martes, 7 de decembro de 2021

Resposta do voceiro de EU ás declaracións do Concelleiro de Deportes no pleno de novembro

O noso voceiro, José A.Otero, e a concelleira Cristina Domínguez nun pleno

EN RESPOSTA Á INTERVENCIÓN DO CONCELLEIRO DE DEPORTES NO PLENO DO 29 DE NOVEMBRO

Logo do comunicado emitido pola Asociación do Deporte Meco (ADM) en relación ás declaracións do Concelleiro de Deportes no pasado pleno, estou en disposición de responder aos ataques e mentiras emitidas polo Sr. Meis.

No pleno do pasado 29 de novembro, o Sr. Meis, concelleiro de Deportes, intervén no punto de "Rogos e Preguntas" respondendo, supostamente, ás preguntas realizadas por min na sesión anterior. Dicir que, realmente, non dou resposta a esas preguntas porque seguimos sen saber se se está traballando para cubrir a praza da Técnica de Deportes que deixou de forma voluntaria o seu posto hai máis dun mes, e cales serían as consecuencias da ausencia da mesma. Unha das cuestións que máis nos preocupaba, ao igual que aos clubs deportivos. Ao que si respondeu o Sr. Meis foi ás notas de prensa emitidas polo partido que represento (Esquerda Unida) e, en consecuencia, a ADM e demais clubs deportivos da localidade.

Esta resposta confirmou no mesmo pleno a nosa sospeita, que non é outra que a actitude prepotente e maleducada do concelleiro, á que agora lle sumamos a de mentireiro, logo de que a ADM o deixara en evidencia.

Así mesmo no pleno, o Sr. Meis, co seu alarde de superioridade, vociferou contra a miña persoa indicando que lle parecía incrible que “un concelleiro que pretende ser Alcalde non saiba que as bases das subvencións non poden publicarse sen os orzamentos aprobados”. O incrible é que un concelleiro que leva seis anos no cargo tente usar ese argumento pois, ou verdadeiramente é el o que non ten idea, ou tenta enganar á veciñanza. Primeiramente, as bases poden publicarse igual, xa que ata a aprobación das contas do propio ano, o goberno conta con uns orzamentos prorrogados do exercicio anterior, e non é a primeira vez que sucede. O problema xurde cando non se usan as mesmas partidas. No 2020 o equipo de goberno quixo reducir, e finalmente reduciu, a partida de subvencións directas en 22.000€, de 97.000 € (91.000 para os demais de 30 licenzas e 6.000 para os de menos) a 75.000 € (70.000 e 5.000) polo que loxicamente era imposible sacar as bases no primeiro semestre, xa que se verían obrigados a manter os 97.000 € no orzamento (aprobado en outubro). No 2021 volve suceder algo parecido. Esta vez, no orzamento prorrogado xa existe a partida de 75.000 € co que poderían saír as bases no primeiro semestre, pero, como prometeu volver aos 97.000 €, debía agardar á aprobación dos orzamentos do propio exercicio (finalmente o Sr. Meis non foi quen de recuperar os 22.000 € e mantívose o recorte do ano anterior). Aínda así, como ben indica tamén a ADM, escusar o retraso na publicación das bases das subvencións nos tempos trala aprobación do orzamento é rastrero pois, se os orzamentos do 2020 e 2021 se aprobaron tarde foi única e exclusivamente por incompetencia do propio goberno, que, con maioría absoluta, non é quen de aprobar as contas en tempo e forma.

Por outro lado, o Sr. Meis vociferou da mesma maneira para asegurar que non teño idea de como se reparten as subvencións. En primeiro lugar, durante todos os anos que fun secretario dun club,  tiven que lidar coas subvencións, polo que non creo que poida darme leccións. Segundo afirmaba o concelleiro, os que non competiron no 2020 non terían puntos para optar ás subvencións. Ten razón, pero para iso estamos os concelleiros, para procurar solucións e axudar ás entidades locais. E neste caso a solución era ben sinxela: negociar cos clubs, de maneira excepcional, usar nas bases deste ano os baremos do 2019 (última tempada na que competiron de forma regular), co propósito de que en esta tempada, que volven á normalidade, conten con cartos suficientes para poder sufragar os diferentes gastos que teñen, xa mermados pola redución de ingresos en canto a patrocinadores.

Dicirlle ao Sr. Meis que si, que este concelleiro que se presentou a Alcalde, e pode que o volva facer no 2023, e as persoas que forman parte de Esquerda Unida O Grove, sabemos de sobra como funciona a administración local, pero sobre todo sabemos como procurar solucións para as trabas que se van sucedendo no camiño co propósito de axudar e prexudicar o máis mínimo ás entidades, asociacións e/ou á propia veciñanza. Vostede demostrou que non. O que si evidenciou foi a súa prepotencia, a súa mala educación, as súas formas ameazantes, os seus enganos e as súas mentiras. Quizais vaia sendo hora de que presente a súa dimisión.

Por certo, no Grove igual hai 22 clubs deportivos e a ADM representa a tan só 8, pero eses 8 albergan o 90% das fichas federativas de base, e 7 entran dentro dos 9 que optan aos 70.000 € das subvencións deportivas. Algo terán que dicir e, cando menos, merecerán un respecto, o cal nós si lle temos.

O Grove, 7 de decembro de 2021.

José Antonio Otero González

Voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida 

 

DATOS DE INTERESE

Intervención do Concelleiro de Deportes no punto de Rogos e Preguntas:

https://youtu.be/XYEHsd2lCiU?t=10196

Comunicado emitido pola Asociación do Deporte Meco

https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=10157911351846213&id=87073556212

TÁBOA EVOLUCIÓN ORZAMENTOS SUBVECIÓNS

Subvencións clubs deportivos con máis de 30 licenzas

2019

2020

2021

91.000 €

70.000 €

70.000 €

Subvencións clubs deportivos con menos de 30 licenzas

2019

2020

2021

6.000 €

5.000 €

5.000 €

Subvencións eventos deportivos

2019

2020

2021

25.000 €

5.000 €

10.000 €

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario