domingo, 21 de outubro de 2018

EU denuncia atrasos de máis dun ano no pago a asociacións culturais que actuaron na Festa do Marisco

A fomación denuncia os impagos e insta ao Concello a saldar as débedas de inmediato

Lamenta o desleixo do goberno local e o abuso cara aos colectivos locais no que ten incorrido o grupo do PSOE

O Grove, 20 de outubro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a asumir coa máxima celeridade a débeda que mantén dende hai xa máis dun ano con distintas asociación culturais que actuaron na edición de 2017 da Festa do Marisco. A formación considera inaceptable que, cando xa teñen concluido os festexos deste ano, o executivo de Cacabelos aínda non teña afrontado os pagos correspondentes ao exercicio anterior. Unha actitude que evidencia unha inaceptable falta de consideración do Concello cara aos colectivos locais que colaboran na programación do Marisco.

Cando a Festa do Marisco deste ano xa ten sido clausurada, son varios os colectivos que aínda non cobraron polas actuacións realizadas na celebración de 2017. E, a pesar de que o asunto xa foi denunciado en pleno polo grupo de Esquerda Unida, o goberno socialista continúa, nunha inaceptable mostra de desleixo e falta de consideración, sen facerse cargo deses pagos. 

EU quere denunciar públicamente uns impagos que non afectan únicamente aos colectivos culturais. E é que, tal e como explica o responsable local da formación, o grupo municipal esquerdista ten “constancia de que outros servizos da edición pasada foron abonados nas semanas previas ao comezo desta festa”.

Para Esquerda Unida resulta intolerable o ninguneo ao que o goberno local está a someter aos colectivos locais que, ano tras ano, poñen o seu esforzo ao servizo do Grove e colaboran para que a Festa do Marisco poida contar cunha programación cultural o máis ampla posible. “Segundo sabemos, a un dos colectivos afectados díxoselle en agosto que a factura tiña que ir a pleno, pero en setembro non foi e para outubro, polo que temos entendido, tampouco irá”, explica José Antonio Otero, que solicita que “se axilice ao máximo o trámite para que a nomeada factura poida entrar na orde do día da sesión plenaria deste mes e así os afectados poidan cobrar polo traballo realizado o máis axiña posible”.

Para Esquerda Unida non resulta aceptable que a administración local incorra neste tipo de prácticas, desatendendo as súas obrigas de pago e prestando unha consideración nula ás necesidades duns colectivos que sempre se caracterizaron polo seu afán de colaboración. 

Así as cousas, a formación apela á responsabilidade do goberno local para que algo así non volva repetirse. E, ademais de instar ao grupo que lidera Jose Cacabelos a saldar coa máxima celeridade as débedas atrasadas, esixe que os servizos correspondentes á edición deste ano sexan abonados polo Concello en tempo e forma. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario