A pesar de que a ordenanza que regula o prezo de uso
destas instalacións deportivas aínda non entrou en vigor, hai semanas que xa se
cobra aos usuarios
Os prezos que están a aplicarse non se corresponden cos
recollidos na ordenanza que foi aprobada en pleno
Foto: facebook Concello do Grove |
O Grove, 5 de maio de 2018.- O grupo
municipal de Esquerda Unida denuncia o cobro ilegal de tarifas inventadas polo
uso das novas pistas de pádel anexas ao pavillón de deportes do Monte da Vila.
A formación ven de rexistrar unha solicitude na que insta ao Concello a
reembolsar os importes indebidamente ingresados por este concepto nas últimas
semanas. E é que, a pesar de que a ordenanza que regula o prezo destas
instalacións aínda non entrou en vigor, estanse a aplicar unhas tarifas que,
para maior gravidade, nen tan sequera coinciden coas aprobadas en pleno.
“Estase vulnerando a lei ao aplicar unha taxa que non
está en vigor, así como uns bonos que nada teñen que ver co aprobado en pleno”.
Así o explica o edil José Antonio Otero, que denuncia a total arbitrariedade do
goberno local en relación a un asunto da maior gravidade, ante o que deberan
tomarse as medidas oportunas. EU entende que un proceder coma este non pode ter
cabida no seo dunha administración pública, e esixe que se depuren as
responsabilidades pertinentes.
O 26 de marzo a corporación aprobou inicialmente a
modificación da Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento
das instalacións deportivas municipais. Un cambio que o goberno local levou a
pleno, precisamente, co obxectivo de incluír nese documento fiscal os prezos
das novas pistas de pádel. Pero a nomeada modificación atópase aínda en período
de exposición pública, e non entrará en vigor ata o 25 deste mes de maio
(sempre e cando non se presenten alegacións, caso no que esa data se vería
atrasada).
A ordenanza contempla unha taxa de 10 euros por hora e
media de uso das nomeadas pistas en horario de mañá (de 9 a 15 horas); e de 12
euros polo mesmo tempo en horario de tarde (de 15 a 22:30). Así como dous
bonos: un de 5 sesións para ser usado durante as mañás, a 40 euros; e outro de
50 euros para as tardes.
Se ben os prezos das sesións individuais que están a aplicarse
si coinciden cos recollidos no documento fiscal municipal; non acontece así cos
bonos. E é que, xa dende o pasado 23 de abril, o Concello oferta un bono de dez
partidas a 25 euros; e outro de 40 a 100 euros, ambos para ser utilizados en
calquera franxa horaria. Ademais, están a aplicarse bonificacións nas cargas
realizadas no moedeiro da aplicación utilizada para a reserva das pistas;
cuestión que tampouco se estipula na nomeada ordenanza.
Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario