xoves, 23 de decembro de 2021

EU denuncia que o Alcalde non lles facilita documentación relacionada co Auditorio

O grupo municipal esquerdista segue agardando pola documentación dende o pasado 3 de novembro. Denuncian que non é a primeira vez que lles impiden ou retrasan o acceso a documentos municipais o que lles fai “sospeitar que pode ocultar algo”.

Lémbranlle ao Alcalde que incumpre có dereito dos concelleiros ao acceso á documentación municipal precisa para o desenvolvemento das súas funcións e ameazan con acudir á Valedora do Pobo se segue sen facilitarlla.

O Grove, 23 de decembro de 2021.-  A agrupación local de Esquerda Unida acusa ao goberno socialista de falta de transparencia co seu grupo municipal e de impedir o labor de fiscalización dos seus concelleiros ao negarlle o acceso a documentación municipal.

Os esquerdistas manifestan que hai máis de mes e medio, o seu grupo municipal requiriu por rexistro unha documentación relacionada co Auditorio e que, a día de hoxe, esta non lles foi remitida nin se lles dou acceso á mesma. Así, dende Esquerda Unida, ao ver que seguían sen recibir resposta dende o 3 de novembro, o pasado día 15 fixeron unha nova solicitude, “agardando que desta vez nos fose remitida a devandita documentación, pero seguimos na mesma” expón o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.

Para Otero, “esta é unha nova mostra das actitudes de Cacabelos e da falta de transparencia do seu goberno, impedindo o labor de fiscalización dos concelleiros da oposición”“O Alcalde ten constancia desta solicitude dende o mesmo día 3 de novembro, e a pesar de que temos dereito á mesma, non dá a orde aos funcionarios para que nola trasladen” indica o voceiro esquerdista.

Segundo Otero, “esta non é a primeira vez que nos sucede, pois xa son numerosas as ocasións nas que solicitamos documentación e non a envían, non recibimos resposta ou retrasan o acceso á mesma co propósito de impedir facer o noso traballo”. O voceiro esquerdista tacha de “dubidosa” a actuación do Alcalde e teme que sexa indicio de algunha irregularidade “obrando desa maneira; retrasando ou impedindo o acceso a documentos sobre asuntos de actualidade municipais, cando menos, fainos sospeitar que oculta algo e que non lle interesa que poidamos investigalo, sentenza Otero que entende que, “se non quere que fagamos conxecturas erróneas, que nos permita sen retrasos o acceso aos documentos que solicitemos”.

Dende Esquerda Unida lémbranlle ao Alcalde que os concelleiros e concelleiras da corporación teñen dereito ao acceso á documentación municipal que resulte precisa para o desenvolvemento da súa función e que, a mesma, de non existir resolución negativa motivada, considérase concedida por silencio administrativo aos cinco días, tal e como indica o artigo 14 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

Así, os esquerdistas instan a Cacabelos a que poña xa a disposición do seu grupo municipal a documentación requirida, pois entenden cumpridos os prazos establecidos sen que se motivara unha resolución negativa. Otero non descarta “acudir á Valedora do Pobo se seguen retrasando ou impedindo o acceso á documentación municipal”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario