Considera inaceptable a situación no entorno do colexio Rosalía de Castro e no recén humanizado tramo de Alexandre Bóveda, onde autobuses e camións se ven obrigados a circular en dirección prohibida case a diario
Lamenta que o goberno local impulse proxectos de humanización e cambios illados sen contar antes cunha proposta xeral realista e fundamentada nas características e necesidades da rede viaria do casco urbano
Denuncia a ineficiente xestión municipal neste senso, e insta ao alcalde a traballar con seriedade e rigor para que o Plan de Mobilidade poida plasmarse no PXOM
O Grove, 27 de outubro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve instar ao goberno local a convocar coa máxima urxencia unha xuntanza de traballo que permita avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade e aporte solucións aos problemas xerados polos últimos cambios relacionados coa ordenación do tráfico no casco urbano. A formación denuncia o caos circulatorio que o peche dun carril en Alexandre Bóveda ten xerado en rúas próximas; e os problemas que autobuses e camións padecen case a diario a consecuencia dos mesmos; e que provocan que estes circulen por dirección prohibida día si e día tamén.
Esquerda Unida entende que non é de recibo que o Concello empregue recursos en actuacións de humanización illadas, cando O Grove carece aínda dun Plan de Mobilidade que contemple e recolla as necesidades do conxunto do casco urbano en materia de tráfico. As consecuencias de non facelo así xa está a padecelas a veciñanza practicamente a diario, pois os vehículos de maiores dimensións teñen serias dificultades para efectuar os xiros aos que obrigan os novos sentidos de circulación. E é habitual que os autobuses escolares ou os camións que veñen dende Terra de Porto por Alexandre Bóveda se vexan obrigados a circular en dirección prohibida polo último treito desa rúa, agora de sentido único. O motivo: non dispoñen de espazo suficiente para efectuar o xiro cara a Rosalía de Castro.
Para o responsable local da formación resulta chocante que o goberno local anuncie un PXOM rematado cando aínda non está claro o Plan de Mobilidade que se vai executar; e que debería terse impulsado con anterioridade para poder ser incluído no plan xeral urbanístico.
José Antonio Otero faise eco do tremendo caos circulatorio que tamén denuncian as e os grovenses, e apela ao sentido da responsabilidade do alcalde para convocar unha xuntanza de traballo e impulsar canto antes o Plan de Mobilidade e buscar solucións acordes á realidade do mapa grovense.
Inseguridade para os escolares
Os problemas e embotellamentos repítense nas rúas Alexandre Bóveda, Rosalía de Castro, Avedida de Portugal, Luís Antonio Mestre e Rúa da Igrexa. Ademais, os cambios introducidos nos últimos meses teñen derivado un maior fluxo de tráfico cara a outras rúas da contorna máis estreitas, como a do Sol, Raposeira ou Montiño, así como no Sineiro ou en Entrehortas. Rúas que non ofrecen condicións para unha mobilidade segura, pois non contan con beirarrúas ou zonas de tránsito delimitadas para os peóns.
Esquerda Unida destaca a perigosidade que a situación implica para a comunidade escolar. Tanto polo colapso que padece Rosalía de Castro coincidindo cos horarios de entrada e saída do colexio. Como por ese maior tráfico de vehículos que se ten trasladado cara a ruelas da contorna polas que, en moitos casos, transcorren os Camiños Escolares Seguros.
Reclama un incremento da vixilancia nos Camiños Escolares Seguros
Esquerda Unida destaca que, a pesar da presentación a bombo e platillo dos Camiños Escolares Seguros que o goberno local realizou no seu día, estes non están a funcionar como tal na realidade. Nese senso, o responsable local da formación denuncia que a medida se teña reducido á colocación dunha serie de carteis indicadores; pero a realidade é que no día a día non está a facilitarse unha vixilancia das rutas nin existen medidas de seguridade para os cativos nos cruces ou pasos de peóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario