luns, 27 de xullo de 2020

EU pide que o concello instale sacos de grandes dimensións para a recollida de residuos expulsado polo mar

Fotos de Elena Castro Castro (facebook foro todogrove)
mostrando os materiais impropios recollidos pola xente e despositados nos accesos das praias.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno do vindeiro luns unha moción na que instará ao goberno municipal á instalación de sacos de grandes dimensións en diferentes areais destinados á recollida e xestión dos materiais impropios expulsados polo mar nas costas grovenses.

Os esquerdistas entenden que cada día son máis as persoas que nas súas visitas aos areais e outros recunchos da costa grovense deciden aproveitar os paseos ou momentos de lecer para recoller os materiais que, tanto pola propia actividade humana como polo incivismo, rematan no mar e logo son devoltos ás costas. 

Afirman así mesmo, que é habitual ver como eses materiais, que polas súas dimensión, por tratarse de residuos impropios ou pola falta de colectores na zona, son depositados nas proximidades dos accesos aos areais. Unha situación que, segundo Esquerda Unida, provoca que na maioría das ocasións rematen espallados pola contorna ou volvan novamente ao mar, ocasionando un problema aínda maior.

É por isto que dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida propoñen a instalación de sacos de grandes dimensións, como os utilizados nas obras para a recollida de escombro, situados en puntos estratéxicos do litoral grovense e perfectamente identificados. Unha solución que dende a agrupación esquerdista consideran económica e axeitada e que facilitaría á xente un medio sinxelo onde depositar os materiais que voluntariamente recollen das praias, mar rochas e outros lugares, aliviando os colectores, permitindo unha mellor xestión do lixo e mellora na reciclaxe e ofrecendo unha mellor imaxe da contorna grovense.

Exemplo do saco proposto por Esquerda Unida

Moción completa

PARA A INSTALACIÓN DE SACOS DE GRANDES DIMENSIÓNS, “SACOS DE ESCOMBRO”, DESTINADOS Á RECOLLIDA E XESTIÓN DOS MATERIAIS E RESIDUOS EXPULSADOS POLO MAR NAS NOSAS COSTAS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Nos últimos tempos vense observando un cambio radical na actitude tanto de veciñas e veciños como de visitantes que gozan das paraxes de todo o litoral grovense, máxime na súa fachada oeste (senda litoral dos tramos da praia da Lanzada e dende Pedras Negras ata con negro), en canto á sensibilización co medio ambiente e co gravísimo problema que supón a cantidade de materiais que, pola nosa  actividade e ás veces tamén polo noso incivismo, rematan no mar co enorme prexuízo que iso supón.

Noutrora, a maioría da xente consideraba que todo o que o mar devolvía á praia ou a calquera punto da costa, tiña que ser recollido e xestionado polas administracións pertinentes: Xunta, Deputación ou Concello. Incluso se agardaba ás habituais actividades que algún centro escolar ou entidade organizaba para limpar espazos ou zonas concretas. Hoxe en día, a realidade é ben distinta e a preocupación e concienciación ante a situación medioambiental actual leva a que moitas persoas xa consideran que esta cuestión non só é responsabilidade das administracións, senón que implica a todo o mundo e que todas e todos podemos e debemos aportar o noso gran de area para facilitar a xestión destes materiais, na súa maioría plásticos, que constantemente chegan a ás nosas costas derivadas das correntes mariñas predominantes.

No noso concello é habitual ollar como no tramo da zona da Batería de San Vicente, por exemplo, moitas persoas e/ou familias enteiras, a título individual, aproveitan as súas visitas de lecer á zona e os seus paseos polas praias para recoller todo tipo de plásticos e materiais que se van atopando polo camiño. Na gran maioría dos casos vemos como estes elementos que se recollen son depositados preto das zonas nas que se atopan os colectores de lixo, cando existen, ou nas zonas máis próximas ao paseo ou accesos ás praias e sendeiros; aparcadoiro onde comeza a ruta de Punta Abelleiro (ao carón do Náutico), a pista de acceso á praia de Canelas ou o aparcadoiro de Con Negro. No caso da Lanzada adoitan ser depositados nos accesos peonís á praia ou no aparcadoiro central ou zona do Sanatorio. Na maioría dos casos estes elementos non son depositados nos colectores, ben por non existir, por atoparse cheos, por superar as dimensións do propio colector ou por tratarse de materiais ou residuos chamados impropios que deben ser xestionados doutro xeito. No mellor dos casos, onde existen colectores, a recollida realizase unha vez á semana, o que ás veces é insuficiente. Pero onde non existen estes colectores e os residuos quedan amontoados e non son recollidos polos servizos municipais, lamentablemente rematan outra vez no mar ou espallados polas praias e montes ocasionando un problema aínda maior.

Son moitas as veciñas e veciños que nos trasladan solucións, non custosas, para paliar esta situación e que dependen da administración local. Solucións das que temos constancia que xa foron postas en coñecemento da concellería correspondente tanto de palabra como a través dun escrito por rexistro, do cal xurde esta moción.

Unha destas solucións, que dende Esquerda Unida consideramos axeitada, pasa pola instalación de sacos de grandes dimensións, como os utilizados en obras para a recollida de escombro, situados en puntos estratéxicos do noso litoral (Con Negro, Canelas - Batería, Punta Abelleiro, Sanatorio, aparcadoiro Lanzada, Praia de Rons, Praia das Pipas...) e perfectamente identificados co logo do Concello e a súa finalidade (RECOLLIDA RESÍDUOS IMPROPIOS DO MAR). Sacos que o propio concello recollería habitualmente para xestionar a súa reciclaxe ou destrución.

Un método que facilitaría á xente un medio sinxelo onde depositar os materiais que voluntariamente recolle das praias, mar, rochas e outros lugares, aliviando os colectores e permitindo unha mellor xestión do lixo e mellora na reciclaxe. Así mesmo a instalación destes sacos permitiría unha mellor imaxe da nosa contorna, evitando ver espallado ese material que recolle a xente por todo o litoral provocando as veces que volva ao mar.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao Concello do Grove a:

1. Instalar sacos de grandes dimensións, coñecidos como “sacos de escombro”, debidamente identificados, en diferentes puntos do noso litoral para facilitar o depósito dos materiais expulsados polo mar nas nosas praias e costas.

2.    Que se realice este servizo durante a época non estival, pero que se valore a posibilidade de realizalo tamén na época estival, aínda que se conte con servizo de limpeza de praias.

3.    Que se faga unha programación de recollida puntual dos diferentes sacos e se xestione a súa reciclaxe ou eliminación co Punto Limpo.

4.    Que se realice unha campaña de concienciación co medio ambiente e de información indicando os puntos de instalación dos citados sacos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario