luns, 7 de febreiro de 2022

EU pregunta polos plans de circulación e estacionamento previstos para o peche dun carril en Alexandre Bóveda

 

Os esquerdistas solicitan unha xuntanza para analizar as posibles consecuencias que provocará esta obra en rúas adxacentes. Xa alertaron disto en setembro de 2021 e queren saber se se preparou algún plan.

Preguntan tamén se o goberno ten algunha alternativa á eliminación de prazas de estacionamento e se valoraron a proposta de EU para crear bolsas de aparcamentos.
O Grove, 7 de febreiro de 2022.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere despexar dúbidas sobre a obra de humanización do último tramo da rúa Alexandre Bóveda e solicita unha xuntanza de voceiros. E é que os esquerdistas, logo do anuncio da sinatura do convenio entre o Concello e Deputación para o inicio da obra e tras recibir o proxecto da mesma, queren coñecer o plan de circulación previsto para toda esa zona logo de confirmarse que a rúa será de sentido único dende o cruce de Rosalía ata Terra de Porto. Así mesmo, tamén se preocupan polas numerosas prazas de estacionamento que serán eliminadas e preguntan se o goberno contempla algunha alternativa para compensar esta perda.

Dende Esquerda Unida lembran que o pasado mes de setembro, durante unha xuntanza do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), o seu voceiro, José Antonio Otero, xa alertou das posibles consecuencias que provocaría en viais alternativos a eliminación dun carril de circulación na rúa Alexandre Bóveda, pois entenden que o tráfico rematará desviándose por estas rúas adxacentes que, segundo a valoración dos esquerdistas, non están capacitadas para soportar un fluxo moi alto de tráfico. Esquerda Unida considera que a veciñanza de rúas como Camiño de Hortos, Sol ou Holanda veranse prexudicados por ese aumento de tráfico, o que provocará maior perigosidade para os viandantes ao tratarse de carrís de circulación estreitos e sen beirarrúas.

Así mesmo, dende Esquerda Unida tamén recollen as queixas polas dúbidas que se lles presentan a moitas das nais e pais dos alumnos e alumnas do CEIP Rosalía de Castro, que entenden que terán que dar un enorme rodeo para levar e recoller as súas crianzas do colexio. 

Os esquerdistas queren saber se, dende que alertaron desta situación en setembro do ano pasado, o goberno traballou para solventar eses posibles problemas e por iso piden unha xuntanza para tratar o asunto. Aínda que dende a formación esquerdista se mostran escépticos co goberno, pois entenden que “a dinámica é solucionar os problemas segundo se produzan, tal e como fixeron cando humanizaron as primeiras fases da rúa”, indica José Antonio Otero que lembra “como se foron cambiando direccións de rúas cando comezaban as queixas da veciñanza, en lugar de facer un estudo completo con anterioridade”.

Do mesmo modo, dende Esquerda Unida tamén mostran a súa preocupación pola eliminación de prazas de estacionamento. Segundo Otero, “ollando o proxecto vemos como se eliminarán preto de 20 prazas de aparcadoiro, que se duplican se sumamos as que xa se suprimiron coas primeiras fases da humanización”. Por ese motivo, o voceiro esquerdista pregunta se traballaron a proposta que Esquerda Unida lles trasladou xa no 2019 para crear bolsas de estacionamento alternativo en solares sen edificar. “Existen numerosos solares en toda a zona e tan só é preciso negociar cos propietarios, pero vendo como se lle dan as negociacións a Cacabelos imaxinamos que esa idea é descartable neste goberno”, sentenza Otero.

Para esquerda Unida toda esta falta de información é unha nova mostra da nula transparencia e participación do goberno coa elaboración do PMUS, “feito en base ás ocorrencias do goberno municipal e adaptando a cada paso para solucionar os problemas que se ían presentando, en lugar de elaborarse de forma partícipe entre técnicos, veciñanza, actores sociais e políticos, tal e como manda o propio documento, e como se está facendo en numerosos concellos do pais” denuncia Otero.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario