
Aínda que cabe recurso, desde Esquerda Unida lamentan o que esta sentenza supón, “máis de 180.000 euros de fondos públicos que poderían terse evitado, ou cando menos a cantidade podía ser menor, se se fixese una xestión rigorosa, transparente e eficaz”, asevera o seu voceiro, José Antonio Otero, que considera que “tal e como se desprende da sentenza, isto é froito da mala xestión do goberno municipal, que actuou con deixadez, sen responder ás solicitudes da empresa e sen anticiparse a unha reclamación perfectamente encaixada na normativa vixente”.
Segundo a sentenza, o impacto dos materiais como o aceiro, o aluminio ou o cobre superou o 5% do orzamento, o que, para a xustiza, xustifica unha revisión de 151.303,68 euros, máis o IVE e os xuros legais desde abril de 2022. “A pesar de que a sentenza non é firme entendemos que non hai moitas opcións de cambiar o veredicto, polo cal o Concello deberá afrontar agora ese pagamento cos cartos de toda a veciñanza”, indica Otero.
Para Esquerda Unida, esta sentenza, ademais, pon de manifesto unha realidade preocupante, “a día de hoxe, seguimos sen saber cal é o custo real da obra do Auditorio. Tres anos despois da súa recepción, seguen aparecendo gastos asociados a unha infraestrutura que conta con numerosas deficiencias dende a súa inauguración”, afirma o seu voceiro.
Filtracións de auga, baños inutilizados, cableados de son e corrente oxidados, marcos das fiestras fendidos, focos de iluminación inservibles,... foron algunhas das deficiencias detectadas polos concelleiros de Esquerda Unida cando realizaron a visita ao Auditorio hai ano e medio. Segundo indican, a gran maioría seguen sen subsanarse, sen mencionar o ascensor, que funciona por tempadas, polo que instan ao Alcalde a que esixa á UTE a solución de todas esas deficiencias.
“Se temos que asumir este novo pago, que o Goberno local actúe con responsabilidade e lle reclame á empresa construtora a reparación de todas as deficiencias que presenta o edificio, que non son poucas. É inaceptable que, ademais de asumir sobrecustos e pagos por sentenza, o Concello tolere que o edificio presente problemas estruturais, técnicos ou funcionais sen reacción nin supervisión”, sentenza Otero.
Y quien fue el Arquitecto que se hizo cargo de la dirección de las obras esto es muy importante para pedir responsabilidades y si contaba con las licencias pertinentes para hacer las obras
ResponderEliminarBoas ,veciñ@s, non estades fartos, de que , a quen o sepa estean recargando totalmente gratis, os vehículos eléctricos na rua Alexandre Boveda a conta de todois veciños
ResponderEliminar