martes, 20 de agosto de 2019

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a mellorar a seguridade da rúa Entrehortas

Beirado dunha vivenda da rúa Entrehortas danado por un vehículo.
Foto: @EUOGrove
O Grupo Municipal de Esquerda Unida volve reclamar unha actuación na rúa que une Conricado coa Luís Antonio Mestre para mellorar a seguridade dos viandantes. 

Advirten de que están circulando vehículos que superan as medidas da rúa, provocando danos continuos nas vivendas alí existentes e piden que cando menos se instale un sinal indicando as medidas máxima do vial para evitar esta situación.

O Grove, 19 de agosto de 2019.- Co peche do tramo da rúa Castelao ao tránsito de vehículos no ano 2017 e a habilitación do aparcamento en Entrehortas, a rúa que transita dende Conricado ata Luís Antonio Mestre sufriu un aumento de tráfico que se ve agravado nas épocas de afluencia turística. Unha circunstancia que, segundo indican dende Esquerda Unida, está a provocar unha gran inseguridade para a veciñanza e viandantes pois “a rúa é estreita e non cumpre coas medidas precisas para a convivencia de vehículos e peóns”. Isto xa foi advertido en varias ocasións polos concelleiros esquerdistas no anterior mandato, que solicitaron unha actuación urxente nesa zona, a cal non foi atendida polo goberno, a tenor do que agora denuncian dende as filas esquerdistas. E é que dende a formación liderada por José Antonio Otero, indican que a situación agrávase cando por esta rúa circulan vehículos de maior tamaño que o que a priori permite a casuística da vía, provocando que moitos queden atrapados no seu traxecto e incluso, como sucedeu estes días, causen danos nos beirados das vivendas alí situadas. 

Unha situación que Esquerda Unida indica se repite cada certo tempo, “pois como non existe ningunha sinalización advertindo do ancho e alto máximo da vía, métese todo o mundo, sexa para ir ao aparcamento de Entrehortas ou para regresar á rúa principal”. Na última semana foron as veciñas e veciños os que tiveron que mediar para evitar que as tellas dunha vivenda chegasen a caer sobre vehículos e viandantes logo de que un camión, que superaba as medidas da rúa, danara a fachada dunha das vivendas alí situadas. “Polo que nos di a veciñanza, isto sucede continuamente dende que se pechou a Catorse e evitaríase cun simple sinal” indican dende Esquerda Unida.

É por iso, que os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Cristina Domínguez, pediron por rexistro que o concello actúe canto antes para dar maior seguridade á rúa de Entrehortas e aos seus viandantes e que, como medida urxente, se instalen sinais indicadores das medidas máximas para a circulación de vehículos por este tramo que evite que queden atoados ou causen danos ás vivendas. 

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario