sábado, 31 de agosto de 2019

Esquerda Unida pregunta pola situación da Escola de Música no vindeiro curso

Escola de Música Jose Silva Torres. Foto: La Voz de Galicia
O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia que o contrato de explotación do servizo expirou en novembro do pasado ano e a día de hoxe non se convocou un novo concurso.

José Antonio Otero recorda que o servizo xa funcionou o pasado curso de forma irregular e pregunta se vai seguir así nesta nova tempada escolar.

O Grove, 30 de agosto de 2019.- Os concelleiros do Grupo Municipal de EU, José Antonio Otero e Ana Cristina Domínguez veñen de solicitar por rexistro información sobre a situación na que se atopa a Escola de Musica municipal. E é que segundo os esquerdistas o contrato coa empresa que realizaba os servizos no pasado curso, finalizou en novembro de 2018 sen que o concello o sacase novamente a concurso.

José Antonio Otero recorda que no pleno de febreiro deste ano preguntou en que situación se atopaba a escola de música municipal e se funcionaba de forma ilegal e/ou irregular trala finalización do contrato en novembro do 2018, pois o servizo seguía funcionando coa mesma empresa. Segundo Otero, a concelleira responsable, por aquel entón Pili Galiñanes, dixo nese pleno que a Escola de Música municipal estaba funcionando de forma irregular, pero non ilegal. Indica o voceiro de Esquerda Unida que Galiñanes afirmou que os servizos municipais non foran quen de preparar a tempo os pregos para unha nova licitación polo que optaron por continuar o servizo ata finalizar o curso e que realizarían o novo concurso público para que o servizo estivese funcionando no comezo da nova tempada escolar. "Pero a día de hoxe non existe esa convocatoria nin os pregos de condicións para que calquera empresa interesada poida facerse co servizo" sentencia Otero. Por ese motivo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexistrou unha serie de preguntas para coñecer se dende o concello “teñen intención de sacar a concurso o servizo ou se o van a adxudicar a dedo". Así mesmo queren saber en que momento comezarán as clases, "porque se deciden sacalo a concurso, que é como ten que ser, entendemos que non daría tempo a comezar a mediados de outubro, coma os outros anos" conclúe Otero.

Pregunta EU, min. 1:45:46
Resposta concelleira, min. 2:42:08

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario